Máis dun cento de produtos e iniciativas optan aos XII Premios Galicia Alimentación de Clusaga

A categoría de “Alimentos e bebidas” recibiu 74 propostas, mentres que a de “Iniciativas do sector alimentario” chegou ás 31. A entrega de galardóns terá lugar o 11 de xuño nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación: Alimentar o futuro

FOTO CLUSAGA- Premios Galicia Alimentacion 1Máis dun cento de iniciativas e proxectos do sector da alimentación e as bebidas optarán aos Premios Galicia Alimentación, unha iniciativa coa que Clusaga busca un claro obxectivo: recoñecer a excelencia, a innovación e a sostibilidade dentro deste ámbito. Tras pecharse o prazo de presentación, o Clúster Alimentario de Galicia volveu referendar o interese e a implicación dos profesionais con respecto a estes galardóns. As cifras de participación resultantes foron similares ás de edicións anteriores, con 105 candidaturas.

Por categorías, a de “Alimentos e bebidas” foi a que recibiu o maior número de postulacións, con 74 propostas. Neste apartado inclúense o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente (44 candidaturas) e o Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador (con 30). En canto á categoría de “Iniciativas do sector alimentario”, foron 31 os proxectos postulados e que se disputarán o Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado, o Premio Galicia Alimentación á Innovación e ao Premio Galicia Alimentación á Sustentabilidade.

A entrega destes recoñecementos levarase a cabo o xoves, 11 de xuño, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A cerimonia estará enmarcada no ‘Foro Galicia Alimentación: Alimentar o futuro’ e desenvolverase co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadisa, Vegalsa Eroski e Fundación Semana Verde de Galicia.

Esta cita imperdible para os profesionais deste ámbito completarase cunha exposición de alimentos e bebidas excelentes e innovadores que estará composta por produtos postulados aos Premios Galicia Alimentación.

Xurado

O xurado dos XII Premios Galicia Alimentación estará integrado por varios representantes das Consellerías de Economía e Industria, Mar, Medio Rural e Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. O tribunal contará, así mesmo, con representación das tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo) e das entidades e organizacións vinculadas ao desenvolvemento do sector. Por último, integrarán o xurado membros das entidades patrocinadoras (Caixa Rural Galega, Gadisa y Vegalsa-Eroski), mentres que a Fundación Juana de Vega e o Consejo Regulador de las IGP Ternera Gallega y Vaca Gallega-Boi Galego intervirán en calidade de colaboradores.

A diversidade de perfís institucionais, académicos e sectoriais presentes garante unha avaliación rigorosa, independente e aliñada cos valores de excelencia, innovación e compromiso co sector agroalimentario galego que promoven os Premios Galicia Alimentación.

A xornada de deliberación terá lugar o xoves, 21 de maio, no Hotel Palacio del Carmen que, ademais, tomará parte tamén como entidade patrocinadora do evento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información