Madefon, un aserradoiro que transforma só madeira de castiñeiro

Formada por cinco socios, esta cooperativa creada no ano 1997 na Fonsagrada transforma 4.000 toneladas cada ano e permite dar saída ás frondosas autóctonas que se cortan na montaña de Lugo

José Manuel F. Pérez, nas instalacións de Madefon na Fonsagrada

José Manuel F. Pérez, nas instalacións de Madefon na Fonsagrada

En Galicia hai unhas 50.000 hectáreas de monte plantadas con castiñeiro, cun volume de cortas anual duns 30.000 metros cúbicos. Unha das principais zonas de produción é a montaña de Lugo, onde se asenta Madefon, unha das poucas empresas especializadas en aserrado de castiñeiro en Galicia.

Trátase dunha cooperativa creada no 1997 e formada por 5 socios: José Manuel F. Pérez, o seu irmán Gustavo, Carlos López, José Manuel Fernández Álvarez e Manolo Rodríguez. Contan na actualidade cun cadro de persoal de 6 traballadores e transforman unas 4.000 toneladas de castiñeiro ao ano.

 “Nós no monte nunca cortamos, o que facemos é mercar a empresas forestais que se dedican á saca, compramos a madeira por tonelada”, explica José Manuel Pérez. “Nós surtímonos nun radio de 80 km, pero fundamentalmente aquí na comarca da Fonsagrada. Estamos nunha zona na que aínda hai castiñeiro e entre o 60 e o 70% da madeira que transformamos sae da propia comarca, é madeira local”, destaca.  

Entre o 60 e o 70% da madeira que transformamos sae da comarca da Fonsagrada

É un xeito así de valorizar a materia prima que se corta nos montes da zona e que doutra maneira tería que marchar fóra para ser procesada, xa que a día de hoxe Madefon é o único aserradoiro que queda na Fonsagrada despois de que os outros dous que había acabaran pechando.

Aumento da demanda e incremento moderado de prezos

Entre o 60 e o 70% da madeira que transforman procede dos montes da comarca na que están asentados

Entre o 60 e o 70% da madeira que transforman procede dos montes da comarca na que están asentados

No último ano a madeira de abeto laminado que viña de centroeuropa incrementou notablemente o seu valor, até practicamente duplicar o prezo, e o mesmo lle pasou ao carballo americano, o que fixo máis competitiva a madeira de castiñeiro.

Un metro cúbico de madeira serrada de castiñeiro vale uns 900 euros

“O castiñeiro algo subiu, porque o transporte, a electricidade ou os custos sociais tamén subiron, pero non sufriu esa variación tan importante de prezo, non se disparou como pasou coas outras madeiras. É unha madeira que sempre se mantén máis estable”, asegura José Manuel.  

Onde si se notou foi na demanda, que se incrementou de maneira importante nos últimos meses como consecuencia do encarecemento das outras madeiras. “O que nos influíu de maneira positiva foi sobre todo a subida experimentada polo carballo, tanto o de procedencia europea como americana, que tamén se disparou de prezo no último ano e medio ou dous anos, e iso fixo que tivese máis demanda o castiñeiro, ata o punto de que quedamos case sen stock”, explica.

Cambio de mentalidade nos propietarios forestais

Madefon conta con 6 empregados e procesa anualmente 4.000 toneladas de castiñeiro

Madefon conta con 6 empregados e procesa anualmente 4.000 toneladas de castiñeiro

Nos seus 25 anos de funcionamento, en Madefon foron mellorando as instalacións e modernizando a maquinaria para adaptarse ás esixencias técnicas e ás novas demandas do mercado.

En vigas grandes surtímonos fundamentalmente de Francia, porque aquí non hai pezas que poidan dar longos de máis de 6 metros. A madeira que temos en Galicia é de boa calidade, pero temos un problema de forma por falta dunha selvicultura axeitada. Ata agora non a houbo e por iso temos a madeira que temos”, explica.

O pai de José Manuel e de Gustavo xa tiña un aserradoiro

Pero José Manuel ve un cambio nos últimos anos. “Eu penso que agora os propietarios coidan máis o monte. A madeira non é plantala e deixala aí, hai que facerlle un traballo, porque a madeira faise. As distancias de plantación, as podas e limpezas con aspectos fundamentais para ter despois madeira de calidade e eu vexo que a xente coida agora máis esas cousas”, di.

Na comarca da Fonsagrada a especie predominante nas repoboacións é o piñeiro pero tamén se está a plantar algo de castiñeiro. “Hai que partir da base que é unha especie minoritaria, pero desde a Administración estase a promover a plantación de frondosas”, valora.

A madeira faise, e eu creo que os propietarios agora coidan máis o monte

Pero a superficie con monocultivo de castiñeiro para produción de madeira é aínda escasa. A maioría dos seus provedores traballan outras especies, como o piñeiro, e nas cortas que realizan, cando aparecen pés de castiñeiro dentro de bosques mixtos, van apartando esas pezas con destino a Madefon.

Envíos para fóra de Galicia

Fan vigas e puntóns a medida e táboa e tarima para obras de construción e rehabilitación

Fan vigas e puntóns a medida e táboa e tarima para obras de construción e rehabilitación

Traballan con clientes de toda Galicia e tamén doutras zonas do Estado. “Mandamos madeira para Sevilla, para Salamanca ou para as Baleares. Agora mesmo, por exemplo, temos unha obra grande en Ibiza”, contan. “Foi complicadísimo porque na Fonsagrada non se consume o volume de madeira que nós fabricamos, podemos vender aquí un 3%, pero tivemos que buscar mercados fóra”, recoñece. 

“A madeira, en xeral, agora está de moda e eu vexo que os arquitectos e os decoradores están a apostar por ela. Tardou moito, pero agora a madeira está en auxe por varias razóns, pero sobre todo porque é un material renovable e menos contaminante, que no seu proceso de fabricación require dun menor consumo enerxético”, destaca.

Tardou moito, pero a madeira en xeral agora está de moda

Salvo en determinadas rehabilitacións, a madeira máis empregada en construción a día de hoxe seguen a ser as coníferas, aínda que José Manuel considera que “se o uso da madeira despega, as frondosas autóctonas terán tamén o seu oco”. Non entende determinadas reticencias ao seu uso porque “a madeira maciza de castiñeiro ten unhas normas de clasificación e está igualmente no código técnico de edificación”, di. 

Importante capacidade de secado

Contan con tres secadoiros con capacidade para 240 metros cúbicos de madeira que quentan coa biomasa xerada no aserradoiro

Teñen tres secadoiros con capacidade para 240 metros cúbicos de madeira que quentan con biomasa

Ademais de madeira serrada en verde para fabricación a medida de vigas e puntóns, Madefon tamén produce táboa e tarima de castiñeiro. Son produtos que requiren dun longo proceso de secado, para o que dispoñen de tres secadoiros con capacidade para 240 metros cúbicos de madeira.

Despois do oreo, a táboa pasa de media uns 45 días nos secadoiros antes de saír ao mercado

O calor necesario para o proceso de secado é producido mediante unha caldeira de biomasa que aproveita os residuos xerados no propio aserradoiro (casca, serrín, viruta, tacos e outros refugallos do proceso de aserrado).

Nos secadoiros a madeira pasa ata 50 días, aínda que o tempo necesario depende de como entre. “Se entra moi aireada fan falta menos días”, explica José Manuel, que detalla o proceso que seguen: “Traemos o tronco, sérranse as táboas e saen ao exterior onde se almacenan estibadas para o oreo. Nesa explanada estarían o máximo tempo posible, en función da demanda que haxa, porque para a madeira é bo ese aireado fóra. E logo xa sería cando entrarían ao secadoiro para o proceso final antes da clasificación e saída ao mercado”.

Unha vez serrada a táboa almacénase durante semanas ao aire libre para que se airee

Unha vez serrada a táboa almacénase durante semanas ao aire libre para que se airee e gañe dureza e resistencia

O proceso completo dura entre 7 e 8 meses. “Un castiñeiro cortado hoxe no monte non está listo para procesos de segunda transformación nunca antes deses 8 meses, o que encarece o prezo final do produto polos gastos de almacenaxe e dos procesos intermedios de aireado e secado”, indica.

O proceso completo dura entre 7 e 8 meses, desde que o castiñeiro é cortado no monte ata que o produto sae con destino ao cliente final

Ao estar vinculada en moitos casos a obras estruturais ou en lousados, o pico da demanda prodúcese durante os meses da primavera e o verán. No caso de vigas e puntóns fabrican practicamente a medida que lles van chegando os pedidos. Noutro tipo de produtos, como táboa ou tarima, teñen que facer unha previsión de produción con varios meses de antelación. “Tes que acopiar material para ir rotando e poder subministrar aos clientes cando che piden”, explica José Manuel. Aínda que tratan de ter sempre stock dabondo, co aumento da demanda neste momento teñen pouco produto almacenado.

“O sector da fabricación en serie de moble de castaño practicamente desapareceu”

Un dos traballadores de Madefon preparando táboas de castiñeiro

Un dos traballadores de Madefon preparando táboas de castiñeiro

As empresas especializadas en castiñeiro en Galicia cóntanse na actualidade cos dedos dunha man: Madefon na Fonsagrada, Maderas Gayoso en Vilalba, Sucesores de Sánchez Rivas en Palas de Rei ou Exfopino en Rois.

O seu mercado principal neste momento é a construción, con fabricación a medida de madeira maciza estrutural tanto para rehabilitacións como para obra nova, un sector que hai anos compaxinaban co da carpintaría.

“Cando nós empezamos a producir, a comezos do ano 1998, funcionaba moi ben o sector da fabricación do moble en Galicia e noutras zonas do Estado. O 80% do que nós produciamos ía todo para facer moble en serie de castiñeiro. Vendiamos centos de metros cúbicos de madeira na zona da Estrada ou en Toledo, pero todo iso desapareceu por completo desde a crise do ladrillo do 2008”, conta José Manuel.

O mercado da carpintería a medida segue existindo, pero é un mercado moi pequeno e limitado

O mercado da carpintería a medida segue existindo, pero é un mercado moi pequeno e limitado. Sen embargo, o da fabricación en serie, que era o que consumía un volume importante de madeira de aserradoiros coma este, “non se recuperou nin se vai a recuperar, polo menos a curto prazo”, opina.

A raíz da desaparición do sector da fabricación en serie de moble macizo, Madefon buscou alternativas para a súa táboa na produción de tarima para chans de madeira, un produto de maior prezo e que xera un incremento do valor engadido. “Ao caer o moble o propio mercado foise adaptando a outras saídas”, recoñece José Manuel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información