Máis de 150 animais participan nas competicións de vacún frisón de Cimag-GandAgro

O 22 de febreiro celebraranse o Concurso Autonómico e o Internacional, nos que competirán animais de alta xenética procedentes de catro comunidades autónomas e Portugal

Máis de 150 animais participan nas competicións de vacún frisón de Cimag-GandAgro

Imaxe dun certame anterior. / Arquivo.

Unha edición máis, a V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2025, acolle os concursos morfolóxicos da raza frisoa que terán lugar o sábado 22 de febreiro no recinto feiral da Semana Verde (Silleda). En total, participarán 159 exemplares de alta xenética procedentes de catro comunidades autónomas e Portugal.

En concreto, o XXXIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFIRGA’25, patrocinado por Xenética Fontao, contará con 102 reses, das cales 33 proceden de Lugo, outras tantas de Pontevedra e 36 da Coruña.

En canto ao XLII Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro’25, converterase nun punto de encontro da mellor cabana bovina. Así, hai inscritos 102 exemplares galegos (que son os que participan no Autonómico), 20 de Cantabria, 8 de Asturias, 10 de Cataluña e 10 de Portugal.

Estes animais competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional nas categorías de xata, xovenca, vaca nova, vaca intermedia e vaca adulta; ademais de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional en xovencas e vacas.

Nesta ocasión, incrementaron os premios no Open Internacional polo que a xovenca gran campioa pasará a recibir 1.200 euros, o dobre, mentres que a vaca gran campioa pasará a 2.500 euros, un 150 % máis. A maiores, as categorías de subcampioas recibirán premio en metálico por primeira vez: 600 euros no de xovencas e 1.000 euros no de vaca.

As probas de preparadores e manexadores inclúense no campionato puntuable do Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia

No caso do Concurso Autonómico, mantéñense os premios: 600 euros a novilla gran campioa e 1.000 euros a vaca gran campioa. Nos campionatos menores os premios serán de 150 euros no caso do exemplar gañador e de 50 euros no segundo posto. Ademais, os criadores recibirán premio en metálico quedando da seguinte maneira: mellor criador autonómico 600 euros e 300 euros o segundo; mellor criador de novillas 300 euros e o segundo 150 euros.

Campionatos de manexadores e preparadores
A maiores, o venres 21 de febreiro, celebrarase o XLII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, no que os máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación dos animais en pista.

Na mesma xornada, tamén se celebrará o XX Concurso Internacional de Novos Preparadores de Gando GandAgro’25, no que os participantes medirán a súa destreza preparando os animais para logo presentalos.

Como novidade, estas dúas probas inclúense no campionato puntuable do Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, o cal se puxo en marcha o pasado ano co apoio de CLUN. Así, os gandeiros participantes poderán sumar puntos aos que reciban noutras competicións que se celebrarán ao longo do ano: Moexmu, en Muimenta (Lugo) e Feiradeza (Lalín). A persoa que obteña a maior puntuación nas tres probas participará no campionato internacional que terá lugar en Bruxelas.

Patrocinios
Os galardóns de xovencas e vaca Gran Campioas de Galicia, así como o de Mellor Criador absoluto e de xovencas de Galicia, serán patrocinados por Xenética Fontao e Abanca. O de vaca Gran Campioa Internacional estará patrocinado por Abanca e o de xovenca Gran Campioa Internacional contará co patrocinio de Ucoga. Delagro patrocina o de Mellor Criador Internacional, do mesmo xeito que o Concurso de Novos Preparadores. Finalmente, Mapfre patrocina o concurso de Manexadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información