Medio Rural vén de asinar un convenio para bonificar a roza de 4.000 hectáreas anuais a un custo de 350 euros por hectárea para os propietarios. A Consellería busca así facilitar a tarefa de prevención de lumes nas franxas de protección dos núcleos habitados, sobre todo nos concellos con máis lumes. A cuestión é que en Galicia as franxas de protección ás que obriga a lexislación abarcan arredor de 150.000 hectáreas, un “imposible”, segundo se opina no sector forestal.
A Xunta comprometeu coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a roza de 4.000 hectáreas anuais durante ós próximos catro anos, uns traballos dos que se encargará a empresa pública Seaga. Os Concellos que queiran ofrecerlle ós seus veciños a roza bonificada terán que solicitarllo a Medio Rural, que priorizará aqueles municipios nos que se rexistren máis lumes.
Tarifa
Nos Concellos que se beneficien da iniciativa, os veciños poderán subscribir un contrato de xestión con Seaga, de xeito que manterían as súas fincas rozadas por 350 euros por hectárea, en tanto que as Administracións asumirían o resto de custos.
O prezo é vantaxoso, xa que as tarifas de mercado son sensiblemente máis altas. En terreos mecanizables, que se poden rozar cun tractor, o custo da roza oscila entre 380 e 525 euros, segundo as propias tarifas de Seaga; en tanto que en terreos onde hai que executar a roza manualmente o custo dispárase a un mínimo de 1.500 euros por hectárea, pudendo chegar a arredor de 3.000 euros en función das características do terreo, segundo as tarifas da empresa pública.
Dimensión
A bonificación dos traballos de roza constitúe unha posibilidade para afrontar as franxas de protección nunha parte do territorio, pero cubrirase só un 3% das arredor de 150.000 hectáreas que habería que rozar cada ano en torno ós núcleos de poboación, segundo os cálculos do sector forestal, que lembra tamén que a esa superficie habería que engadir as franxas laterais de estradas e pistas.
“É técnica e humanamente imposible afrontar ese traballo” -valoran desde o sector das empresas de servizos forestais-. “É unha lexislación feita desde o despacho que non se pode levar á práctica. E mentres se lle encomenda a unha empresa pública traballar en montes privados, estamos un verán máis coa prevención de lumes sen facer nos montes veciñais con convenio, nos que a Xunta só licitou un 10% dos traballos que tiña previsto facer. Estamos ante un facer que se fai, pero todo segue igual”, conclúen.
O Sindicato Labrego critica a corta programada do piñeiral da praia do Lago, en Muxía
A aplicación da normativa de manter rozadas e libres de piñeiros e eucaliptos as franxas de protección está a derivar nun “caos”, segundo o Sindicato Labrego. A organización agraria fala dun “incumprimento xeralizado” da normativa e advirte tamén de casos nos que a corta das árbores é contraproducente. En concreto, chama a atención sobre o piñeiral da praia do Lago, en Muxía, que ten xa a súa corta programada.
“É un piñeiral que está incluído no Espazo de Interese Paisaxístico Punta e Monte do Lago e non entendemos que se pretenda destruír”, cuestiona o Sindicato Labrego, que lembra que o piñeiral ten un alto uso tanto por parte dos veciños como dos turistas, pois hai dous cámpings a media ladeira preto da praia.
Máis información
– Catro claves sobre as obrigas de prevención de lumes.