Lugo acollerá o Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica

Este congreso, no que participarán reputados expertos a nivel nacional e internacional, terá lugar os días 20, 21, 22 e 23 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense

Publicidade
Publicidade
Lugo acollerá o Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica
Data inicio: 20/09/2016
Data fin: 23/09/2016
Lugar: Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Lugo, España

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este mércores o XII Congreso de SEAE, que por primeira vez acollerá a provincia de Lugo. Terá lugar os días 20, 21, 22 e 23 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos da capital luguesa. Nesta presentación, tamén participaron o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro Villares; a Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Belén do Campo Piñeiro; o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o Presidente de Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández Álvarez, e a Presidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEA), Dolores Raigón Jiménez.

López Izquierdo destacou que a Deputación colabora con esta iniciativa cunha achega económica de 40.000 euros. Ademais, o organismo provincial organizará NaturaLugo, unha feira de produtos ecolóxicos, na que se está a traballar, e que se celebrará coincidindo co Congreso da SEAE, aproveitando o numeroso público.

“Na produción ecolóxica temos o futuro deste país”

Pola súa parte, a Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, recordou que o valor da produción ecolóxica ven aumentando a un ritmo moi importante nos últimos anos, acadando en 2015 máis de 33 millóns de euros, dos que a provincia de Lugo facturou unha terceira parte do total. Ademais, o sector agroecolóxico galego rexistrou un elevado crecemento nese mesmo ano, acadando as 20.300 hectáreas. A maior parte desta produción ecolóxica certificada procede dos sectores do leite, carne, castañas e sidra. O número de operadores ecolóxicos en Galicia sitúase en 721.

A directora xeral salientou todos estes datos para concluír que esta gran capacidade da agricultura ecolóxica para medrar amosa que no sector primario de Galicia hai lugar para o emprendemento e o futuro das novas xeracións. Belén do Campo reafirmou o apoio do Goberno galego a estas producións e rematou dicindo que na produción ecolóxica “temos o futuro deste país”.

Toda a información sobre datas, horarios e prezos desta iniciativa en www.deputacionlugo.gal ou www.agroecologia.net.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *