Máis de 600.000 animais, correspondentes a preto de 18.000 explotacións, foron xa vacinados en Galicia fronte a doenza da lingua azul a través da campaña posta en marcha pola Xunta. Así o trasladou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, nunha reunión celebrada esta semana con medio cento de directivos e veterinarios das asociacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, unhas entidades que colaboraron, precisamente, nunha campaña de vacinación que continúa arestora.
A maior parte dos animais vacinados fronte a lingua azul foron bovinos (case 590.000), de preto de 16.500 explotacións. O resto corresponde a ovinos (case 20.000 exemplares, dunhas 1.200 explotacións. Nesta campaña participan máis dun cento de profesionais, entre veterinarios e auxiliares. Canto ás previsións para o futuro inmediato, o director xeral indicou que a vacinación completarase ao longo do verán na inmensa maior parte dos concellos galegos.
Vacinación obrigatoria
Neste contexto, José Balseiros lembrou que a vacinación fronte esta enfermidade do gando é obrigatoria nos animais da especie ovina e bovina maiores de tres meses, sempre que se localicen na zona restrinxida (como é o caso de Galicia). Ademais, consonte á normativa, é responsabilidade da persoa titular da explotación realizar a vacinación, a través do persoal veterinario autorizado correspondente. Malia isto, para facilitar a vacinación e apoiar o sector gandeiro, a Consellería do Medio Rural estableceu un sistema público de vacinación, totalmente gratuíto e que se está desenvolvendo ao longo de toda a comunidade autónoma.
Para a posta en marcha deste sistema público de vacinación, a Xunta destinou ata o de agora arredor de 3 millóns de euros e está previsto investir este ano outros 6 millóns máis, segundo subliñou tamén o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.