Máis de 2.000 gandeiros solicitaron xa o anticipo das axudas da Xunta para vacún de carne

O grupo socialista cuestiona no Parlamento galego que esas axudas sairán do Plan de Desenvolvemento Rural 2023, polo que considera que se reducirán as partidas previstas para outros apoios. Medio Rural, pola súa banda, sostén que era o único xeito de habilitar as axudas extraordinarias

ganderia Rubio Martinez SC (Lancara) Ternera Gallega Suprema5

O director xeral de Gandería, José Balseiros, explicou este venres no Parlamento galego que son xa máis de 2.000 os produtores de carne, principalmente de vacún, os que presentaron nas súas entidades bancarias a solicitude para cobrar o anticipo das axudas habilitadas pola Xunta para complementar a fixada polo Goberno central pola crise do sector.

A Comisión Europea dispuxo 500 millóns de euros da reserva da crise dos cales 64,5 corresponden a España. Acolléndose á posibilidade establecida no Regulamento Europeo, o Goberno socialista aprobou conceder axudas suplementarias ata o máximo permitido do 200% da axuda comunitaria, para o cal se destinaron case 129 millóns de euros con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, dos que a Galicia lle foron asignados 11,8 millóns para vacún de carne. Pola súa banda, a Xunta, decidiu crear unha axuda adicional de 17 millóns de euros para o vacún de carne (135 euros por vaca nodriza).

As axudas estatais teñen que estar pagadas en principio a 30 de setembro deste ano, en tanto das axudas autonómicas pode pedirse un anticipo antes do 15 de setembro. “A semana pasada estabamos xa por enriba das 2.000 solicitudes de anticipo”, respostou Balseiros a unha pregunta do grupo socialista, que consideraba “ineficaz” o mecanismo establecido polo Goberno galego.

Debate sobre a orixe dos fondos
Balseiros comparecía na Comisión de Agricultura do Parlamento galego a petición do grupo socialista, que afeou o feito de que a Xunta “non poña nin un euro de fondos propios para axudar aos produtores”.

“As explotacións de produción de carne en Galicia están a atravesar unha situación límite que require de apoio público para garantir a súa continuidade”, defendeu Martín Seco, que argumentou que “estas explotacións están localizadas onde non existen alternativas á produción gandeira, principalmente en zonas de montaña e do interior, e son fundamentais para o mantemento do tecido económico, social, territorial e medioambiental das súas comarcas”, polo que  “é preciso que se establezan axudas directas excepcionais para compensar as dificultades económicas que padecen”, dixo.

“Pero malia aos seus anuncios, a día de hoxe os produtores de carne galegos recibiron cero euros de fondos propios da Xunta de Galicia”, denunciou o voceiro socialista, que pediu que se habilite unha partida con cargo aos Orzamentos da comunidade autónoma de Galicia, por unha contía equivalente á que as explotacións galegas van percibir en concepto de axuda excepcional regulada polo Real Decreto 428/2022.

O Goberno galego detrae as axudas dos futuros fondos do Plan de Desenvolvemento Rural, é dicir sácanlles os cartos aos gandeiros dun peto para metérllelos noutro (Martín Seco, PSOE)

Sen embargo, Seco sinala que no canto de habilitar axudas directas, a Xunta estableceu un mecanismo de adianto de fondos do Plan de Desenvolvemento Rural 2023. O actual mecanismo establecido pola Xunta para a nova liña de axudas aos gandeiros de carne foi calificado por Martín Seco de “trilerismo político”, porque -dixo- “estes cartos vanse detraer do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), polo que serán fondos europeos, non fondos propios da Xunta”. “O Goberno galego saca aos gandeiros os futuros fondos do PDR, é dicir sácanlles os cartos dun peto para metérllelos noutro”, argumentou.

Aos gandeiros o que lles interesa é que lles cheguen os cartos, non de onde veñan (José Balseiros, director xeral de Gandería)

O director xeral de Gandería, José Balseiros, contestou ao voceiro socialista calificando as súas palabras de “graves inexactitudes buscadas malintencionadamente”, porque, dixo, o Regulamento europeo do 24 de marzo que daba pé ás axudas aos sectores afectados non permitía ás comunidades autónomas suplementar con fondos propios a contía europea e estatal por ser “incompatibles”.

“As comunidades autónomas non estamos autorizadas a poñer fondos propios, as axudas europeas e estatais só son compatibles con fondos Feader, pero aos gandeiros o que lles interesa é que lles cheguen os cartos, non de onde veñan”, insistiu.

E o ano que vén?

A crise estrutural que viñan sufrindo as ganderías de vacún de carne agraváronse pola perturbación do mercado derivado da crise da pandemia da covid-19 e o incremento dos custos de produción a causa do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal, dos prezos da enerxía e dos combustibles iniciado o pasado ano e que se intensificou co conflito en Ucraína, o que levou á Comisión Europea a establecer axudas, pero o enquistamento bélico e a inflación fai prever que os problemas das ganderías continuarán o vindeiro ano.

“Que van facer no 2023 cando sigan os problemas no sector da carne, de onde van sacar os cartos?”, preguntou Martín Seco. “O ano que vén xa faremos o que teñamos que facer”, respostou Balseiros sen dar máis detalles.

O ano que vén xa faremos o que teñamos que facer (José Balseiros)

Durante toda a comparecencia, PP e PSOE tiráronse os trastos con acusacións cruzadas. Balseiros calificou de “desbaraxuste” as axudas estatais.  Explicou ademais que a día de hoxe, eses cartos en parte non se puideron pagar (aínda que os fondos son do Estado, a Xunta é a encargada de establecer os mecanismos para abonala) porque “non se pode facer unha transferencia se non se ten o número de conta da persoa á que lla hai que facer, pero de certas explotacións non hai eses datos. Iso acontece no caso da avicultura, por exemplo, porque non perciben a PAC e non se teñen eses datos, por iso houbo que abrir un prazo para pedir eses datos”, indicou.

“O Goberno calculou mal. E o que é peor, discrimínase ao sector do vacún de carne. O que non pode ser é que se dean 210 euros a unha vaca de leite e 60 a unha de carne”, afirmou. “Quedaron peor tratados, é certo”, admitiu o voceiro socialista. Foi unha das poucas cousas nas que José Balseiros e Martín Seco estiveron dacordo.

Prima para as granxas que faciliten os custos de produción ás bases de datos da Consellería

En canto ó seguemento de custos de produción, ó igual que no sector lácteo, o Goberno galego fía boa parte da súa estratexia para o sector do vacún de carne na chamada Conta Carne, unha aplicación informática semellante á Conta Láctea que estará dispoñible “proximamente” e que permitirá ás explotacións de carne calcular cales son os seus custos reais de produción.

Para animar aos gandeiros a cargar os seus datos, Balseiros anunciou que nas novas convocatorias de axudas da Xunta primarase a aquelas explotacións que aporten os seus datos tanto á Conta Láctea como á Conta Carne.

“Queremos ter unha base de datos claros, contundentes e non desconfiables para facer informes periódicos. Debería facelos o Ministerio, pero como non os fai, imos facelos nós”, concluíu.

Observatorio da Cadea Alimentaria

No pasado mes de abril, como dúas das medidas do acordo entre produtores, matadoiros e cadeas de distribución para a revalorización da carne da IXP Ternera Gallega, a Xunta iniciaba a posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria e da chamada AICA galega, coas que pretende lograr un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os distintos operadores.

Neste sentido, o director xeral de Gandería apuntou este venres no Parlamento que o principal obxectivo da Xunta é facer efectiva a prohibición da venda a perdas recollida na Lei da Cadea Alimentaria por medio da emisión de informes periódicos que determinen os custos de produción.

Pero malia que o acordo de constitución se produciu o 24 de maio, ningún dos dous mecanismos que se comprometeu a poñer en marcha a Xunta están en funcionamento a día de hoxe.

Actuaremos cos inspectores no territorio naqueles sitios onde se resistan a aplicar a normativa

“Estase traballando neste momento no borrador dun Decreto para dotar de seguridade xurídica ao Observatorio e en dotar de persoal á AICA galega”, explicou Balseiros.

A Xunta pretende crear a AICA galega acolléndose á prerrogativa que lle permite a normativa estatal e será dependente da nova Subdirección da Cadea Agroalimentaria. “Actuaremos cos inspectores no territorio naqueles sitios onde se resistan a aplicar a normativa”, anunciou Balseiros.

Limitar os prezos dos alimentos

O director xeral de Gandería criticou a “ocorrente” proposta da vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, de limitar os prezos de produtos básicos da cesta da compra. Balseiros vaticinou que vai afectar á industria transformadora e ao prezo que estas lles pagan aos produtores, reducindo aínda máis as marxes de agricultores e gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información