O próximo 15 de setembro é a data recomendada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para iniciar oficialmente a vendima neste territorio. A pesar disto, nestas semanas rexistráronse algunhas adegas que tiñan parcelas puntuais nas que xa se podía recoller a uva, achegando un volume previo ao fin de semana de 141.928 quilos.
Dentro desta vendima esporádica, as cifras máis altas corresponden á uva Mencía en tintas, con 52.916 quilos, e á Godello en brancas, con 65.372 quilos. Dentro da gama de tintas, seguen a Merenzao, con 12.344 quilos, a Caíño tinto con 1.230 quilos, Brancellao con 1.123 quilos e Garnacha con case 200 quilos de uva recollida. Co que respecta ás variedades brancas, colleitáronse 5.512 quilos de Albariño, 2.424 quilos de Treixadura, e 608 quilos de Dona Branca. Desde o Consello Regulador destacan que “a uva que está entrando en adega ten un estado sanitario óptimo”.
Cómpre destacar que, nesta campaña elaborarán viño baixo o amparo da D.O. Ribeira Sacra 92 adegas. Os viticultores inscritos para esta vendima son 2.208 e as hectáreas inscritas chegan ás 1.270. A previsión desta temporada é recoller uns 6 millóns de quilos de uva, unha previsión similar á existente na pasada vendima que se pechou con 6.541.212 quilos.