Máis alá do taboleiro: novas oportunidades para a madeira residual

A firma coruñesa Betanzos HB desenvolve un bioadhesivo, composites e un fertilizante a base de restos de madeira de eucalipto

Máis alá do taboleiro: novas oportunidades para a madeira residual

Desenvolveron un bioadhesivo fabricado só con extractos da madeira de eucalipto.

“En Betanzos HB, como na industria do taboleiro en xeral, levamos no ADN o aproveitamento da madeira residual e a economía circular”, reivindican dende a firma coruñesa Betanzos HB, situada na localidade da que toma o seu nome. Son especialistas en buscar novas oportunidades aos restos de madeira que deixan outras industrias como a da pasta de papel, no caso do eucalipto. Ademais do taboleiro, nos último anos apostaron por novos produtos cos que seguir valorizando os restos de madeira residual.

A firma, cunhas cifras de negocio de 24 millóns de euros, está centrada na fabricación de taboleiro de fibras de madeira de alta densidade, lixeiros, resistentes, duradeiros e versátiles, coñecidos como tablex. Cunha produción dunhas 65.000 toneladas de tablex ao ano este é o seu principal produto, pero máis aló do taboleiro, a madeira residual tamén ofrece outras posibilidades.

“Seguimos traballando en mellorar aínda máis as prestacións dos nosos tablex, conseguindo mesmo que sexa enrollable, o que o converte nun substituto a ter en conta na procura de alternativas ao plástico e metal. Ao mesmo tempo abordamos as posibilidades que nos ofrecen os extractos da madeira”, detalla Rosa Arcas, responsable do Departamento de produto e I+D de Betanzos HB.

Coa madeira residual desenvolveron produtos innovadores como bioadhesivos, emendas para o agro ou composites sustentables

Os extractos da madeira convertéronse nunha nova oportunidade para aproveitar ao máximo estes restos e xerar maior valor engadido. A partir dos extractos desenvolveron bioadhesivos, composites ou fertilizantes; e mesmo traballan nun prototipo dunha manta de fibras illante.

Tanto os novos produtos como os seus taboleiros elabóranos a partir de madeira residual de eucalipto. “Moitos nos preguntan porqué traballamos con eucalipto e facémolo porque é a madeira que temos dispoñible na nosa zona, pero poderiamos traballar con outras de ter cantidade suficiente”, xustifican dende a firma.

Aproveitan toda a madeira que xa non é válida para outros usos. Así, procesan as pólas, os exemplares de entresacas ou a copa da árbore, cos diámetros máis pequenos. Ademais traballan coa cortiza e o costeiro.

Traballan só con madeira de eucalipto local próxima á súa fábrica

Toda a madeira que procesan é local. “Só traballamos con madeira das proximidades da fábrica, nun radio duns 50 quilómetros”, indica Arcas. O 80% da súa produción destínase á exportación.

Novos produtos sustentables

Unha das propostas que desenvolveron na empresa coruñesa é un bioadhesivo 100% vexetal e natural, fabricado en base a compoñentes presentes na madeira. Trátase dunha alternativa sustentable pensada para pegar unha ampla variedade de materiais, entre os que se inclúen a madeira, o vidro, o plástico ou o papel. “É un dos poucos bioadhesivos que hai nestes momentos no mercado e ten unhas propiedades adhesivas moi boas”, comenta Arcas.

Lograron comercializar un bioadhesivo vexetal, sustentable e reversible

Ademais de ser elaborado só a base de madeira, este adhesivo é unha alternativa que encaixa á perfección no modelo da economía circular, xa que é reversible ao permanecer determinado tempo mergullado en auga. “É resistente á auga, pero ao permanecer mergullado disólvese, o que facilita a reutilización ou reciclado das pezas que se uniron. Está a ser unha calidade moi valorada no mercado”, apuntan no departamento de I+D.

Aínda que teñen xa o produto no mercado, os seus principais clientes son polo momento pequenos comerciantes e artesáns de sectores moi diversos, entre os que se atopan, por exemplo, os fabricantes de instrumentos musicais, que descubriron nesta cola un gran aliado ao ser natural e reversible. Tamén se presenta como unha alternativa para sectores como o alimentario, dado que é un produto non tóxico, así como en industrias como a do xoguete ou para a do automóbil, polas súas prestacións.

Nestes momentos atópanse en fase de probas a escala industrial para conseguir que algún mercado incorpore este bioadhesivo no seu proceso de fabricación. Conseguiron xa a súa validación na industria do taboleiro, como un substituto da cola á auga, un derivado do petróleo. “Agora mesmo xa se pode conseguir un taboleiro que fose recuberto cun acabado pegado con este adhesivo vexetal, é dicir, un produto derivado da madeira que á súa vez é biodegradable e 100% reutilizable, a diferenza do que ocorre con moitos taboleiros actuais que levan cola á auga, que dificulta a súa reciclaxe”, argumenta Arcas.

Composite e fertilizantes

En base a este bioadhesivo obtiveron un composite elaborado con fibras de madeira, que lles permite conseguir unha pasta moldeable para desenvolver múltiples utilidades en distintos sectores. Está elaborado con madeira, pero tamén se poden incorporar outro tipo de fibras, o que o converte de novo nunha alternativa sustentable fronte aos derivados do petróleo.

Outro dos produtos elaborados e comercializados pola firma é un fertilizante a partir de restos de madeira. “Está a usarse con éxito en diferentes aplicacións para uso agrario e atopámonos en plena fase de estudo de eficacia para coñecer todas as posibilidades que ofrece”, detalla Arcas. Con este traballo buscan coñecer en detalle o produto e as súas aplicacións.

As propiedades bioadhesivas dos extractos da madeira tamén lle abren novas posibilidades a estes fertilizantes ao poder utilizarse en usos máis específicos como a hidrosementeira ou as sementeiras en paredes verticais e noiros. Ademais, están a avanzar tamén en certificacións, como o selo de ecolóxico.

“Os fertilizantes de orixe vexetal teñen moitas vantaxes. Os produtos de economía circular están a facerse moi demandados e no caso destes fertilizantes é unha forma de aproveitar todo o posible o carbono na cadea de valor da madeira”, defende Arcas.

viga Betanzos HB

Nunha spin-off desenvolveron vigas con gran resistencia e menor cantidade de madeira.

A construción é outra das áreas nas que están a desenvolver novas propostas. De man da Universidade de Compostela (USC) cunha spin-off sacaron unhas innovadoras vigas. “Están fabricadas con madeira local e son moi pouco intensivas en madeira, é dicir están feitas con pouca cantidade de madeira e esta procede de subproductos que ofrecen gran resistencia”, detallan desde o departamento de innovación. As vigas, que comercializará a firma Timbersoul, teñen xa a marcado CE e teñen perspectivas de uso na construción.

Tamén desenvolveron un prototipo para a fabricación dunha manta illante realizada a base de fibras de madeira coa que conseguir tanto illamento térmico como acústico. Buscan ofrecer unha alternativa en Galicia para non ter que recorrer a produtos fabricados no norte de Europa.

Recente visita do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a Betanzos HB.

Recente visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, a Betanzos HB.

En busca da sustentabilidade e eficiencia

Á marxe dos seus produtos, na fábrica tamén están a procurar que os seus procesos de fabricación sexan sustentables e eficientes. Para logralo acaban de iniciar o cambio da actual caldeira de biomasa que utilizaban por unha máis eficiente. A firma atópase inmersa no proceso de instalación dunha nova caldeira de biomasa de 20,6 MW. Este proxecto permitiralle reducir as emisións así como un aforro enerxético dun 11,5% con respecto ao consumo inicial de 24,1 Kwh/ano. 

A mellora supón un investimento total de 8,5 millóns, dos que lograron unha achega da Consellería de Economía de 2 millóns de euros a través dunha liña de axudas específica destinada a promover a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial. De feito, tal e como indicou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, durante unha visita institucional recente á fábrica, desta liña de apoios, con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética, beneficiáronse 36 iniciativas, co obxectivo de conseguir mobilizar uns 45,4 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información