Lugo conforma unha fronte contra o decreto de prohibición do eucalipto

A Deputación e 13 dos Concellos afectados comparten unha posición común contraria ó veto da especie no interior da provincia. “Estase a promover unha vez máis unha Galicia de dúas velocidades”, advirten os alcaldes

O proxecto de decreto que prohibiría as plantacións de eucalipto en 29 concellos do interior de Lugo (Ver mapa) estase a atopar cunha oposición social en aumento. A Deputación provincial mantivo unha reunión con 13 alcaldes e representantes municipais dos concellos afectados para valorar o posicionamento dos gobernos locais. A oposición ó veto foi unánime. “Estase a promover unha vez máis unha Galicia de dúas velocidades”, advirte o alcalde de Castroverde, José María Arias.

A regulación do eucalipto é unha cuestión que Medio Rural leva barallando desde o outono do 2015, cando presentou un primeiro borrador de decreto sobre a especie, se ben o proxecto estivo parado ata agora. Esta semana está previsto que a Xunta leve de novo o decreto ó Consello Forestal, un órgano consultivo no que participan os axentes do sector.

Limitacións
A idea inicial de Medio Rural é prohibir o eucalipto na provincia de Ourense e en 29 concellos da provincia de Lugo. Permitiríase o eucalipto en toda A Coruña, Pontevedra, na Mariña lucense, na Terra Cha e en parte dos concellos do interior de Lugo, caso da propia capital provincial ou do Corgo. A especie quedaría vetada nas montañas orientais, nos concellos da Ribeira Sacra e Val de Lemos e en boa parte dos concellos do interior lucense, como os da comarca de Sarria.

O proxecto levou nos últimos meses á constitución de asociacións de propietarios afectados en municipios como Castroverde ou Baralla. Desde Castroverde reclamouse recentemente unha reunión co presidente da Xunta, así como a inclusión da asociación de propietarios local no Consello Forestal, pero polo de agora non recibiron contestación da Xunta a ningunha das dúas peticións.

Implicación dos Concellos
A esa oposición social súmaselle agora unha oposición desde os gobernos locais. Os alcaldes, na reunión mantida onte coa Deputación, expresaron a súa preocupación polo impacto social e económico da posible prohibición, pois enténdese que o eucalipto aporta rendas para os veciños do rural, sobre todo en ciclos de crise como o actual. Tamén se considera á especie importante para a actividade das empresas madeireiras.

Darío Campos (dereita), nun intre da reunión.

Darío Campos (dereita), nun intre da reunión.

O propio presidente da Deputación, Darío Campos, expresou o seu desacordo co proxecto de decreto da Xunta e destacou a posibilidade de alternativas para a regulación do eucalipto, coma o deseño de Plans de Ordenación de Recursos Forestais a nivel de cada Distrito Forestal para regular os espazos e superficies axeitadas para o cultivo da especie.

Entre os alcaldes, algúns dos máis activos na oposición ó decreto foron o de Castroverde, José María Arias, que advertiu de que “unha vez máis, quere crearse unha Galicia de dúas velocidades”; e o da Fonsagrada, Argelio Fernández, quen considerou que este tipo de políticas “botan á xente do rural”.

Á reunión estaba confirmada a asistencia de 27 alcaldes, pero finalmente os do PP descolgáronse

Ao encontro da Deputación cos alcaldes, que se celebrou na xornada de onte, estaba confirmada nun principio a asistencia de 27 rexidores, se ben a última hora a gran maioría dos Concellos gobernados polo PP descolgáronse da reunión.

Participaron na reunión representantes dos seguintes Concellos: Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervantes, A Fonsagrada, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pantón e Pedrafita do Cebreiro.

Xornadas abertas ó público en marzo

Para o mes de marzo, a Deputación de Lugo ten prevista a celebración dunha xornada aberta ó público na que se expoñan os diversos puntos de vista que hai sobre especie. Está prevista a participación de propietarios forestais, técnicos, ecoloxistas e persoal da Administración.

A celebración das xornadas xa fora anunciada nunha reunión da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Cómpre lembrar que a propia Deputación, no marco do órgano de xestión da Reserva da Biosfera, compartiu as peticións de organizacións ecoloxistas para propiciar a regulación do eucalipto en determinados entornos, caso do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do Miño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información