Madeira do país para as casas do futuro

Falamos con Belén Bouza, representante de EDM Casas, unha das empresas galegas punteiras na construción de vivendas de alta eficiencia enerxética, coñecidas polo estandar PassivHaus

Madeira do país para as casas do futuro

Estrutura de piñeiro galego da Casa Churío, de EDM Casas

A construción sostible con madeira do país é un mercado en plena explosión, moi vinculado ás demandas das institucións e dos consumidores que buscan, cada vez con máis forza, construír vivendas con alta eficiencia enerxética. Redución drástica das emisións de dióxido de carbono, aproveitamento dos recursos naturais de proximidade e dos recursos enerxéticos son os tres piares fundamentais que sosteñen o concepto que Belén Bouza quixo facer realidade a través da súa empresa EDM Casas.

Dentro do mercado galego existen madeiras de alta calidade para o uso estrutural e tamén de revestimento

Belén recoñece estar nun momento de expansión e dende a súa empresa ten o reto de darse a coñecer entre a propia sociedade galega que, segundo os datos que manexa, adoita ir buscar madeira de importación, “cando dentro do territorio temos subministro axeitado para satisfacer esas necesidades”. Todo, nun escenario internacional de grandes subas nos prezos da madeira.

Esta é unha das principais características diferenciadoras dos proxectos de EDM: ofrecer entramados lixeiros de madeira provinte de piñeiros galegos. Un material que estará conceptualizado baixo a marca Pino de Galicia, que se presentou onte no Encontro Piñeiros ’21 en Santiago, no que a propia Belén interviu como ponente, xunto a outros profesionais do sector.

Unha relación próspera cos aserradoiros

Belén Bouza recoñece unha boa relación co resto de actores. Especialmente, co aserradoiro Hijos de Ramón Rubal, que é o seu principal proveedor de madeira para entramados lixeiros. Aínda que sempre traballou con eles sobre pedidos fixos, agora, o seu negocio está a medrar tanto que neste aserradoiro lucense adoitan ter un stock reservado para os proxectos de EDM Casas. Unha boa nova para o sector e un sinal que pode marcar unha tendencia positiva no mercado da madeira de piñeiro en Galicia.

Os aserradoiros hai tempo que están a notar un crecemento no interese de empresas para empregar a madeira como principal solución construtiva

“Para nós é fundamental poder acceder con relativa rapidez a esas pezas máis longas que conforman as estruturas e das que, polo de agora, no mercado non hai tanta abundacia”, engade a directora da empresa. Belén recoñece que a súa é das poucas empresas que está demandando en Galicia este tipo de materiais, pero tamén sabe que o mercado está a expandirse: “Os propios aserradoiros xa nos teñen dito que comezan a recibir chamadas interesándose por esta oferta de materiais. Realmente, son noticias positivas para un sector que está chamado a revolucionar o xeito de entender a construción”, argumenta.

Rehabilitación de vivenda tradicional enfronte á praia de Pantín.

Rehabilitación de vivenda tradicional enfronte á praia de Pantín.

A necesidade dunha nova visión silvícola

Así e todo, a ambición desta empresa coruñesa vai máis alá. Belén dá por feito que coa presentación da marca Pino de Galicia, a demanda vai experimentar un grande crecemento e unha posta en valor e, probablemente estea no certo, xa que ese é unha das súas razóns de ser. O problema, di, será “atopar quen satisfaga esa demanda”.

No mercado galego, só existen a día de hoxe dous aserradoiros certificados para facelo e iso pode xerar un atranco á hora de aumentar o ritmo de construción.

Ademais, como ben explica a propietaria de EDM Casas, “a madeira haina que sacar do monte” e iso require planificación a medio e longo prazo e, dende logo, non existen solucións inmediatas agás a importación. Por iso, avoga porque tanto o sector como as institucións fornezan unha cultura silvícola sólida e centrada no futuro. “A xente está a cambiar a mentalidade. Estamos a darnos de conta de que as construcións con estrutura de madeira son tan válidas como calquera outra” e a demanda, prevé, non “parará de medrar”. Nese sentido, o feito de traballar co standard internacional PassivHaus axúdalles a trasladar aos clientes certezas sobre a súa construción.

Que é o standard PassivHaus?

Un edificio con certificación Passivhaus é unha edificación de moi alta eficiencia enerxética de baixo consumo enerxético (ou nulo) e que garante, segundo a entidade que o regula, “un confort no ambiente fundamentado na sensación térmica e sonora”. Os principais criterios a seguir nunha construción PassiveHouse son:

  • Gran illamento térmico. Optimízase a envolvente térmica mediante un bo illamento que resulta beneficioso tanto no inverno como no verán: as fachadas ou paredes exteriores, as cubertas e as soleiras ou forxados exteriores deben ter unha baixa transmitancia térmica.
  • Xanelas e portas de altas prestacións. Os ocos (carpinterías e vidros) son o punto débil da envolvente, polo que deben ter unha concreción fonda nas características no proxecto.
  • Ausencia de pontes térmicas. A transmisión de enerxía dáse en continuidade por toda a envolvente: fachadas, cubertas e soleiras e tamén se dá nas esquinas, eixos e xuntas.
  • Hermeticidade. Esfórzanse en que a envolvente sexa o máis hermética posible coidando ao máximo a execución das xuntas durante a construción e ensáiase con tests que garanten a correcta execución da envolvente hermética.
  • Ventilación mecánica. As vivendas con este certificado requiren ventilación mecánica con recuperación de calor para aproveitar a temperatura do aire interior para prequentar ou arrefriar o aire limpo entrante antes de expulsar o aire viciado ao exterior. Belén explica que de aquí ven ese saber popular de que neste tipo de casas “non se pode abrir as ventás”. Realmente si que se pode, explica, o que acontece é que non é necesario para ventilar grazas aos sistemas mecánicos que xa teñen instalados.

Ademais dos criterios enumerados, tamén se analizan as proteccións solares en función da situación do edificio, incorporando persianas, estores ou outros elementos que minimicen os efectos da luz do Sol. Tamén se estuda que a enerxía consumida pola casa sexa producida por fontes de enerxía renovables.

Renderización do proxecto dunha vivenda pasiva de EDM Casas

Renderización do proxecto dunha vivenda pasiva de EDM Casas | Arquitectura: Marta Trigás

Enfocados na construción de vivendas pasivas

Chámaselle vivendas pasivas a aquelas construcións que están focalizadas en reducir ao mínimo o consumo enerxético. Ese é un dos eixos vertebradores tanto do certificado explicado anteriormente, como da empresa que lidera Belén Bouza. Como casas de alta eficiencia enerxética, utilizan os recursos da arquitectura bioclimática combinados de tal xeito que superan, con creces, as certificación das construcións tradicionais. E aí, a madeira xoga un papel fundamental, ademais das mencionadas fiestras de altas prestacións.

“Isto conséguese, principalmente, con máis capas de illamento e ventás de triplo vidrio”, explica Belén, pero tamén apunta que “algunhas veces as recomendacións da certificación difiren das normas que temos que cumplir no código técnico, aínda que somos conscientes de que estamos mergullados nun proceso de cambio e acabarán por unificarse os criterios ou, cando menos, aproximarse”. De feito, este tipo de construcións con alta eficiencia enerxética non soen necesitar un sistema de calefacción a maiores: outro dos principais aforros.

A construción de alta eficiencia enerxética tamén está a experimentar un crecemento na demanda polo contexto no que vivimos de encarecemento continuo dos prezos da enerxía eléctrica

Nun contexto estatal de encarecemento continuo dos prezos da enerxía eléctrica, os consumidores están a prestar máis atención a este tipo de construcións onde o gasto enerxético e mínimo: “Aínda que había xente que xa tiña asumida esta filosofía, estamos a notar un crecemento de interese pola situación do mercado eléctrico.

Os consumidores prefiren investir nunha vivenda que na factura da luz”, detalla Belén. Outro dos piares da súa empresa, engade, é que “reducimos á mínima expresión as emisións de dióxido de carbono á atmósfera. O futuro do planeta pasa por esa condición e, dende logo, non vai ser negociable. Xa demostramos que funciona, agora o obxectivo é extender a visión”.

Os usos máis habituais da madeira

En EDM Casas o uso principal que promoven para a madeira é o estrutural. Absolutamente todos os proxectos que executan cumpren esa condición. Logo, cun papel secundario e dependendo das esixencias estéticas de cada cliente poden utilizar, por exemplo, revestimentos exteriores de madeira termotrada de piñeiro que tamén poden aplicar logo con paneis en interiores ou mesmo no chan, aínda que xa serían derivados procesados. A madeira maciza, como tal, emprégana nas estruturas e máis nos frontispicios ou nos chans dos porches.

Como xa contamos noutras reportaxes, no mercado galego estase a experimentar un ascenso na utilización de madeiras termotratadas e EDM Casas forma parte desa revolución do sector: “Agora, sen ir máis lonxe, estamos a rematar unha vivenda que está completamente revestida de madeira termotratada. Toda a fachada e o chan exterior”, explica Belén.

“Para os escépticos, diría que grazas ás innovacións tecnolóxicas, a día de hoxe, permítennos a utilización eficiente de madeiras en exterior sen ningún tipo de perxuízo. A madeira haina que coñecer. Non todo vale, pero o termotratado, concretamente, é un procedemento extremadamente eficiente e que, ademais, é inocuo, xa que non interveñen químicos”.

Casa Biduído, un exemplo de eficiencia

O equipo de Belén Bouza proxectou en Ames unha das súas últimas vivendas pasivas. A súa execución resolveuse con estrutura de CLT (madeira contralaminada) de piñeiro galego subministrado pola empresa galega Finsa. Acabados exteriores con SATE (sistema de illamento polo exterior) e pedra, con contrafiestras fabricadas en madeira termotratada.

A carpinteria exterior será de PVC e triplo acristalamento de altas prestacións para mellorar o comportamento enerxético da vivenda, tendo en conta o clima da zona, con invernos fríos e veráns cálidos. Un gran soportal perimetral mitigará a incidencia do sol nos meses máis calorosos. A climatización da casa fornecerase a través do aire de ventilación mecánica con recuperación de calor e unha batería eléctrica de postratamento para lograr o “máximo confort”, explica Belén. 

Renderización do proxecto dunha vivenda pasiva de EDM Casas

Renderización do proxecto dunha vivenda pasiva de EDM Casas | Arquitectura: Marta Trigás

A relación do prezo co confort e os tempos de execución

“Sobre o tema do prezo sempre hai dúbidas. Realmente, a madeira empregámola necesariamente nas estruturas, pero esa é só unha pequena porcentaxe do total da construción”, aclara Belén. O prezo, aclara, vai depender principalmente da madeira que se empregue e se, ademais, colócase como revestimentos, chans e outros elementos arquitectónicos. “Como nós utilizamos piñeiro galego, somos quen de manter un prezo moi similar aos de outras solucións construtivas. Estamos un pouco por riba, pero marcamos a diferenza tanto en tempos de execución da obra como no confort final”, explica.

A construción con madeira a penas emprega auga no seu proceso de obra. Comparado co formigón, a diferenza de gasto en auga e tempo é moi notable

As construcións con madeira conlevan obras “secas”. É dicir, non interven a auga en ningún dos procesos. O formigón necesita grandes cantidades de auga e moito tempo de espera para fraguar. “A realidade é que con este tipo de construción non hai tempos de espera de ningún tipo”, argumenta Belén. “As que levamos moitos anos entre obras, tamén o notamos a diferencia de entrar nun proxecto en construción con madeira ou con elementos máis industriais. Nos primeiros, o ambiente é calido e afable, nos outros a humidade, por exemplo, é unha constante”.

O mito dos incendios 

Entre as preguntas que recibe Belén de potenciais clientes hai unha que sobresae sobre o resto: Que pasa co lume? “Cando falamos dunha casa de madeira, o primeiro que pensa todo o mundo é nun posible incendio”, bromea a propietaria de EDM Casas. Os motivos habituais dos incendios, explica, son os curtocircuítos ou algún despiste na cociña. “Ninguén pode negar que a madeira arde, pero nós, igual que en calquera outra construción, temos que garantizar a evacuación da vivenda nun período determinado de tempo que depende do uso da vivenda”, concreta. Este proceso faise a través dun cálculo de estruturas, onde o tipo de material é un factor máis a ter en conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información