Lourizán confirma a potencialidade do resinado de piñeiros en Galicia

O Centro de Investigación Forestal desenvolve ensaios en comunidades de montes de Caldas de Reis (Pontevedra) e de Maceda (Ourense). Traballa co sistema clásico, de pica de casca, e co Borehole, que consiste en facer un burato no tronco ó que se lle conecta unha bolsa

Lourizán confirma a potencialidade do resinado de piñeiros en Galicia

Preparación de piñeiros para o resinado en Maceda (Ourense). / Imaxes: Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Os piñeirais galegos poden atopar na resina un aproveitamento complementario á madeira. Hai xa comunidades de montes que están facendo probas para a súa extracción, non só polo valor económico que poden obter da materia prima, senón pola xestión do monte que o resinado leva consigo. Se hai persoas traballando no monte no verán, razonan, é máis complicado que se prendan incendios forestais.

As experiencias de resinado de piñeirais que están a agromar recuperan unha actividade que xa tivo certa importancia na comunidade ata a década dos 70. Incluso se chegara a montar unha fábrica de destilación de resina no Porriño que funcionou durante uns anos. Tamén naquela época se realizaran investigacións sobre a potencialidade da resina en Galicia, un precedente dos traballos que desenvolve na actualidade o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán.

No Porriño chegara a montarse nos anos 60 unha industria de destilación de resina

O Centro comezou a avaliar o pasado ano as formas de extracción máis axeitadas para a comunidade. Os ensaios iniciáronse no 2016 nun piñeiral da comunidade de montes de San Clemente, en Caldas de Reis (Pontevedra), e este ano esténdense tamén a Maceda (Ourense), coa colaboración da comunidade de montes de Foncuberta – Medo.

O director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, considera que xa se poden extraer unhas primeiras conclusións positivas do ano de ensaios en Caldas. “En Caldas confirmamos que se poden lograr os volumes de produción de resina por piñeiro dos que se falaba nas experiencias que xa houbera en Galicia nos anos 60 e 70”, destaca.

Estandarizar un método de aproveitamento
Comprobada a viabilidade do aproveitamento, Lourizán enfócase en valorar os métodos de extracción máis axeitados para Galicia. “Temos unhas condicións distintas ó resto da península, polo que o modelo de aproveitamento debe ser diferente. A nosa proposta oriéntase a facer unha resinación a final da quenda de corta, 2-3 anos antes, en lugar das resinacións máis prolongadas que se fan en Castilla”, indica Enrique Martínez.

“A nosa proposta oriéntase a facer un aproveitamento a final da quenda de corta, 2-3 anos antes” (Enrique Martínez)

Outro aspecto diferencial radicará na adaptación a Galicia do método tradicional de pica de casca. En tanto no resto de España se traballa cun sistema de pica de casca de cara estreita (12 centímetros de ancho), Lourizán xa constatou o pasado ano que se logran mellores resultados cunha pica de cara ancha (16 centímetros). Se ademais a pica se aplica de xeito simultáneo por dúas caras da árbore, en lugar de por unha, a extracción de resina do piñeiro medrará por riba do 30%.

Son algunhas das conclusións provisionais que xa sacou o CIF Lourizán no primeiro ano de ensaios en Caldas. O Centro ten tamén grandes esperanzas depositadas nas probas que iniciou esta campaña na provincia de Ourense, un área con expectativas de produción superiores ás do arco atlántico.

Factores de produción

“A provincia de Ourense é unha zona climática distinta, máis mediterránea, con máis calor no verán e menos chuvias” -destaca Enrique Martínez-. “Tamén ten mais masas puras de piñeiro e densidades a fin de quenda menores. Esa menor densidade repercute nunha maior insolación das árbores e nun maior tamaño das copas. A maior tamaño de copas, maior fotosíntese e previsiblemente máis produción de resina”, sinala.

Preparación dun piñeiro para resinar co método tradicional de pica da casca.

Preparación dun piñeiro para resinar co método tradicional de pica da casca.

O Centro de Investigación Forestal busca identificar todos os factores que podan incidir na produción resineira dos piñeiros e evalúa cuestións como diámetro, altura, espaciamento entre árbores ou intre de execución das picas.

A primeira campaña de ensaios en Caldas permitiu constatar a gran variabilidade que existe na produción entre árbores, polo que afinar os criterios e métodos de resinado demóstrase unha cuestión importante.

En Caldas, cun período de resinación máis curto do habitual e con só 10 picas -polas 12 que se executan normalmente-, obtivéronse 2,4 quilos de resina de media en cara ancha, que aumentaban ata os 3,5 quilos en caso de resinar dúas caras da mesma árbore. Aínda que esta foi a media, o CIF, esta tratando os datos estatísticamente, xa que a variabilidade foi nalgúns ensaios importante. Houbo producións menores e tamén un caso puntual que chegou ós 7 quilos. Este ano, xa coas árbores inducidas a producir resina, agárdanse producións medias máis altas.

As experiencias que se están a desenvolver en Caldas realízanse coa colaboración do resineiro Edgar Fernández, que está a apostar nos últimos anos por facer do resinado a súa profesión. En Galicia hai na actualidade arredor dunha ducia de persoas traballando como resineiros e a perspectiva é que poidan ser máis en vindeiras campañas.

Impacto sobre o crecemento da árbore
Outra das cuestións que está a analizar Lourizán é o impacto que poida ter a resinación sobre o crecemento da árbore. Se ben, ao facerse en Galicia unha resinación a final de quenda, esa afección sería en todo caso escasa, o centro de investigación trata de cuantificala. A bibliografía apunta a unha diminución do crecemento anual menor do 20%, pero ese dato vaise contrastar cos ensaios de campo. Tamén se cortarán nos próximos anos pés resinados para valorar a calidade da súa madeira e comprobar se hai diferenzas cos pés testigos, sen resinar.

O método Borehole, unha vía para obter unha resina de maior pureza

Piñeiro aproveitado co método Borehole.

Piñeiro aproveitado co método Borehole.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán está a avaliar unha posibilidade alternativa ó método de resinado por pica da casca, o habitual na península. Consistiría en practicar un burato no tronco ó que se lle conecta unha bolsa para almacenar a resina. Ese método, denominado Borehole, permitiría obter unha resina de maior pureza, e que pode ser ben valorada no mercado.

O método Borehole reduce o traballo do resineiro, que no sistema clásico practica picas de corteza no tronco da árbore cada dúas semanas, ata un total de 12 picas horizontais, e ten que ir recollendo a resina almacenada nos botes que coloca debaixo das picas. Co sistema Borehole, o traballo redúcese á colocación e retirado das bolsas.

O problema é que a produción, aínda que de gran pureza e cunha composición na que se manteñen os compostos volátiles, é menor. O método Borehole comezouse a usar en América no piñeiro ellioti (‘Pinus ellioti’), unha especie cunha resina máis oleosa que a do Pinus pinaster, o máis habitual en Galicia. A traslación do método a Europa, por tanto, leva consigo complicacións.

Experiencias en Francia e Galicia
Os primeiros experimentos en Europa realizáronse nas Landas francesas a finais dos anos 90, cunha produción que se situou en 30 gramos de resina por bolsa. En Galicia, Lourizán acadou o pasado ano os 120 gramos en ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país) e pensa que é unha cifra que se pode incrementar no futuro, perfecionando o método.

A Universidade de Tras os Montes (Portugal) interesouse polas experiencias de Lourizán con este método e vén de iniciarse unha colaboración entre ambos organismos. O traballo co método Borehole tamén se está a abordar no grupo operativo Resimeg, no que participan entes profesionais de toda España e o propio Centro de Investigación Forestal de Lourizán. O obxectivo do grupo consiste en estudar a mecanización, a silvicultura e a xenética do piñeiro para lograr un resinado produtivo e sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información