A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove o I Foro da La, organizado pola Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) para dar visibilidade ao problema da xestión da la e potenciar o seu uso como materia prima.
O encontro celebrarase a fin de semana do 14 e 15 de setembro no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros de Lugo e contará cunha feira de la e de produtos feitos con ela ou a exposición de proxectos que xiren arredor desta materia prima tradicional.
Durante estas xornadas tamén se proxectarán documentais e haberá encontros, concertos, obradoiros, demostracións e mesas redondas que permitirán coñecer mellor o produto. Na cita colabora tamén a área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou a colaboración coa entidade gandeira Ovica “contribuíndo á estabilidade e continuidade dunha labor que beneficia directamente ás gandeiras e gandeiros asociados, atendendo necesidades relacionadas coa súa actividade cotiá, e que permite que encaren de xeito colectivo os retos dun sector fundamental para o mantemento do territorio”.
Dinamización da Praza de Abastos e o Mercado Municipal
A concelleira lucense Cristina López agradeceu a “colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e de Ovica nesta cita, que contribúe a dinamizar o mercado e a dar a coñecer a un público diverso a unha carne de excelentes propiedades, mentres seguimos a traballar para que a Praza e o Mercado conten cunha programación de actividades ampla e diversa ao longo de todo o ano”.
Ovica conta con 160 ganderías socias e 13.000 cabezas reprodutoras
No acto tamén participaron a deputada de Cultura, Iria Castro, o tenente de Alcaldesa de Lugo, Rubén Arroxo, e representantes de Ovica, a única asociación de gandeiras e gandeiros que aglutina a todo o sector ovino e cabrún de Galicia. Na actualidade conta con preto de 160 socios repartidos por todo o territorio galego, con arredor de 13.000 cabezas reprodutoras, o que supón unha media de case 110 reprodutoras por explotación. Esta entidade representa a preto do 25% das gandarías con máis de 150 animais censados, o que amosa a representatividade no sector e o seu potencial de crecemento.