En Santa Cristina de Fecha, unha parroquia do rural de Santiago, son as sete da tarde dun día claro de verán pero a penas se ve o sol. O monte leva 30 horas en chamas e o fume baixa como unha néboa de outono ata os prados e casas. Ule a queimado. O incendio levou xa por diante 800 hectáreas de eucaliptos, piñeiros e toxeiras, aínda que semella que ó fin estase a quedar sen folgos.
“Foi unha angustia, o fume non deixaba respirar e viamos o lume na porta da aldea”, lembra unha veciña
As motobombas e os todoterreos do persoal de extinción van e veñen pola pista que atravesa o lugar de Diáns ata o último foco que queda por extinguir. Ao final da aldea, uns centos de metros antes de chegar á derradeira columna de fume, Protección Civil mantén cortado o paso e un grupo de veciños e cans xúntase diante a mirar.
Agora que xa case todo pasou, falan da angustia do vivido a noite anterior, cando tiveron o lume ás portas da aldea, cando o fume non deixaba respirar e a todos lles deron as dúas e as tres da madrugada cun ollo no monte. “Pensabamos que igual nos mandaban desaloxar, como fixeran en Vilar do Rei, outra das aldeas da parroquia. Desde que se fixo de noite, aquí en Diáns non houbo ninguén combatindo o lume. Ardeu o que quixo. Só tiñamos á policía a dar voltas, vixilando a situación”, lembra unha veciña.
Defensa dos núcleos
O incendio baixou desde a cima do monte ata o pé da aldea e extendeuse polo mato do eucaliptal e do bosque mixto que rodea o lugar. As lapas chegaron a saír da zona arborada e cruzaron a pista que circunda Diáns para prender nunha leira de coles que estaba estrada de herba seca. Dalí avanzaron a terras desbrozadas que quedaran co mato cortado por riba, pero non puideron achegarse máis ás casas. O cinturón de prados que hai arredor das vivendas detivo o seu avance. “O lume morreu ó chegar á herba verde”, resume un veciño.
Os veciños que traballan os prados ben poden considerarse os bombeiros invisibles da aldea. O lume morreu ó chegar á herba verde
Neses mesmos prados que hai unhas horas estaban cercados polo lume, dous veciños cortan herba cunha segadora tipo Bertolina e cárgana no remolque do tractor. Un pouco máis arriba, outro tractor, tamén alleo ó fume e ó traxín de bombeiros, parte cara a corte escoltado por un pastor alemán e co remolque ben cargado, gadaña e galleta sobre a herba. Todos eles ben poden considerarse os bombeiros invisibles de Diáns.
Outras aldeas da mesma parroquia, co monte case pegado ás casas, precisaron de motobombas, brigadas e excavadoras a abrir cortalumes para mellorar a defensa das vivendas. Os equipos de extinción pouco máis puideron facer, dadas as dimensións que colleu o incendio.
Lume provocado
O lume iniciouse no mediodía do mércores no Vachao (Fecha), un lugar ubicado a media ladeira sobre o Val do Tambre e repoboado anos atrás con plantacións de eucalipto. Quen prendeu o lume, opinan os veciños, sabía o que facía. Cando comezou o incendio, o vento do nordés sopraba por riba dos 30 quilómetros por hora e seguindo o sentido do vento desde o Vachao, o lume tiña quilómetros e quilómetros de toxeiras e arborado por diante.
Co incendio en marcha e ventos que chegaron a ter rachas de ata 100 quilómetros por hora, apareceu a media tarde do mércores un segundo foco no monte do Mercuto, pero os propios veciños non se poñen de acordo á hora de valorar se se tratou dun foco secundario do propio lume, xerado por faíscas, ou se o novo foco tamén foi provocado. O vento permitiu despois que o lume atravesase unha estrada provincial de tres carrís (Santiago-Portomouro- Carballo) e non puido ser detido ata que tamén queimou do outro lado parte dos montes de Ameixenda e de Piñeiro, xa no concello de Ames.
A Policía Autonómica está a investigar a posible orixe do lume, que os veciños cren provocado
Xunto ó grupo de veciños e cans de Diáns párase un todoterreo do que baixan dous mozos da Policía Autonómica, vestidos de paisano. Inquiren pola opinión que hai sobre o lume. Os veciños non teñen dúbidas en que foi provocado. De feito, explican, o primeiro foco do lume chegouse a apagar na súa fase inicial, pero ó pouco apareceu outro foco que xa non tivo freo. Lembran tamén que hai unhas semanas apareceu de madrugada un lume noutro lugar da zona, en Belén.
– E alguén ó que lle guste por aquí o lume ou que non sexa así moi ben dado? -preguntan os policías.
Aos veciños non se lles ocorre ninguén.
– E algún conflicto que haxa na zona, alguén que puidese estar molesto por algo?
Tampouco. “Aquí somos todos xente de ben”, valoran os veciños. E quen máis, quen menos -engaden- todas as familias tiñan parcelas con madeira no monte e todas perden co incendio.
– Pois de lonxe non creo que viñeran aquí prender o lume -aventuran os axentes.
Situación do monte
Uns prados e unhas casas atrás, fórmase outro corro de veciños a facer balance do que se queimou e do que non. “O principal é que non lle pasou nada a ningunha persoa, nin veciño nin das brigadas de extinción. Tampouco ás casas”, valoran.
Tal e como estaba o vento e o monte, en Diáns coinciden en que o lume era imparable. “No alto era todo monte baixo que levaba alí anos e anos sen apañar, con toxos altos e gordos coma árbores”, compara un veciño mentres debuxa no aire coas dúas mans o tamaño dos troncos.
“Os teus fillos e netos non van ir limpar o monte”, dille un home a súa veciña. “É certo, e a túa filla tampouco”, retruca a muller.
A xente maior da parroquia aínda lembra cando, non hai tantísimos anos, íase ó monte por toxos para estrar as cortes. Unha veciña, enrugas no rostro e bastón na man, mira máis atrás e apunta á época das estivadas, pode que hai 50 ou 60 anos, cando se cavaba o monte e se queimaban os terróns para plantar centeo. “Dunha ocasión, botamos tamén naviña de eucalipto co centeo e como medraron aqueles eucaliptos”, rememora. “O monte así queimado, tal e como está agora, é ideal para botar naviña de árbores”, valora.
– Xa cambiou o mundo e iso non se fai -tercia outro veciño-. Iso é pan para hoxe e fame para mañá. Agora o que interesa é facer plantacións á liña para meter o tractor e limpar. Os teus fillos e netos non van ir limpar o monte.
– Non, iso é verdade. E a túa filla tampouco -remacha a veciña.
– Tampouco. Eu tiña as leiras limpas porque as limpei coa desbrozadora manual. As árbores están onde ían nacendo, ben sabes, e para limpar unha finca tiven que sudar a gota gorda. Poucas leiras estaban limpas como a miña porque aquí plantacións en liña, habíaas contadas.
– Si, pero a xente agora xa non che ten tempo para ir ó monte limpar -retruca a veciña.
– O que fai é a idea, terlle idea. Eu non tiña tempo pero aproveitaba sábados e vacacións para dedicarllas ó monte. Por iso agora me doe velo queimado.
Perdas
Na parroquia calculan que máis da metade da zona calcinada estaba arborada. “Perdéronse miles de toneladas de madeira”, aseguran. Os eucaliptos que había na parte alta do monte, entremedio dos toxos, quedaron calcinados de abaixo ata a punta. “O lume subiu por eles máis de 20 metros de alto”, conta quen os viu.
Tamén quedaron queimadas por completo repoboacións de eucaliptos de poucos anos, en tanto que o arborado alto que estaba na parte baixa da ladeira, preto dos núcleos habitados, salvou o lume coa única perda do mato que cubría o solo. O chan quedou negro e fumeante, pero as copas de eucaliptos, piñeiros e carballos mantivéronse intactas.
Os veciños dan por seguras perdas no valor da madeira, aínda que parte do arborado viuse pouco afectado
Os danos sobre esa madeira pénsase que non foron moitos, aínda que hai temor á depreciación do seu valor. “Xa non valía moito e agora a ver a como a pagan. A min colleume cunha parcela medio vendida e non sei que pasará. O lume non lle afectou moito porque tíñaa limpa, pero seguro que excusas para baixar o prezo han de atopar”, pronostica un veciño.
Balance de lumes
O mesmo problema para buscarlle saída á madeira queimada atoparán este outono as outras zonas afectadas polos grandes lumes desta semana, xa máis de 6.000 hectáreas, con Arbo (1.500 hectáreas), Porto do Son (900) e Santa Cristina de Fecha (800) como áreas máis castigadas. En canto cheguen as chuvias, os veciños temen tamén a riada de cinzas que, pronostican, baixará dos montes.
“Ardeu todo o que quixo. Podía estar mellor organizado e podíase ter feito máis, pero tampouco vale a pena arriscar vidas”, valoran no lugar
Sobre os lumes que houbo esta semana, efectivos dos servizos contraincendios teñen lanzado críticas por desorganización e falta de medios nos operativos de extinción. Desde o Goberno autonómico deféndese en cambio que Galicia ten o mellor dispositivo contra os lumes de Europa. En Santa Cristina de Fecha miran as cousas desde a súa experiencia e desde a dor polas perdas sufridas: “Ardeu todo o que quixo. Podía estar mellor organizado e podíase ter feito máis, pero tampouco vale a pena arriscar vidas polo monte. O importante é que persoas e casas están ben”, valoran.
Entre tanto, os axentes da Policía Autonómica teñen unha última pregunta para os veciños. Queren saber se se viu a alguén extraño polo lugar.
– A ver – sopesa un home, máscara de botar o sulfato na cara para protexerse do fume-, agora que o di, cando xa estaba todo medio queimado apareceu un fulano que se baixou dunha furgoneta e que parecía que andaba a buscar algo dun lado para outro. Pregunteille se perdera algo e díxome que andaba a buscar uns bichiños, pero, digo eu, que bichiños ía buscar se estaba todo recén queimado?
– Os Pokemon -deduce o policía. Risas.
Botaranlle a culpa a os pirómanos, ao tempo… Cando hai un perigo de orden público a administración debe tomar medidas, é a sua obriga, e non só policiasis. Se deixamos as portas da casas abertas, non podemos laiarnos dos ladróns, da mesma forma haberá que tomar medidas na ordeación no rural galego axeitadas para a daptarnos so ccambio climático. As casas non deben estar no medio do monte, e as plantacións con especies pirófitas, non se deben autorizar ao lado das casas, sobre todo cando o gasto de apagar lumes o pagamos todos e hai que ser moi eficiente na xestíón dos moi escasos cartos públicos sr Feijoo. O orzamento inon produtivo para apagar lumes non para de medar. Os 173 millóns orzamentados este ano, xa supoñen mais dun tercio do orzamento da Conselleria do Medio Rural, e non paran de medrar, é isto unha xestión eficienteFeijó? cando se tomarán medidas na administración para atallar esta sangría económica e ecolóxica?