Lourizán identifica cruces de castiñeiro con resistencias á praga da avespiña

O Centro de Investigación Forestal acadou unhas primeiras conclusións preliminares, que serán máis amplas e consistentes no 2018. Os resultados do proxecto servirán para orientar as novas plantacións de soutos

Lourizán identifica cruces de castiñeiro con resistencias á praga da avespiña

Invernadoiro - insectario de Lourizán no que se fan os ensaios sobre a tolerancia dos castiñeiros á praga da avespiña.

A praga da avespiña do castiñeiro, que se detectou por primeira vez en Galicia no 2014, está xa practicamente extendida a toda a comunidade. Para combatir o problema, a loita biolóxica por medio da solta dun insecto parasitoide, o ‘Torymus sinensis’, preséntase como a única solución a curto prazo, pero no medio prazo, existen perspectivas doutras vías para reducir o impacto da avespa do castiñeiro. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballa na identificación de clons, variedades e cruces controlados que presenten resistencias ou tolerancias á praga.

O proxecto de Lourizán segue o camiño que percorreron nalgunhas das áreas de orixe da avespiña, como Xapón, onde xa nos anos 50 e 70 se traballou na identificación de resistencias á praga no castiñeiro asiático (‘Castanea crenata’).

Os cruces da variedade ‘Garrida’ con híbridos euroasiáticos presentan un menor impacto da praga

O equipo de investigación que traballa coa avespiña en Lourizán, coordinado por Josefa Fernández, iniciou os seus traballos no 2015, ao pouco de detectarse a praga en Galicia. O proxecto desenvólvese nun invernadoiro – insectario, pechado hermeticamente para evitar escapes accidentais da praga, no que se expoñen clons, cruces e variedades tradicionais de castiñeiros á infestación libre pola avespa.

As árbores sobre as que a avespa fai as postas forman bugallas na primavera seguinte, o que permite determinar os pés que presentan menos impacto da praga. Tras a formación das bugallas, os investigadores fan un conteo do número e tipo de bugallas que hai en cada planta.

Os primeiros ensaios, iniciados no 2015, centráronse en clons híbridos orientados á produción forestal, así como en cruces controlados entre variedades serodias (‘Garrida’, ‘De Parede’ e ‘Presa’) con híbridos eurasiáticos. Tamén se valoraron dúas árbores das especies asiáticas Castanea crenata e Castanea mollissima. No 2016 extendéronse os ensaios a 10 variedades de castiñeiro de froito e no 2017 o proxecto abarcou un total de 26 variedades de castiñeiro de froito, entre as cales se atopan as variedades máis demandadas, así coma un maior número de clons orientados á produción forestal.

Resultados
As conclusións preliminares do proxecto, expostas nunhas recentes xornadas organizadas por Lourizán en Santiago, apuntan a que os cruces da variedade ‘Garrida’ son os que presentan menos impacto da avespa, en especial os cruces de ‘Garrida’ co castiñeiro asiático (‘Castanea crenata’). Tamén os cruces de ‘Castanea crenata’ coas variedades empregadas teñen sempre unha menor infestación da praga

En canto ós clons híbridos, destacou o 3205, con menos dunha agalla de media por planta. Unha hipótese para explicar a desigual preferencia da avespa por uns castiñeiros sobre outros radica nas sustancias volátiles que emite cada árbore.

Estes resultados, que expuxo na xornada de Santiago a investigadora Beatriz Míguez, serán máis amplos e consistentes no 2018, cando xa se poidan sinalar conclusións sobre o impacto da praga nas diferentes variedades tradicionais de froito en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información