Lourizán mellora a cerdeira galega para promover o seu uso forestal

O centro de investigación ten rexistrados dous clons que ofrecen significativos avances de crecemento en diámetro e altura. Ultima o proceso para poñer a disposición do sector material controlado, de resultados contrastados

Publicidade
Lourizán mellora a cerdeira galega para promover o seu uso forestal

Plantación de cerdeiras en Lourizán.

A cerdeira brava (Prunus avium) é unha especie que adoita atoparse en Galicia de xeito natural en masas caducifolias como carballeiras e bosques de ribeira. A súa presenza, sen embargo, limítase a pés illados ou pequenas mouteiras, pois o seu uso forestal é escaso, malia que ten unha madeira moi apreciada. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán está a seleccionar a cerdeira de orixe galega para fomentar a súa plantación.

No rural galego, a cerdeira asóciase á obtención de cereixas, en tanto o cultivo para madeira non foi potenciado nin valorado. Esta tendencia pode ser cambiada, xa que en países do norte de Europa é considerada unha especie produtora de madeira valiosa e estanse a promover plantacións de material seleccionado, segundo destacan as investigadoras de Lourizán María Eugenia Miranda e Josefa Fernández no manual ‘A cerdeira de orixe galega para uso forestal’, do que son autoras.

No Norte de Europa, a cerdeira é unha especie produtora de madeira valiosa, pero en Galicia non foi valorada nin potenciada

Ese é o camiño no que está a traballar desde hai máis dunha década o centro de investigación forestal. Lourizán iniciou no 1996 a selección de árbores superiores para a produción de madeira, sendo a cerdeira na actualidade unha das especies prioritarias no marco do Plan de innovación e mellora forestal de Galicia 2010-2020.

Selección de pés
Os primeiros pasos consistiron na selección de árbores superiores nas montañas orientais de Galicia, onde a especie é máis abundante pola menor presión humana sobre os bosques. A busca de exemplares de interese continúa agora na Galicia atlántica e nas serras da dorsal galega, no centro da comunidade.

A elección das árbores efectúase en función de criterios como o vigor e a conformación do tronco. Dos pés escollidos, recóllense pugas e sementes para proceder a súa multiplicación no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Ensaios
Todas as plantas son sometidas a diversos estudos co obxectivo de caracterizar aspectos como o crecemento, a forma e a resistencia a enfermidades ou a circunstancias meteorolóxicas extremas, caso de secas ou asolagamentos. Tamén se analizan as datas de xermolación e floración. Estes caracteres permiten definir que árbores son as máis axeitadas.

Cos mellores árbores, conformouse unha poboación de elite que serve de proxenitora para polinizacións controladas desde o ano 2010. O obxectivo é obter novos exemplares nos que se agrupen os caracteres de interese. As árbores seleccionadas e os seus descendentes conforman unha rede experimental conformada por parcelas clonais de experimentación, hortos sementeiros e bancos clonais. A intención última é a de poñer a disposición dos viveiros galegos o material máis idóneo, de cara a fomentar plantacións forestais de cerdeiras autóctonas.

Recomendacións para plantacións produtoras de madeira

Para o establecemento de plantacións de cerdeira, as investigadoras María Eugenia Miranda e Josefa Fernández recomendan ter en conta as seguintes cuestións:

– Partir de plantas de boa calidade xenética e morfolóxica que teñan de un a dous anos de crecemento en viveiro, intre no que superan o metro ou metro e medio de altura.

A poda debe evitar a formación de bifurcacións.

A poda debe evitar a formación de bifurcacións.

– Escoller terreos con boa profundidade e boa dispoñibilidade de auga, sen estar asolagados e sen secas nos periodos vexetativos, para que as árbores acaden bos crecementos. Cando non sexa posible, nos primeiros anos haberá que facer achegas adicionais de auga mediante rega. Antigos prados adoitan ser bos terreos para as cerdeiras.

– A plantación debe estar protexida do vento, polo que se deben evitar cumios e zonas moi expostas ós ventos dominantes.

– Hai que protexer tamén ás cerdeiras de depredadores herbívoros, que gostan dos seus brotes tenros.

– Os marcos de plantación que se están a empregar na rede de ensaio do Centro de Investigación Forestal de Lourizán son desde 3×3 ata 4×4 metros. Pódense empregar marcos máis amplos ca estes, pero canto máis espazado sexa o marco de plantación máis necesario será realizar traballos de poda.

– En calquera caso, hai que facer podas os primeiros anos, especialmente naqueles casos nos que as árbores teñan ramificacións en ‘pisos’, con pólas repartidas circularmente arredor do fuste, ou cando hai algunha póla grosa que compite coa principal e compromete a rectitude do fuste. A poda pódese executar ó final da primavera, coidando de facer un bo selado da zona para que cicatrice ben e evitar a entrada de axentes patóxenos.

Follas con distinto grao de afectación do fungo 'Blumeriella jaapii'.

Follas con distinto grao de afectación do fungo ‘Blumeriella jaapii’.

– Á hora de facer a poda, comezarase podando o ‘piso’ do ano, para que a guía non teña competencia. Podarase a metade ou a terceira parte das pólas. Seguirase coa poda de pólas de máis anos, evitando a poda de diámetros maiores de 2,5-3 centímetros. O silvicultor ten que orientar a xestión á produción dun fuste libre de nós de entre 3 e 6 metros, recto e cun mínimo de 45 centímetros de diámetro, o que é posible a partir dos 30 anos.

– Os danos na guía principal, ben por ataques de pulgóns, vermes ou outros axentes, poden comprometer o desenvolvemento da árbore. En casos así, que foron escasos nas plantacións experimentais de Lourizán, pódese guiar unha póla próxima para que tome a dominancia.

– É recomendable evitar os clons sensibles ó fungo ‘Blumeriella jaapii’, ou no caso de usalos, aplicarlles un funxicida ás pólas inferiores durante os primeiros anos, ata que a distancia ó chan evite a colonización do fungo.

Maior altura, diámetro e fustes máis rectos

As plantacións para madeira deben realizarse con clons de calidade forestal demostrada, aprobados como materiais forestais de reprodución e que estean adaptados ó solo e clima das zonas de destino. Un dos primeiros resultados prácticos dos ensaios de Lourizán foi o rexistro dos dous primeiros clons de cerdeira galega no Catálogo Nacional de Materiais Forestais de Reprodución.

Os clons, ‘Prunus avium Lourizán 1’, rexistrado no 2011, e ‘Prunus avium Lourizán 2’, rexistrado no 2012, teñen a categoría de material ‘cualificado’, que é aquel sobre o que hai demostradas melloras fenotípicas como rectitude de fuste ou menores nós. En breve, o centro de investigación agarda que estes materiais logren a maior categoría posible, a de material controlado, que só se concede despois de 10 anos de ensaios comparativos que demostren a superioridade xenética dos clons.

Lourizán tamén está a estudar e caracterizar outros clons de cerdeira, que serán propostos como materiais forestais de reprodución. De todos estes materiais obteranse as sementes, partes das plantas e plantas que se empregan para a multiplicación e que posteriormente poden ser comercializadas.

Clon ‘Prunus avium Lourizán 1’. A súa orixe xeográfica é Becerreá (Lugo), a unha altidude de 650 metros. No intre da súa selección, tiña 25 metros de altura e 24 centímetros de diámetro. O clon multiplicouse por cultivo in vitro e as árbores resultantes están sendo estudadas en 7 plantacións clonais establecidas no 2004, nas que se rexistraron supervivencias superiores ó 94%.

Este clon, segundo os datos que manexa Lourizán, posúe un crecemento en altura un 26% superior ó crecemento medio das cerdeiras das mesmas plantacións, en tanto o seu diámetro medra un 44% máis que a media.

Clon ‘Prunus avium Lourizán 2’. A orixe xeográfica do clon está en Quiroga (Lugo), a unha altitude de 250 metros. Este clon, igual que o anterior, está sendo estudado desde o 2004 en seis plantacións clonais, onde rexistra supervivencias superiores ó 90%. Ós 8 anos, o seu crecemento en altura é un 14% maior que o crecemento medio das árbores da plantación, en tanto o seu diámetro é un 10% maior ó diámetro medio. Está no grupo de árbores de cabeza, aínda que con datos peores que o anterior clon.

Un dato a destacar é que o 87% das árbores presentan fustes rectos e que non teñen bifurcacións.

Máis información
Guía ‘A cerdeira de orixe galega para produción forestal’ (PDF)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información