Lourizán, recoñecido polo Ministerio como centro de referencia para o castiñeiro

O Centro de Investigación Forestal encargarase de analizar as variedades que se queiran incluír no rexistro

Lourizán, recoñecido polo Ministerio como centro de referencia para o castiñeiro

Plantación nova de castiñeiros.

O sector do castiñeiro está en pleno proceso de regularización das variedades que se comercializan, que han de estar inscritas no rexistro de variedades comerciais. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, pioneiro no proceso, pois encargouse da identificación científica de máis dunha vintena de variedades galegas inscritas no rexistro, vén de ser designado como centro de referencia para o castiñeiro a nivel de toda España.

A elección de Lourizán como centro de referencia implica que a instalación pontevedresa encargarase da análise de todas as variedades de castiñeiro que se queiran rexistrar en España.

A xefa do departamento de mellora xenética e silvícola de Lourizán, Fina Fernández, explica o proceso: “Calquera particular, viveiro, centro de investigación ou comunidade autónoma pode solicitar a inscripción dunha variedade. Nós recibimos unha copia da variedade e cultivámola na nosa colección de referencia para comparala coas variedades existentes. O obxectivo é determinar se é unha variedade nova ou non, e de selo, describir as súas características fenotípicas e agronómicas”, detalla.

A metodoloxía oficial inclúe 39 descriptores de cada variedade, con cuestións como a forma e cor da castaña, calibres, data de brotación, etc. Lourizán procede tamén ó xenotipado da variedade para comprobar, por medio de marcadores moleculares, se a variedade coincide con outra xa existente ou se se trata dunha variedade nova.

Correcta identificación do material
O obxectivo da Administración é que todas as variedades de castiñeiro que se comercialicen estean rexistradas, tanto no caso de variedades enxertadas como de portaenxertos ou de plantas produtoras directas. Ese rexistro permite unha identificación fidedigna da variedade comercializada, o que representa unha garantía para o comprador.

A elección de Lourizán como centro de referencia da castaña foille comunicada esta semana ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nunha reunión que mantivo en Madrid coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. Para esta designación, o Ministerio tivo en conta a experiencia do centro pontevedrés no proceso de rexistro de variedades galegas e castiñeiros híbridos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información