Máis de 3.500 persoas visitaron a XXVI Feira do Viño de Valdeorras, celebrada na Praza de Viloira, en O Barco, durante o sábado 31 de maio e o domingo día 1 de xuño. Para todos eles se serviron máis de 22.000 copas de viño amparado, das adegas que estiveron presentes nesta edición. Un balance “moi positivo” para a Denominación de Orixe Valdeorras, entidade para quen esta feira é, segundo conta o seu presidente, Marcos Prada Ginzo, “a maior expresión do saber facer de viticultores e adegueiros, durante todo un ano, que veñen a amosar os seus tesouros, o seu enorme traballo, o resultado do seu esforzo”.
Máis alá dos datos, Prada Ginzo salientou a mestura de públicos diferentes que quixeron visitar a Feira, sendo a participación da xuventude a máis destacada. “Estamos moi contentos da altísima participación, sobre todo da xente xove; enorgullécenos moitísimo que as novas xeracións queiran descubrir o mundo do viño a través dos nosos excelentes brancos e tintos”.
A elo tamén se engade, a rapidez coa que se cubriron as prazas das catas (40 en total) e do showcooking (20 prazas) da Feira, amosando un enorme interese de parciticipación nestas actividades, cun público fiel que en moitos casos repite a experiencia ano tras ano.
A procedencia dos participantes na Feira deixou entrever o enorme traballo de promoción polo que este ano apostou o Consello Regulador. “Facendo o esforzo de estar presentes nas feiras, organizando eventos nos que sexamos protagonistas e apostando pola formación convertíndonos en partners oficiais da WSET (a entidade formativa máis prestixiosa do mundo do viño), ten que dar os seus froitos, e en boa parte xa os estamos comezando a ver na participación de moita xente doutras provincias ou rexións nesta edición da Feira do Viño de Valdeorras”, explicou Marcos Prada.
O futuro da Feira
A pesares do incuestionable éxito de participación desta edición do 2025, o presidente do Consello Regulador destacou que “ver a xente disfrutar é maravilloso, e me consta que fixemos moitas cousas ben, pero hai algunhas cousas que se poden mellorar e, de feito, xa estamos dando os primeiros pasos para poder introducir novidades nos seguintes anos”.