Máis de 150 gandeiros de toda Galicia e doutras provincias limítrofes como León participaron este xoves en Lugo na II Xornada Técnica de Vacún de Carne, organizada pola empresa de alimentación animal Evialis Galicia baixo o título “Nutrición, patoloxías e xestión do vacún de carne”.
No marco deste foro, o director técnico da empresa organizadora, Antonio Pereiras, destacou que o sector do vacún de carne enfróntase, na actualidade, a un gran reto en materia de alimentación: o de mellorar os índices de conversión para que os gandeiros poidan obter unha maior ganancia media diaria.
Coa xornada celebrada hoxe en Lugo, Evialis Galicia quere “reunir aos membros do sector” ao redor de temas que poidan resultarlles de interese para optimizar o funcionamento das súas explotacións.
“É un sector que cada vez está máis profesionalizado, que demanda formación e que quere coñecer con exactitude o que lle custa producir un quilo de carne”, matiza Pereiras.
Precisamente, para axudar aos gandeiros nesta cuestión, presentouse na xornada técnica un programa de xestión económica para optimizar o funcionamento dos cebadoiros de tenreiros: o software GESTER, de Setna. O seu promotor, o veterinario catalán Joan Grau, sinala que esta ferramenta permite aos gandeiros “monitorar en tempo real como está a ir a produción” xa que, por unha banda, facilita a xestión básica administrativa da granxa e, polo outro, permite ao usuario obter datos técnicos concretos sobre índices de conversión ou de crecemento das súas reses.
“Temos aproximadamente 500 licenzas en toda España e o feedback que nos trasladan os gandeiros que o implantaron é moi bo”, afirma Grau.
Retos do sector
Durante a xornada, ademais, abordáronse cuestións relacionadas con patoloxías respiratorias e dixestivas do vacún de carne, a súa óptima alimentación e manexo nos cebadoiros ou a súa correcta alimentación. Ademais, no transcurso do foro Evialis presentou o seu plan específico de alimentación destinado ao vacún de carne.
Paralelamente, no foro púxose en valor que Galicia é xa a segunda autonomía que máis quilos de vacún de carne produce (con máis de 86.000 toneladas anuais) e a primeira con máis produción amparada con selos de calidade
como poden ser Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia.
Na súa intervención, Iván Mato, veterinario-técnico de rumiantes de Hipra, abordou a prevención de enfermidades respiratorias na produción de carne. “A enfermidade respiratoria é o problema sanitario que causa as perdas económicas máis cuantiosas no gando vacún de engorde en intensivo”, afirmou o relator. “Trátase dunha patoloxía ben coñecida por gandeiros e veterinarios, que conviven con ela tratando de reducir o seu impacto sobre as producións e a rendibilidade das súas explotacións”, engadiu.
Segundo puxo de manifesto, o gando bovino está especialmente predisposto a padecer problemas respiratorios, debido a unha serie de elementos propios da súa fisioloxía e da conformación do seu aparello respiratorio. Estas circunstancias ven acentuadas durante os primeiros meses de vida dos animais, cando o pulmón non alcanzou aínda a súa completa madurez.
“A explotación en sistemas intensivos, co gando confinado, é tamén un factor determinante para que se desencadee a síndrome respiratoria”, engadiu Mato. Finalmente, “o agrupamiento dos xatos nun aloxamento de dimensións limitadas, as diversas procedencias dos animais e o transporte desde a explotación de orixe son circunstancias que predisponen aos animais para padecer o proceso aos poucos días da súa chegada ao cebadoiro”, concluíu.
Patoloxías dixestivas
Pola súa banda, Álex Udina, veterinario-director técnico de Adial, informou sobre Patoloxía e fisioloxía dixestiva de tenreiros. O relator centrou especificamente a súa intervención en como mellorar a eficiencia ruminal en tenreiros de cebo e, paralelamente, ofreceu claves aos gandeiros para axudarlles a recoñecer e tratar diferentes doenzas dixestivas que poden sufrir os animais tales como pode ser o caso da acidose.
Luís Cardo, veterinario especialista en rumiantes de Qualivet abordou no seu relatorio as bases para a produción do cebo de tenreiros. Na súa intervención, aludiu aos procedementos de entrada das reses a matadoiro e ofreceu claves sobre como cebar adecuadamente segundo sexo, raza e idade do vacún, ademais de indicar cal é o mellor momento para matar.