Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de Pol (Lugo), resultou gañadora do XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, que se celebrou ao longo da mañá de hoxe no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que conclúe mañá en Silleda.
A subcampioa nesta edición foi Lorena Iglesia Vila, da SAT Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo). En canto á Mención de Honra recaeu en Xabier Montes Vilar, da gandería Casa do Rei, de Rodeiro (Pontevedra).
Organizado pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, o concurso foi xulgado por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá.
As partes preparadas a puntuar polo xuíz foron cabeza-pescozo, liña dorso-lumbar, barriga, costelas-corpo, patas, valoración xeral do conxunto, aparencia xeral e final, ademais de valoración do presentador e actitude do presentador.
Ao concurso, patrocinado por Ferplan (Delagro), concorreron oito novos gandeiros das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Os participantes dispuxeron de dúas horas (e 30 minutos máis para os rapaces de 15 anos ou menos) para pelar e preparar ao animal.
Esta tarde celebrouse tamén o certame de manexadores, no que gañou o balear Llorenç Bosch, e mañá será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Razas Frisoa, nos que participan 165 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela-León e Cataluña.
O balear Llorenç Bosch Pons gaña o Concurso de Manexadores de Gandagro