A madeira aguanta o bo momento de prezos, á espera dun outono incerto

Os piñeiros continuaron case a duplicar os prezos do ano anterior, aínda que a súa demanda arrefriouse nos últimos meses. Mentres, o eucalipto rexistrou unha lixeira suba de prezos que se encaixa nas oscilacións habituais

A madeira aguanta o bo momento de prezos, á espera dun outono incerto

Os prezos da madeira mantéñense pero de xuño a aquí a demanda enfríase

A madeira de piñeiro e de eucalipto mantívose nuns prezos elevados nos últimos meses, notoriamente máis marcados no caso das coníferas. En xuño deste ano o piñeiro situábase “en torno aos 45 – 55 euros / tonelada de media por lote, en pé no monte e sen Iva, frente ao intervalo de 25€ a 34€ que se rexistraba en setembro do ano anterior”, detallan desde a Fundación Arume, unha entidade que agrupa a toda a cadea monte – industria ligada ás coníferas. A cuestión é durante canto tempo se manterán estes niveis récord de cotizacións.

No eucalipto, os prezos continúan estables, cunha lixeira suba que os sitúa “sobre uns 34 -35 euros de media, con casca, en pé e sen IVA”, sinala Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia.

Mellora de prezos das coníferas
O piñeiro viña dunha década mala, pois trala crise do 2008 non iniciou a remontada ata estes últimos anos, cando comezaron a medrar as plantacións, a demanda de madeira e os prezos. “Estamos nun momento no sector primario no que as materias primas están revalorizadas e demandadas, en especial a madeira de piñeiro nos últimos anos” -resume Óscar Piñón, un madeirista de Ortigueira-. “Formo parte dunha empresa familiar, meu pai ten máis de 30 anos de experiencia e eu máis de 15, e nos 40 anos que levamos nunca se alcanzaran estes prezos”, destaca.

“Formo parte dunha empresa madeireira familiar e nos 40 anos que levamos nunca se alcanzaron estes prezos” (Óscar Piñón)

O prezo por lote de piñeiro chegou case a duplicarse no último ano, chegando en xuño a uns 45-55 euros de media, en pé sen Ive, segundo as estimacións da Fundación Arume. Se falamos de madeira posta en fábrica, os prezos achéganse ós 80 euros para a rolla. “Estes días estivemos cortando dúas plantacións de piñeiro e a rolla posta en fábrica está en 75 euros e o puntal sobre 42 euros”, avanza Piñón.

Tala de madeira de piñeiro con rolla

Tala de madeira de piñeiro.

Demanda de piñeiro
Os bos prezos do piñeiro aguantan polo de agora porque a demanda continúa sendo elevada, segundo testemuñan desde a Fundación Arume: “Non temos a situación de escaseza de madeira dos últimos dous anos, cando había menos madeira dispoñible para importar e as empresas españolas tiveron que refuxiarse no piñeiro galego, pero a demanda continúa elevada”, analizan.

“A demanda destes meses foi brutal, especialmente por parte dos serradoiros, aínda que agora vemos como pouco a pouco se vai freando” -expresa Miguel Vázquez, da empresa lucense Maderista Souto-. “Hoxe estamos traballando a un ritmo normal, pero temos a incerteza de se seguirá así para o futuro”, comenta.

Moita da demanda que hai en Galicia por parte dos serradoiros está ligada á industria e ao mercado da embalaxe. “O noso mercado é principalmente o español, onde se serran en torno a 5 millóns de toneladas de madeira de piñeiro, dos cales 2 millóns se traballan en Galicia. Deste volume, aproximadamente un 70% vai para palés e embalaxes, polo que cómpre ter en conta este sector na subida ou na baixada da demanda de coníferas” -detallan desde a Fundación Arume-. “Ata o momento tivo moita saída, pero desde xuño cara a aquí percíbese un certo arrefriamento da demanda”, advirten.

Noutros sectores, como o do triturado de piñeiro para taboleiro, os madeiristas sinalan que continúa a boa demanda: “Mantéñense os prezos e mesmo aumentou a solicitude sobre este tipo de madeira”, destaca Luis Díaz, de Forestal Díaz Casariego, unha empresa forestal da Mariña lucense.

“Cómpre ter en conta o sector industrial e de embalaxe na subida ou na baixada da demanda de coníferas, posto que representan un 70% da madeira que se serra en Galicia” (Fundación Arume)

Factores externos
Malia o bo momento do mercado, o sector espera con desconfianza o outono. “Hai factores a ter en conta, como a ameaza dun posible empeoramento económico no outono, ou a entrada no mercado dos piñeiros que arderon nos incendios dos pasados meses”, analiza Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia.

“A madeira queimada de coníferas ten un prazo para ser cortada e serrada sen que perda as súas propiedades. Nos pasados meses ardeu moito piñeiro que proximamente chegará á industria”, engade Miguel Vázquez, de empresa Maderista Souto.

Esta chegada de madeira afectada polos lumes ás fábricas “incrementará a dispoñibilidade de piñeiro no mercado, o que probablemente xerará unha baixada de prezos por exceso puntual de oferta. Deste xeito, o puntal, que conseguira bos prezos neste ano, poida que baixe en torno a 4 euros aproximadamente”, valora Covelo, que lembra descensos similares tras outras campañas con importantes incendios forestais.

Situación no punto de venda
O mercado final é outro dos escenarios ós que prestar atención, pois a suba de prezos que experimentou a madeira e un certo temor ó outono que se aveciña son factores que lle afectan ó consumidor.

“A partir de abril, o primeiro canal en notalo foi o da bricolaxe, por estar máis cerca do consumidor final. Unha gran empresa comercializadora do sector tivo unha baixada de vendas nos produtos de madeira que se aproxima ao 30% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Así as cousas, os produtos transformados de madeira vanse ir perfilando cara abaixo, e iso quizais repercuta na materia prima”, valoran na Fundación Arume.

En calquera caso, desde o sector inciden en que estes cambios cínguense ó curto prazo, pois “é evidente que temos unha alta demanda real de piñeiro por parte das industrias, que están aumentando o valor engadido que lle dan a esta materia prima e que van seguir necesitando un elevado suministro de coníferas a longo prazo”, subliña Covelo.

Os altos prezos da pasta de papel sosteñen o bo momento do eucalipto

Os prezos da pasta de papel mantivéronse nunha tendencia ascendente nos últimos meses, rexistrando a inicios do verán un 38% de aumento en comparación con maio do 2021. Iso derivou en que o paquete de folios nas papelerías subira arredor dun 40% en relación a hai un ano. Pero en que medida repercuten estes incrementos na materia prima?.

As pasteiras teñen unhas primas nas súas tarifas ligadas á cotización da pasta de papel, pero son primas que non adoitan implicar cambios sustanciais. “Si que houbo un lixeiro aumento de prezos a pé de monte, pero nada extraordinario, son as flutuacións habituais”, valora Manuel Freire, un madeirista do Morrazo que traballa principalmente con eucalipto.

Sobre o prezo do eucalipto, Freire lembra que a principal firma do sector, Ence traballa cuns prezos base ós que engade complementos por cuestións como tamaño do lote, certificación ou prezos da pasta de papel. “Este ano engadiu unha prima a maiores para axudar a paliar os custos pola alza dos combustibles, sendo unha das cuestións que repercutiu, en certo modo, no mantemento dos prezos do eucalipto”, expresa Manuel Freire.

“O prezo medio da madeira de eucalipto globulus a pé de monte e sen Iva é actualmente duns 34€ ou 35€”, concreta Covelo. Un dato que confirman os madeireiros consultados. “O prezo máximo nestes momentos está polos 34 € máis Iva con casca, e uns 6€ máis pelada”, sinala Luis Díaz, en tanto Freire apunta un arco de prezos de 30 – 35 euros, dependendo de factores como o tamaño do lote ou as características do terreo.

O bo momento de prezos da pasta de papel mantén tamén unha alta demanda de madeira por parte da industria. Incluso en Ence Pontevedra, onde a factoría tivo que pechar temporalmente pola escaseza de auga no Lérez. “Polo momento seguen demandando madeira, non puxeron ningún cupo. A única cuestión é que están desviando a madeira do norte de Galicia para Navia pola necesidade do momento”, explica Manuel Freire.

En canto ó envío de madeira para as pasteiras portuguesas, os madeiristas apuntan tamén a unha alta demanda e a unha redución de requisitos. “Están demandando madeira de eucalipto mesmo con casca, unha cuestión que anos atrás apenas se contemplaba”, sinala Óscar Piñón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información