A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Máis espazo, menos tempo muxindo e mellor reconto de células: así é o novo DeLaval VMS V300

Máis espazo, menos tempo muxindo e mellor reconto de células: así é o novo DeLaval VMS V300

Nun encontro online organizado por DeLaval e dirixido a técnicos e medios, Luis Castro, xefe de produto para España e Portugal, e o seu compañeiro, tamén xefe de produto e especialista en sensores, Paco Gálvez, deron a coñecer as novidades e vantaxes que presenta a nova versión do robot de muxidura de DeLaval VMS V300 modelo 2025.

A primeira desas vantaxes ten que ver coa regulación dos baleiros na punta de cada tetilla ao longo do proceso. Se ben noutros sistemas e modelos o habitual é que ese parámetro baixe nos picos máximos de fluxo de leite, este robot incorpora o sistema de muxidura Flow Responsive Milking (FRM), que mantén constante o baleiro e monitoriza a variación de fluxo nos catro tetos independentemente.

A principal vantaxe do FRM é que reduce o tempo que se tarda en muxir cada animal, co conseguinte efecto beneficioso sobre a súa saúde, ademais de causarlle unha sensación de benestar por non haber cambios bruscos de baleiro.

Este modelo reduce o tempo de muxido nunha media de 30 segundos por vaca

O responsable de produto indicou que o dispositivo ten unha alta retrocompatibilidade. É dicir, a maior parte dos compoñentes dos robots anteriores a este modelo son compatibles con el, se ben hai pequenas variacións, como o emprego de válvulas máis robustas para manter o baleiro do FRM. E para a súa utilización non é precisa unha formación adicional para os gandeiros, xa que é de moi doado manexo.

Ao reducir a muxidura entre 27 e 40 segundos por vaca, ao cabo do ano supón un aforro de tempo que permite muxir máis vacas por día ou que as que xa hai pasen máis veces polo robot.

Nas 50 explotacións piloto onde se fixeron medicións, a redución media do tempo de muxidura foi de 30 segundos. Ademais, ao manter o baleiro constante nos catro tetos, redúcese o leite residual que se perde, que noutros sistemas pode chegar a 23 gramos por cada cuarto. E quizais o máis importante, todo elo sen comprometer a saúde do ubre nin a calidade do leite.

Os gandeiros poden utilizar esta capacidade adicional para realizar máis muxiduras por vaca, máis vacas por estación ou ter máis tempo de inactividade para unha operación sen estrés. En xeral, permítelles muxir mellor ca nunca e dálles máis opcións de organización, segundo sinalan desde a empresa.

Os robots VMS V300 anteriores a 2025 son compatibles cos sistemas MRF e MCA

Os robots anteriores a 2025 son compatibles cos sistemas FRM e MCA

Tecnoloxía mellorada, intelixencia, eficiencia, flexibilidade e velocidade: estes son algúns dos parámetros que DeLaval procuraba potenciar co novo modelo, e conseguiuno cun produto innovador pero adaptable.

Así, unha das vantaxes que presenta o robot é que permite que a vaca dispoña de máis espazo sen que o robot ocupe máis sitio na explotación. Todo cunha pequena modificación no sistema dispensador de pensos e no lugar onde se deposita.

Segundo explicou Luís Castro, o que se fixo foi elevar e desprazar 20 centímetros cara adiante o comedeiro sen alterar a lonxitude do robot e mellorando as dimensións do propio comedeiro. Dese xeito, a vaca pode erguer a cabeza con máis comodidade e comer máis tranquilamente, ao tempo que gaña espazo, mellorando a súa comoidade. Todas estas vantaxes unidas fan que as vacas reduzan ata un 50% o índice de patadas durante o muxido, sendo estas un claro indicativo de que o muxido das vacas é máis confortable e suave, o que repercute no benestar animal.

A lonxitude do espazo dispoñible para a vaca no novo robot é de 2,82 metros fronte aos 2,62 do modelo anterior. E a lonxitude do comedeiro pasa de 32 a 46 centímetros, co conseguinte aumento de espazo para a cabeza do animal.

Castro presentou os resultados obtidos co novo robot na explotación LMA Rasmussen, en Dinamarca. Os seus propietarios constataron que os niveis de tempo de ordeño e saúde da ubre se axustaban aos obxectivos fixados por DeLaval e que mesmo se conseguiu unha hora máis de dispoñibilidade diaria do robot.

Os bos resultados obtidos levan a que a garantía do robot sexa de ata 8 anos

Os bos resultados obtidos permiten a DeLaval ofrecer unha garantía de ata 8 anos no seu novo robot. Están convencidos de que o esforzo en mellora tecnolóxica non só se vai reflectir na calidade e cantidade do leite recollido, senón tamén na durabilidade do produto. Unha garantía, ademais, que conta co aval da certificación ISAI+.

Control de células somáticas

Paco Gálvez foi o encargado de presentar o sistema DeLaval BioSensors Milk Cell Analysis (MCA). O primeiro que dixo foi que a intención da empresa é seguir contando todas as células somáticas e non facer unha estimación, por moi aproximada que sexa.

Robustez, precisión e sustentabilidade son os tres piares nos que se basea o novo dispositivo. Como tamén o é a limpeza: o sensor lávase automaticamente cada seis horas e recibe un enxuague cada vez que se realiza unha analítica.

Esquema de funcionamento do sistema MCA DeLaval

Esquema de funcionamento do sistema MCA DeLaval

O sistema funciona mediante a análise de imaxes tomadas con alta precisión. Os consumibles que se utilizan para a obtención e elaboración das imaxes son totalmente sustentables e poden ser evacuados polo desaugadoiro do robot sen causar ningún prexuízo ao medio ambiente. O que se emprega son tinguiduras que rompen o ADN das células do leite e lles dan unha coloración concreta. É así, contando esas cores, como se realiza o reconto, explicou Gálvez.

Os novos dispositivos son plenamente compatibles con calquera robot de DeLaval. O seu reconto cumpre cos requisitos de ICAR e os estándares fixados polos prestixiosos laboratorios Eurofins.

Todo co obxectivo de monitorizar a saúde da ubre e facer un reconto real e individual das células somáticas no leite, axudando os gandeiros a mellorar a xestión da saúde mamaria, a calidade do leite e a detección temperá de mastites clínicas e subclínicas.

Tamén contribúe a tomar decisións sobre o secado, a reducir tratamentos innecesarios con antibióticos e a promover prácticas responsables nas explotacións leiteiras.

Gálvez explicou que os novos sensores son de moi doada instalación e, aínda así, levan un código QR no que os instaladores teñen toda a información necesaria para poñelos en funcionamento. Nun prazo máximo de seis horas xa están operativos. E o tipo e periodicidade das medicións pódese adaptar ás prácticas de calidade do leite que decidan o gandeiro e o seu asesor: poden ser individualizadas, colectivas, diarias, semanais…

Finalmente, os dous técnicos mencionaron que todos os produtos e servizos de muxidura da empresa ven reforzado o seu funcionamento mediante as ferramentas dixitais avanzadas que ofrece DeLaval para mellorar a supervisión e control do rendemento con técnicas de alta calidade en xestión, análise e predición.

Por exemplo, o modelo VMSTM V300 2025 mantén toda a tecnoloxía de vangarda da gama V300, incluído o sistema de visión DeLaval InSight e o sistema de muxidura DeLaval PureFlow.

DeLaval InSight está impulsado por intelixencia artificial, axudando a garantir unha velocidade e precisión superiores para a serie VMSTM V300 e proporciona unha localización máis precisa dos tetos, o que resulta especialmente beneficioso para as vacas que se inician na muxidura automatizada ou para aquelas que requiren unha atención especial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *