A Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga) organizou a mesa redonda ‘A madeira e o futuro. Produtos innovadores para a descarbonización e impulso á economía circular’ no evento de interiorismo Creafogar, situado nunha vivenda da zona histórica de Santiago de Compostela. O encontro contou coa participación de tres empresas do sector: Madeiras Ou Fragueiro (Tui), Exfopino (Rois) e Hijos de Vicente Suárez (Outes).
Durante a xornada, a secretaria xeral de Fearmaga, Ana Oróns, destacou a gran presenza da madeira en Creafogar, tanto a nivel de mobiliario, deseño, decoración e elementos artesanais, como a nivel estrutural. Sinalou tamén “a importancia de contar en Galicia con bosques xestionados de forma sostible e empresas que extraian e transformen esa materia prima, integrando a innovación e engadindo valor ao produto”.
Nas intervencións das empresas resaltouse a súa aposta pola xestión forestal sostible, a certificación forestal e cadea de custodia. Ana Rodríguez, enxeñeira forestal en Madeiras Ou Fragueiro, destacou que a empresa valoriza a madeira do monte e que necesitan da diversidade de especies.
Pola súa parte, Ramón Tojo, de Exfopino, sinalou que a xestión sostible do monte é esencial para ofrecer madeira de calidade, mentres que Mauro Antelo, do serradoiro Hijos de Vicente Suárez, engadiu que un monte ordenado de forma sostible ofrece unha madeira con mellores prestacións á que alongan a súa vida útil en ciclo sen fin.
As tres empresas tamén destacaron a modernización dos procesos, a procura de novos nichos de mercado e a aposta pola economía circular para producir, por exemplo, innovadoras pezas de mobiliario a partir de madeira de bateas reciclada.
Tras a mesa redonda, os participantes visitaron a vivenda de Creafogar onde descubriron intervencións destacadas de empresas do sector. Hijos de Vicente Suárez achegou ao proxecto unha mesa de reunións e un mesado para o espazo de artesanía realizadas con madeira reciclada das bateas.
Exfopino, pola súa banda, elaborou os acabados dun aseo e un miradoiro con madeira de castiñeiro, recubrindo as paredes cun friso de madeira finger joint.
Creafogar é un espazo efémero de interiorismo que mostra mobiliario e produtos do fogar feitos en Galicia, con máis de 150 marcas galegas participantes. As promotoras son Almudena Rodríguez (DenaDinteriores) e Beatriz Barril (Spacio-B), ambas as acreditadas polo selo Artesanía de Galicia.
Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai máis de 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas do sector, aglutinando preto de 350.