Lourizán sondea o interese da industria farmacéutica pola resina do piñeiro

O Centro de Investigación Forestal traballa na adaptación a Galicia dun método de extracción que podería duplicar a porcentaxe de trementina, a partir da que se sintetizan medicamentos de alto valor

Lourizán sondea o interese da industria farmacéutica pola resina do piñeiro

Piñeiros preparados para a resinación polo método tradicional de pica da casca.

Os compostos volátiles da resina de piñeiro teñen un potencial por explotar. O resinado tradicional, por medio das picas de casca, logra unha miera con altas porcentaxes de sólidos, a chamada colofonia, e cunha baixa porcentaxe de trementina, a parte volátil. Esa resina está adaptada ós usos tradicionais da industria resineira, orientada á obtención de derivados da colofonia, pero se se lograse unha resina de maior calidade, con máis porcentaxe de trementina, podería aspirarse a novos usos, coma o farmacéutico, de maior valor engadido.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán leva traballando un par de anos sobre esa hipótese. Lourizán estuda a adaptación a Galicia do método Borehole para lograr unha resina con maior porcentaxe da fracción volátil. O sistema Borehole afinado polo centro de investigación consiste en practicar uns buratos na base do tronco aos que se lle conectan envases de poliuretano para recoller a resina.

Resinado co método Borehole.

Resinado co método Borehole.

O tempo de resinado redúcese en comparación co método de pica da casca, aínda que a colleita de resina tamén é escasa, no entorno dos 100 gramos por bote. As vantaxes da resina lograda co método Borehole son que a porcentaxe de compostos volátiles duplícase e que a resina obtida non presenta contaminación, pois con este sistema, Lourizán ensaia a posibilidade de non empregar estimulantes químicos do resinado.

“O método de pica da casca proporciona unha porcentaxe de trementina do 10%, en tanto co método Borehole chegamos ó 23% de media”, explica o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro.

A trementina, rica en alfapinenos e beta pinenos, é unha materia prima de interese para a industria farmacéutica, pois dela pódense obter compostos como a verbenona. “A verbenona é un precursor da síntese do taxol, que é unha sustancia de alto valor que se emprega en medicamentos contra o cancro”, explica Enrique Martínez. Calcúlase que a nivel mundial, o taxol move un mercado anual duns 1.600 millóns de dólares.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán contactou con industrias farmacéuticas para valorar se terían interese na resina obtida co método Borehole. “Trátase dunha resina que ten o dobre de trementina que a convencional e que ademais logra unha trementina con maior porcentaxe de alfapinenos, dos que se obtén a verbenona”, detalla Martínez.

Se se comprobase un interese da industria farmacéutica, que polo de agora non se plasmou, o método Borehole para a extracción da resina podería extenderse en Galicia como complementario do tradicional, sobre o que Lourizán tamén está investigando.

Resinado en Maceda, Ourense.

Resinado en Maceda, Ourense.

Resultados dos ensaios en Caldas e Maceda co resinado por picas da casca

Os ensaios de resinado por pica da casca que está desenvolvendo Lourizán nun piñeiral de Caldas de Reis (Pontevedra) e noutro en Maceda (Ourense) permiten xa perfilar cal é o sistema de extracción que mellores rendementos ofrece en Galicia.

O centro de investigación desenvolveu en cada piñeiral ensaios en bloques aleatorios, comparando o resinado de cara estreita (12 centímetros), o habitual na península, cun resinado de cara ancha (16 centímetros) e con resinados a dobre cara estreita e a dobre cara ancha.

“O método de resinación máis axeitado para Galicia sería o de dobre cara ancha nos 2-3 anos anteriores á corta”

O mellor resultado obtense co resinado en dobre cara ancha, que en Caldas, no segundo ano do ensaio, logrou unha media de 5,09 quilos por árbore. En Maceda, a media foi lixeiramente inferior (4,80 quilos), se ben era un resultado agardado por tratarse do primeiro ano de resinado do piñeiral. Desde Lourizán agardan que no 2018, no que continuarán os ensaios tanto en Caldas como en Maceda, melloren as cifras do piñeiral ourensán.

“Os ensaios apuntan a que o método de resinación máis axeitado para Galicia sería o resinado nos 2-3 anos anteriores á corta da árbore cun sistema de dobre cara ancha”, valora o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Este é o terceiro e último ano que Lourizán resinará no piñeiral que está manexando en Caldas de Reis en colaboración co resineiro Edgar Fernández. Unha vez que remate o resinado, eses pés cortaranse e analizaranse as características da madeira co obxectivo de valorar se o resinado tivo algún impacto sobre a mesma.

Ácido salicílico
Os traballos realizados no 2017 serviron tamén para comprobar o interese dun novo estimulante do resinado, elaborado con ácido salicílico. “Está valorándose tamén con éxito noutras partes de España. En Galicia, comprobamos que a cantidade resinada é maior con este estimulante e ademais produce unha menor queimazón no piñeiro que o estimulante tradicional, que contén ácido sulfúrico”, sinalan desde Lourizán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información