
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) acolleu o ‘Open Day Clienfarms, Mabegondo Experimental Farm’ un evento no que se deron a coñecer os avances do Climate Neutral Farms, un proxecto europeo no que se miden as emisións de gases en diferentes modelos de granxas de vacún de leite. A principal conclusión é que ningún sistema é máis contaminante ca outro, que o manexo é a clave e que en todas as explotacións é posible acometer algunha acción fronte ao cambio climático.
Francisco Ónega foi o encargado de abrir o acto. É enxeñeiro agrónomo, e dende o 2013 responsable de investigación e ciencia no Servizo de Apoio da Asociación Europea para a Innovación en Agricultura. A súa intervención levaba por título “Mitigación do cambio climático en agricultura”.
Ónega sinalou que, de 4.000 grupos operativos que hai en funcionamento na Unión Europea (UE), tan só o 5% traballan directamente sobre o cambio climático. E explicou o traballo das Unidades de Apoio dentro da Rede PAC. No seu caso, son equipos humanos de diferentes disciplinas que informan a UE sobre os avances e innovacións fronte ao cambio climático.
O enxeñeiro falou das actividades que desenvolven e do seu labor divulgativo. Por exemplo, un taller sobre neutralidade carbónica de desenvolveron durante a pandemia, cando o traballo presencial se fixo máis difícil. Para coñecer máis en detalle o labor desta unidade de apoio da Rede PAC, pódese consultar a web Climate Neutral Farms.
Unha das actividades máis importantes das unidades de apoio son os paneis expertos. Trátase de seleccionar 20 destacados especialistas para que aborden dende diferentes ámbitos os temas máis relevantes relacionados co cambio climático. Os temas son escollidos pola propia UE e por entidades sociais e empresariais ou administracións locais.
A intención da UE é que todos os informes se divulguen de forma sinxela e directa para que sexan de proveito para as explotacións.
Durante un ano trabállase para elaborar un informe. No documento teñen que participar produtores, asesores, industria, investigadores e outros axentes, en función do tema que se trate. O que aportan non son solucións senón diagnósticos sobre en que temas hai que traballar para solucionar un problema.
Ónega sinalou que a política da UE vai orientada a que todos os proxectos de investigación que sexan de utilidade se divulguen e expliquen dunha forma sinxela e directa a quen se vai beneficiar deles, neste caso o gandeiro. O que se coñece como “resumes prácticos”. Porque, ata hai pouco, só saían publicados en revistas e sitios altamente especializados e non chegaban a quen tiñan que chegar, afirmou.
O técnico rematou insistindo en que unha parte fundamental do seu traballo son as as visitas transnacionais. Con eso as unidades de apoio que operan en cada país poden coñecer o que se está a facer noutros estados da UE no seu masmo ámbito. E, sobre todo, é importante que o vexan os técnicos pero tamén os gandeiros.
Marcos Veiga e César Resch interviñeron como membros do equipo de investigadores en produción de leite do CIAM. Explicaron os resultados e as propostas de mellora respecto do programa ClieNFarms. É un proxecto financiado pola UE con 15 millóns de euros que ten por obxectivo crear no nivel local granxas resilientes ao cambio climático.
Na iniciativa participan 30 partners europeos. A súa principal actividade consiste en realizar medicións de emisións de todo tipo en todo tipo de actividade agraria. O programa consta de 21 Innovative Systemic Solution Spaces (ISSS), que veñen ser áreas específicas de traballo. En relación coa produción de leite están traballando 9 desas ISSS por toda Europa. En España, o liderado do proxecto corresponde á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), á que pertence o CIAM.

Distribución das granxas que participan en ClieNFarms en España
Nos traballos que se desenvolven en España participan 11 entidades ademais de Agacal: Unha financieira (Caixa Rural Galega), sete de industria láctea (Río, NaturLeite, Entrepinares, Pascual, Capsa, Danone e Nestlé), o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Liete (LIGAL) e dúas de asesoramento (Agro Novo e Alltech).
O proxecto ClieNFarms recolle todo tipo de datos de emisións de gases en 80 explotacións espalladas polo estado
Segundo os técnicos, todas as entidades amosaron a súa pola preocupación polo cambio climático e a súa disposición a frealo. En total son 80 granxas espalladas polo estado as que están facilitando datos para a súa recollida e análise. Eses datos canalízanse a través doutras 9 entidades por case toda a xeografía española.
As granxas, ademais de aportar datos, experimentaron medidas para combater o cambio climático. A máis importante foi a do propio CIAM, considerada a granxa experimental. Para interpretar os datos, utilizouse o programa francés CAP2ER, que monitoriza sobre todo emisións de metano, óxido nitroso e CO2, que son os principais causantes do efecto invernadoiro.
Actualmente están tratando de que en toda a UE se utilice o mesmo programa de medición de emisións, porque hai zonas nas que se empregan outros diferentes do CAP2ER, e así é máis complexo unificar criterios. O CAP2ER mide tamén o almacenamento de carbono que se da en pradeiras permanentes, sebes e masas arbóreas. Porque hai a posibilidade legal de que as granxas poidan compensar as emisións resultantes da actividade coas capturas de carbono que xeran os seus terreos.
Ademais, o CAP2ER solicita diferentes datos de todos os parámetros nas granxas:
– Raza, número e tipo de animais presentes
– Entradas e saídas de vacas (para carne e para vida)
– Idae ao primeiro parto, taxa de reposición…
– Produción de leite entregada a industria, produción de leite empregada na propia granxa
– Niveis de sólidos no leite
– Permanencia estabuladas fronte a permanencia no prado
– Características físicas da estabulación (emparrillado, material de camas, arrobadera…)
– Xestión de efluentes (método de aplicación, importación, exportación…)
– Tipoloxía das terras asociadas á granxa
– Fertilización mineral
– Fertilización orgánica
– Elementos agroecolóxicos e biodiversidade
– Compoñentes, formato e tipo de alimentación das vacas
Por outro lado, dende o CIAM sinalan que se fixeron 1.700 perforacións manuais para coñecer o estado dos solos das granxas participantes. Para eso, utilizaron satélites para indicar o estado da terra e orientar os puntos da parcela nos que había que actuar. As mostras de terra recollidas nesas calicatas foron trasladadas ata o propio CIAM. Os técnicos detectaron moita uniformidade dentro dos terreos de cada explotación, pero diferencias moi grandes entre unhas explotacións e outras.
Máis do 50% de toda a enerxía que se consume nunha granxa corresponde aos concentrados. Por riba do combustible e a electricidade.
Resch e Veiga falaron tamén da diagnose de xestación. Unha técncica aplicada polo LIGAL para reducir o número de días involuntarios abertos nas vacas. Esto faise porque a morte embrionaria é bastante habitual nos primeiros estadíos de xestación e pode tardar ata 45 días en detectarse. Co novo método redúcese tanto a morte como o tempo de detección. Unha vaca baleira pode supoñer unha perda de 5,4 € animal/día.

O programa mide todo tipo de parámetros que teñen que ver coa estancia das vacas nas explotacións
Cos datos recollidos nas explotacións participantes, os investigadores conclúen que o modelo empregado (intensivo, extensivo, ecolóxico, mixto…) non condiciona as emisións. Non vai haber máis ou menos por estar nun modelo ou noutro. E din que non hai que poñer tanto o foco nas cifras senón na evolución dos parámetros
Sendo a enerxía o elemento máis importante que hai que medir neste tipo de análises, o programa CAP2ER contén un indicador que recolle toda a enerxía que entra nas granxas e trasládaa ás mesmas unidades de medida. Neste caso a megajulios. Concentrado, gasóleo, electricidade, compra de animais e abono…todo eso é traducido a megajulios. O resultado é que máis do 50% de toda esa enerxía entra en forma de concentrados.
O índice de eficiencia no manexo do nitróxeno e a autosuficiencia proteica son determinantes para a pegada ambiental das granxas
Outro parámetro importante é o índice de eficiencia na utilización do nitróxeno, é decir, canto entra no circuíto e canto somos capaces de sacar. O que saquemos en leite ou carne sae do circuíto en forma de xurro ou de amoníaco. Canto máis quede no circuito (leite ou carne) mellor eficiencia teremos.
E tamén quixeron incidir na autosuficiencia proteica, esto é, canta cantidade de proteína da que consumen as vacas producimos na propia explotación. Canto máis alta sexa, mellor para a granxa e para a natureza. Finalmente, os investigadores recomendaron incentivar as prácticas de captura de carbono e recoñecelas mediante selos oficiais para evitar o greenwashing e para harmonizar as condicións do mercado.
Pablo Modernel é enxeñeiro agrónomo e xestor de programas de natureza agrícola na cooperativa neerlandesa FrieslandCampina. El é o responsable da carteira de proxectos destinados a aumentar a biodiversidade nas explotacións leiteiras dos Países Baixos, á vez que ofrece unha perspectiva de modelos empresariais aos gandeiros.
O sector leiteiro neerlandés produce 14,5 millóns de toneladas anausi, cunha cabana de 1,6 millóns de vacas e 51 fábricas, das que 27 pertencen a Friesland Campina. O 60% do sector está en mans desa cooperativa. O consumo interno é do 35%, mentres que mandan para o resto da UE o 40% e para fóra da UE o 25% restante. O sector abrangue 47.000 empregos e supón o 7% do PIB do estado. O perfil de explotación neerlandesa arroxa 100 vacas, en sistema de negocio familiar, con pastoreo parcial ao longo do ano e produción media por granxa de 850.000 quilos/ano.
Modernel fixo un repaso pola historia da cooperativa destacando que en 2008 se da o fito máis importante, como foi a unión de Friesland Foods e Campina. Hoxe teñen máis de 15.000 socios entre os Países Baixos, Bélxica e Alemania. Abranguen case 10.000 granxas e producen 9 millóns de toneladas anuais.
A estratexia de Frieslanda Campina para combater o cambio climático pasa por actuar sobre a nutrición, as persoas e o planeta
Ademais, operan en 30 países e teñen 20.000 empregados en todo o mundo. Sinalou que traballan dende o pasto ata o vaso, toda a cadea do leite. Un dato relevante é que o 27% do territorio dos Países Baixox está en mans de socios de Friesland Campina.
No tocante a estratexias e prácticas tendentes a combater o cambio climático, dende a cooperativa deseñaron unha estratexia de tres puntos:
– NUTRICIÓN: Aportar alimentos baseados na natureza, que non se perda ou se tire ningún alimento, garantir na medida do posible o acceso á comida e difundir os beneficios dos lácteos.
– XENTE: Mellorar as condicións e calidade de vida dos socios, crear comunidades resilientes ao cambio climático, contar con produtores empoderados para aplicar as prácticas sustentables.
– PLANETA: Traballar coa ollada posta no futuro. Clima, natureza e biodiversidade
Friesland Campina fixouse o obxectivo de ser climaticamente neutrais en 2050. Para eso hai numerosas medidas que se poden desenvolver nas granxas. Así, Modernel falou de dar aditivos ás vacas para baixar as emisións de metano, cambiar a alimentación, modificar o manexo dos solos…Pero, insistiu o técnico, eso é algo que ten que decidir o produtor, a cooperativa só pode facer recomendacións.

Friesland Campina traballa cos gandeiros para acadar a neutralidade climática no ano 2050
A cooperativa informa o produtor e dalle as ferramentas para actuar. Pero a decisión sempre a vai tomar o gandeiro
Así, para tratar de convencer os produtores, puxeron en marcha outra tripla estratexia:
– Valorización da sustentabilidade. Conseguir que o mercado premie as prácticas sustentables. Por exemplo, a cooperativa asinou un contrato con Danone polo que se paga un 17% máis as granxas que cumpran requisitos medioambientais. Eso é un incentivo.
– Coñecemento e ferramentas. Cada granxa, terreo e familia é diferente. Así, hai que adaptar os métodos a cada unha delas.
– Innovacións e uso de tecnoloxías e novos produtos.
E aínda hai unha terceira estratexia de tres pasos -baseada na política de dende o pasto ata o vaso- para acometer reducións:
– Reducir un 63% nas súas fábricas as emisións que proceden de transportes e das máquinas empregadas e a enerxía consumida.
– Reducir un 33% a produción de leite. Ata o de agora xa conseguiron 245 millons de euros en bonificacións por estas prácticas.
– Reducir nun 43% todo o que ten que ver con envases e residuos nas fábricas.
Actualmente, desenvolveron unha app para medir a pegada de carbono nas granxas. Por eso, organizan reunións periódicas para informar ós produtores do funcionamento da app e de como mellorar as explotacións en canto a emisións de gases de efecto invernadoiro.
Modernel explicou que dende o ano 1990 conseguiron baixar un 32% as emisións das granxas asociadas. E a día de hoxe completan o caderno dixital obrigatorio con outro alternativo para darlloo os gandeiros e que fagan as medicións. Todo eso tradúcese nun pago engadido polo leite que está a servir para afondar nas prácticas sustentables e a loita contra o cambio climático dende o sector produtor de leite de vacún.
Galego









Control OJD