Máis de 200 colmeas calcinadas a consecuencia dos incendios en Ourense

Os abelleiros quéixanse por ter que loitar sós contra o lume ante a "desatención por parte das brigadas" ás súas explotacións. Desde a Asociación Galega de Apicultura piden á Xunta que aclare cal é o protocolo de actuación e "se os medios de extinción teñen orde de deixar arder as colmeas igual que se fosen piñeiros"

Colmeas tralo paso do lume esta semana na Serra do Xurés

Colmeas queimadas tralo paso do lume esta semana na Serra do Xurés

A grave vaga de lumes que nos últimos días se produciu en Ourense, con grandes incendios en numerosos puntos da provincia que en 5 días queimaron unhas 10.000 hectáreas, está a ter importantes consecuencias, non só desde o punto de vista forestal ou medioambiental, senón tamén desde o punto económico para algunhas das principais producións agrogandeiras destas zonas, como poden ser as castañas, o viño, o aceite ou o mel.

Máis de 200 colmeas terían ardido nos últimos días na provincia de Ourense, segundo os cálculos dos produtores, que se queixan nalgúns casos de ter que loitar sós contra o lume, sen axuda das brigadas e os medios de extinción, para tentaren salvar as súas explotacións. É unha situación que se repite ano tras ano, igual que ano tras ano se repiten os lumes en boa parte da provincia ourensá e noutros puntos recurrentes da xeografía galega. 

“Están ardendo colmeas e recibimos moitas queixas. Eu calculo que nos últimos días arderon máis de 200 só dos apicultores que teñen seguro con nós”, detalla Xesús Asorey, desde a Asociación Galega de Apicultura. As perdas foron cuantiosas por toda a provincia: Emilio Fernández Silva perdeu unhas 30 en Cualedro, Sergio Rodríguez medio cento en Vilardevós, Perfecto García 25 no Xurés e Benigno Basteiro 2 en Vilariño de Conso despois de ter que loitar o mércores cos seus propios medios contra un incendio que chegou a cercar catro dos seus colmeares, cunhas 300 colmeas cheas de mel a piques de recoller.

Máis de 200 colmeas terían ardido nos últimos días en distintos puntos da provincia de Ourense, como Cualedro, Vilardevós, Lobios ou Vilariño de Conso. Non son un piñeiro máis que ardeu, son o modo de vida de moita xente

E é que os lumes destes días estanse a producir ás portas da esmelga nun ano no que a colleita xa se prevé de por si escasa pola seca, polo que as perdas son maiores, ademais de desanimar a moitos produtores en activo e desincentivar a incorporación doutros á actividade. “O tema dos incendios é un freo terrible para a nosa actividade, porque supón unha contradición animar aos mozos e dicirlles que a provincia de Ourense é a máis favorable para a produción de mel, porque hai moito monte raso, e ao mesmo tempo que cando se produce un incendio a Administración non defenda esas explotacións dos lumes, porque esa xente nova que empeza acaba preguntándose para que as poño, para que ardan?“, relata Xesús.

A nós fannos darnos de alta como explotación gandeira, así que esiximos para as nosas abellas a mesma consideración que para unha explotación de vacas ou de cabras. Gustaríanos que a Xunta aclarase en que fase do protocolo se protexen as explotacións gandeiras, sexan do tipo que sexan

“Por iso nos gustaría que a Xunta aclarase en que fase do protocolo se protexen as explotacións gandeiras, como nós entendemos que son. A nós fannos darnos de alta como explotación gandeira, pero á hora dos incendios parece que non somos explotacións gandeiras, e os brigadistas non socorren as colmeas, déixanas arder como se ardese un piñeiro. Se en vez de abellas é unha explotación gandeira de vacas ou de cabras non sei se teñen obriga ou non de socorrelas. Nós esiximos para as nosas abellas a mesma consideración, porque é o modo de vida de moita xente, sexa profesional ou non, que obtén ingresos desta actividade, e se hai un protocolo que di que non se actúe para salvar as colmeas pedimos que se cambie”, solicitan desde AGA.

É unha contradición que a Administración anime á xente moza a incorporarse á actividade dicíndolle que Ourense é un paraíso para as abellas porque hai moito monte baixo e despois cando hai un lume non actuar para salvar esas explotacións

O descontento entre os produtores de mel é moi grande “porque é moi doado facer protocolos nunha oficina, pero cando son os propios apicultores os que as teñen que salvar as súas colmeas cos brigadistas por alí cos brazos caídos sen actuar porque están só para vixiar que o lume non entre nas casas, a xente cabréase moito”, indica Xesús, que relata esceas de apicultores carrexando auga a caldeiros estes días nos lumes da provincia de Ourense para protexer das lapas as súas colmeas coas motobombas da Xunta aparcadas ao lado sen actuar.

Benigno Basteiro: “As brigadas deixáronnos sós, quen nos salvou foi un veciño coa cisterna do tractor”

“Nós tivemos catro colmeares en risco, cercados polo lume que houbo en Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso. Estivemos loitando contra o lume desde as catro da mañá e quen o apagamos fomos nós, as brigadas deixáronnos sós. Na parte de abaixo hai unha gandería de vacas e tampouco miraron por ela. Primeiro axudounos este veciño a nós co tractor e a cisterna e despois axudámoslle nós a el para salvar as súas vacas. As brigadas do distrito 13 do Barco de Valdeorras e Trives estiveron por alí, andando co coche polas pistas dun lado para outro pero non nos botaron unha man. Tiñan tres coches e unha motobomba, e había onde cargar auga alí a carón, porque hai unha minicentral, pero non nos axudaron”, relata con indignación Benigno Basteiro.

“Sorte que nós temos todo moi desbrozado e as colmeas colocadas sobre uns bloques e cando o lume chega onde están elas pode avanzar pola herba do chan, pero non por arriba e non é difícil de controlar. Por iso só nos arderon dúas colmeas, as que estaban máis no bordo”, conta este apicultor profesional de Viana do Bolo que ten máis de 2.000 colmeas en distintos concellos. “Levo 60 anos loitando cos incendios, temos xa experiencia niso, porque todos os anos temos algo”, lamenta.

En base a esa experiencia asegura que neste incendio de Castiñeira “había un descontrol que na miña vida o vin” e que se fixeron “auténticas barbaridades”. “As brigadas plantaron lume á contra a máis de dous quilómetros de distancia da lingua do incendio, coas nosas colmeas polo medio, e os da UME pasaron o día facendo cortalumes dentro de Rede Natura, aos que finalmente non chegou o foco do lume. Quedaron sen arder carballos centenarios porque o incendio non lles afectou e queimáronos eles plantando lume”, denuncia.

Os lumes repercútennos moito porque durante tres anos eses colmeares quedan sen pasto. Temos que levantalos e levalos para outro lado e para iso todo é burocracia

“Finalmente só nos arderon dúas colmeas, pero o susto e a raiba que levas por non che teren botado unha man é tremendo. Nós temos un seguro de responsabilidade civil pero non contra os lumes, porque son moi caros e non che cubren o dano, porque non che pagan o que deixas de producir nos anos seguintes. Os lumes repercútennos moito porque as abellas quedan sen pasto para os vindeiros anos. E para cambialas de sitio póñennos moitos problemas e trabas, porque temos que dar de alta un novo asentamento e para iso todo é burocracia. O máis humillante é que fai dous anos tamén ardeu e desde a Administración sacaron unha liña de axudas para alimentación na que tamén entraban as abellas pero eu acabei desistindo e renunciando a elas, porque todo era papeleo e burocracia e despois víñanche cunhas porcentaxes que non che daban nin para o IVE”, conta Benigno.

Perfecto García: “Está claro que o sistema de prevención e extinción de incendios que hai non funciona”

Colmeas queimadas de Perfecto García en Lobios

Colmeas queimadas de Perfecto García en Lobios

Perfecto García ten 200 colmeas en ecolóxico repartidas entre o Xurés e Calvos de Randín, e o pasado domingo perdeu 25 devastadas polo incendio de Lobios, en pleno Parque Natural do Xurés, que se mantivo activo durante varios días e ao que mesmo se lle sumou este xoves un novo foco no concello de Muíños, procedente da veciña Portugal.

“Tiña as abellas na Corda do río Vilameá, a 700 metros dun lugar mítico como é a capela da Virxe do Xurés. Tiña 50 colmeas ubicadas nese colmear e perdín polo menos a metade. Pode que haxa incluso algunha máis afectada, porque cando puiden ir mirar aínda había restricións de acceso porque o lume seguía activo, así que cheguei até o lugar, boteille un vistazo por enriba ás colmeas e tiven que saír dalí”, conta.

“O problema do lume é que os seus efectos non son algo instantáneo. Os abelleiros sufrimos pola morte das nosas abellas, pero a temperatura que se acada no recinto tamén afecta a moitas outras e esa zona queda invalidada durante 3 ou 4 anos para calquera tipo de actividade apícola”, explica.

Apagar o lume polo método do contralume é unha cobardía, pero como é monte baixo ignórase por completo

Perfecto ten un seguro que lle cubre os danos por lume, pero a produción deste ano, para a que estaba a piques de comezar a esmelga, non a cubre o seguro e a dos anos sucesivos tampouco. No seu caso, recibía tamén axudas agroambientais da PAC por eses colmeares e non sabe se legalmente estará obrigado a manter as abellas nesa zona para poder conservar as axudas cando “é inviable telas nese lugar mentres non se recupere a vexetación”.

“Levo 30 anos nas abellas, aguantamos as vacas gordas e as vacas fracas. Cando se rían de nós porque a apicultura era unha actividade residual aí seguiamos. Pero nos últimos anos iniciouse moita xente na actividade e non é doado atopar un sitio virxe onde colocalas, porque vaias onde vaias vas afectar a outra xente xa instalada nese lugar. Hai zonas da provincia de Ourense que están saturadas neste momento”, di.

Ademais das abellas de Perfecto, na zona queimada polo lume de Lobios asentábanse outras 300 ou 400 colmeas doutros tres ou catro apicultures que agora tamén quedaron sen ter que comer. “Como os prezos subiron algo anos atrás animouse a moita xente e hoxe hai overbooking porque a xente nova que se incorporou fíxoo con moitas colmeas para que fose viable profesionalizarse e vivir das abellas. Pero eu penso que en determinadas cousas é mellor actuar con mesura porque ao final hai unha superpoboación e unha merma da produción para todos”, engade.

Apagar o lume con máis lume

Este apicultor tamén critica o sistema de apagar o lume con lume. “Apagar o lume polo método do contralume é unha cobardía. Esa forma de proceder queimando a vexetación arbustiva é unha visión errónea, porque esa vexetación ten unha función tan importante como poden ter as árbores, porque frea a erosión e fai posible un aproveitamento melífero, pero como é monte baixo ignórase iso por completo”, quéixase.

No seu caso, “as brigadas ao principio actuaron con dilixencia pero cando se desmadrou o lume abandonaron ás colmeas á súa sorte. O lume chegou alí de madrugada, porque o contralume que fixeron foi contraproducente porque, en vez de frealo, axudou a propagar o lume e unha situación que estaba aparementemente resolta ás 9 da noite fóiselles das mans e desmadrouse”, relata.

Os lumes evítanse tendo animais no monte e custa menos manter a unha vaca que a un brigadista

“O método de prevención e extinción de incendios que temos non funciona, porque cando se lle pide resposta é inoperativo. Unha e outra vez demóstrase que en condicións adversas, por moitos medios que teñamos, non hai quen pare o lume. Así que para apagar incendios de pequena entidade estamos despilfarrando medios, pero cando veñen lumes de entidade non somos quen de apagalos. Se ten que vir a UME cada vez que hai un lume importante para resolver o problema quere dicir que estamos recoñecendo o noso propio fracaso. A Administración tiña que ser a primeira en recoñecer que isto non funciona e que a política de extinción actual non leva a ningún lado, pero a industria do lume é algo moi apetecible, porque se hai lumes hai negocio”, argumenta.

Perfecto propón un cambio de estratexia. “Xa que os pobos é moi difícil xa poboalos con xente, hai que crear as condicións para que haxa gando, porque os lumes evítanse tendo animais no monte. Os montes que temos hoxe valerán para a fauna silvestre, pero están abandonados para un eslabón fundamental que é a gandería extensiva. E está claro que custa menos manter unha vaca que a un brigadista”, conclúe.

Unha ducia de organizacións piden a dimisión do director xeral de Defensa do Monte e un cambio nas políticas antiincendios

Unha ducia de organizacións agrarias, entre as que se atopan o Sindicato Labrego Galego ou a Federación Rural Galega; grupos ecoloxistas, como Adega ou Verdegaia e colectivos de ámbito rural, entre elas a Asociación Galega de Apicultura, asinan un manifesto no que piden a “dimisión inmediata” do director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, “por non dispoñer as medidas de prevención e vixilancia necesarias para evitar a catástrofe incendiaria” na provincia de Ourense, en particular, nas áreas afectadas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e do Macizo Central.

Fernández-Couto manifestou días atrás que “xa se prevía unha forte actividade incendiaria” na segunda semana de setembro no Macizo Central ourensán, onde os lumes son recorrentes nas xornadas previas á chegada das chuvias. Xa que logo, din as entidades asinantes do manifesto que pide a súa dimisión, “non podemos entender como a Xunta de Galiza non reforzou o equipo humano e material de extinción, nin tomou especiais medidas de prevención e vixilancia nestas áreas de extraordinario valor ambiental para evitar que estes lumes se chegasen a producir”.

A actual estratexia do executivo galego para combater os lumes forestais é agardar a que chova. Levan décadas ignorando a necesidade de atallar as causas estruturais dos lumes forestais

“A actual estratexia do executivo galego para combater os lumes forestais é agardar a que chova. O Partido Popular e o executivo de Alberto Núñez Feijóo levan décadas ignorando a necesidade de atallar as causas estruturais dos lumes forestais, de extremar as medidas de prevención contra os incendios, de mudar radicalmente o modelo de monte galego e de evitar o despoboamento do rural”, aseguran.

Non foron poucas as iniciativas que se promoveron na última década por parte da sociedade galega para instar ao goberno de Núñez Feijóo a mudar a súa política forestal e de montes, pero sen éxito, como a Iniciativa Lexislativa Popular na defensa do bosque autóctono, que malia a ser a ILP con máis apoio social levada ao Parlamento, foi rexeitada polo grupo parlamentario do Partido Popular.

Entre outras medidas, os colectivos asinantes do manifesto, entre os que se atopan tamén Amarelante ou a Organización Galega de Comunidades de Montes, propoñen “prevención de incendios todo o ano, promoción dun monte multifuncional e resiliente fronte o cambio climático, recuperación de especies forestais propias, freo ao monocultivo de especies pirófitas e foráneas e aumento das faixas de protección fronte os lumes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información