Máis de 60 candidaturas optan aos VIII Premios Galicia Alimentación

Os gañadores daranse a coñecer nunha gala en Santiago de Compostela o 29 de xuño. Outorgaranse recoñecementos nas seguintes categorías: Produto Innovador, Produto Excelente, Proxecto Empresarial ou Institucional e Estratexia de Mercado

FOTO CLUSAGA- Premios Galicia AlimentacionUnha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas aos VIII Premios Galicia Alimentación que organiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), nesta VIII edición recibíronse un total de 63 candidaturas. Con estes galardóns, que se entregarán o 29 de xuño na Cidade da Cultura, búscase recoñecer e visibilizar as propostas empresariais que xeran un impacto positivo na industria dos alimentos e as bebidas.

Con respecto ás convocatorias anteriores, o Clúster apostou, nesta edición, por confeccionar novas categorías dos Premios. En concreto, entregaranse os seguintes recoñecementos: ao Produto Innovador, ao Produto Excelente, ao Proxecto Empresarial ou Institucional e á Estratexia de Mercado. Dentro da cifra de propostas presentadas, a do Produto Excelente, de nova creación, foi a que recibiu un maior número de solicitudes (24 en total).

O xurado, composto por representantes das tres universidades galegas, das Consellerías do Mar, do Medio Rural e Economía, representantes de empresas destacadas do sector, de Galicia Calidade e do Centro Superior de Hostalería de Galicia, reuniuse o pasado 8 de xuño para seleccionar aos gañadores. Estes daranse a coñecer, como é habitual, na gala dos Premios Galicia Alimentación.

Foro Galicia Alimentación

A Cidade da Cultura acollerá, tamén ese día, a celebración do VII Foro Galicia Alimentación. A cita contará con tres relatorios e unha mesa redonda nos que participarán profesionais da alimentación e as bebidas.

O Foro preséntase como unha oportunidade única para crear novas sinerxias e explorar en profundidade as oportunidades dun sector que se adaptou a pasos axigantados a unha situación inesperada como foi a pandemia e que agora visualiza xa os novos horizontes.

Aquelas persoas que queiran asistir ao encontro poderán facelo inscribíndose a través do formulario que o Clúster habilitou na súa páxina web. O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por máis de 100 socios, entre os que se atopan as principais empresas produtoras e transformadoras do sector, así como universidades e centros tecnolóxicos da comunidade. O seu obxectivo é contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible e mellora da competitividade e internacionalización do sector dos alimentos e as bebidas na comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información