Máis de 5.600 persoas visitaron a feira forestal Galiforest Abanca

Máis de 5.600 persoas visitaron a feira forestal Galiforest Abanca

A quinta edición do monográfico Galiforest Abanca, a cal se celebrou do 28 ao 30 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), contou con 5.618 visitantes vinculados co sector forestal procedentes de distintos puntos de España e tamén doutros países, especialmente Portugal. Unha notable afluencia, semellante á da pasada convocatoria (cando foran 5.800 persoas) a pesar das intensas choivas do sábado, unha xornada na que tradicionalmente se rexistra unha importante porcentaxe da asistencia ao certame.

En canto a resultados cualitativos, dende a organización destacan a “satisfacción xeralizada dos expositores, moitos dos cales expresaron á organización a intención de contratar máis espazo na vindeira convocatoria”.

O certame contou con 254 firmas expositoras (un 40% máis que na pasada edición, celebrada en 2016) das cales 76 foron expositores directos (un 33% máis). Ocuparon unha superficie neta de 11.875 metros cadrados, superando nun 24% a da última cita, mentres que a bruta foi de 35.200 metros cadrados.

En canto aos expositores directos, 9 foron internacionais de Portugal, Italia, Suecia e Austria, o triplo que na pasada edición. Respecto ás firmas, foron de 21 países, tres máis.

A feira contou así cunha gran área expositiva na que se mostraron máquinas, equipos, recambios e pezas cun valor superior aos 23 millóns de euros. A isto sumáronse os produtos e servizos de empresas de reparación electrónica, pasta de papel e fertilizantes, ademais de viveiros forestais, asociacións, institucións ou prensa técnica.

Así, Galiforest Abanca 2018, organizada pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia conveuse na maior edición celebrada ata o momento tanto en superficie expositiva como en número de empresas e firmas presentes. Un crecemento que se uniu a un completo programa de actividades.

Demostracións e xornadas

O certame contou cun amplo programa no que destacaron as máis de 150 demostracións de maquinaria realizadas, moitas das cales se caracterizaron pola súa espectacularidade. Foron desenvolvidas, entre outras máquinas expostas, por procesadoras autocargadores, grúas, raxadoras, aserradoiros portátiles, astilladoras de biomasa, peladoras de troncos, trituradoras, cabestrantes para motoserras, sistemas de embalaxe para leña, destoconadoras, cabezais forestais para triturado ou desbrozadoras. Así mesmo, leváronse a cabo de manexo de motoserras e tamén de uso e configuración de parámetros de determinadas máquinas a través de simulador portátil. O sábado, ademais, tiveron lugar varios simulacros de extinción de incendios con helicóptero realizados pola brigada antiincendios con base en Toén (Ourense).

Ademais destas demostracións, o certame acolleu outras de carácter máis lúdico que tamén incluíron competicións como as do coñecido como deporte da madeira, as cales foron realizadas por competidores oficiais que desenvolveron todas as súas modalidades, que son corte de tronco en vertical, horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo. Sumáronse a elas exhibicións de figurismo (elaboración de esculturas en madeira con motoserra) e tamén actividades nas que os visitantes puideron probar motoserras cos debidos equipamentos de seguridade.

O certame acolleu tamén xornadas técnicas, que abordaron entre outros temas, certificación forestal, construción con madeira certificada en Galicia, historia e presente da fabricación de maquinaria forestal e primeira transformación en Galicia, seguridade en manexo con motoserra e desbrozadora, a presentación dos proxectos Biomasa-AP e Valornature nos que participa a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) ou a nova tramitación electrónica de aproveitamentos madeireiros e leñosos por parte da Consellería do Medio Rural.

Concurso de Innovación

Galiforest Abanca 2018, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebrou o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorreron 11 proxectos. Nesta edición o primeiro premio foi para a procesadora Komatsu 901 XC de 8 rodas con sistema Maxifleet e 3PS, presentada pola empresa Hitraf (Vila de Cruces, Pontevedra), mentres que as mencións foron para un camión astillador Heizohack HM 14-860 KL, que concorreu de man de Motogarden (Oroso, A Coruña) e unha procesadora forestal híbrida Logset 12H GTE Hybrid, presentada por Forest Pioneer (Irún, Guipúzcoa).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información