A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 29 de xuño unha xornada técnica centrada nos servizos ecosistémicos, unha temática cada vez máis relevante na xestión sostible do territorio e na valorización dos recursos naturais.
A actividade, que se desenvolverá en horario de tarde na Sala de Xuntas da EPSE, forma parte do Plan de Formación e Transferencia 2026 da Consellería do Medio Rural e está impulsada polo Servizo de Montes e o Distrito Forestal IX Lugo-Sarria a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
A xornada conta coa colaboración da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela e co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que achega o 60 % do financiamento da iniciativa.
O programa dará comezo ás 16.00 horas coa intervención de Emilio Díaz Varela, da Universidade de Santiago de Compostela, quen abordará o concepto dos servizos ecosistémicos e a súa aplicación nos distintos territorios. Posteriormente, ás 17.00 horas, Pilar Orol Mel, de Tenzas Enxeñería e Asesoramento Legal, analizará os procesos de certificación destes servizos e as distintas vías de financiamento existentes para impulsalos.
A sesión concluirá ás 18.00 horas cun relatorio de Marcos Estévez Malvar, de Amonte Bioeconomía, que presentará diferentes experiencias e casos prácticos de certificación de servizos ecosistémicos desenvolvidos en Galicia.
A organización destaca que esta acción formativa pretende achegar coñecementos técnicos e exemplos reais sobre unha ferramenta que permite recoñecer e poñer en valor os beneficios ambientais, sociais e económicos que proporcionan os ecosistemas, contribuíndo ao desenvolvemento sostible do medio rural.
As persoas interesadas en participar deberán realizar unha preinscrición previa a través da plataforma ForAgro, buscando a actividade baixo o nome da xornada de servizos ecosistémicos.

Galego









Control OJD