A Central Agropecuaria de Galicia alcanzou, por sexta semana consecutiva o seu prezo medio máis alto na categoría de vacún maior, con 2.201 euros. Por outra banda, chegou á súa maior facturación nunha sesión, tanto conxunta como de cada categoría de xeito illada.
As transaccións totais na poxa de hoxe foron de 1.637.592 euros (a anterior marca estaba en 1.486.136 euros, facturados o pasado 18 de febreiro). Esta cantidade é a suma doutro tres marcas: tenreiros de recría con 516.278 euros; vacún maior con 746.038 euros e en tenreiros carniceiros con 375.276 euros.
Lembrar que a aplicación de topes na entrada de animais na categoría de becerros de recría que se adoptou hoxe, sesión na que se chegou ao máximo de animais establecido, mantense para a próxima sesión, a do 18 de marzo. O motivo é que a Central, por cuestións de benestar animal, debe establecer unha cifra máxima de animais por sesión. Unha cifra que en tenreiros de recría podería superarse tamén o vindeiro martes.
Explotacións, cooperativas e transportistas teñen que contactar coa Central Agropecuaria antes de levar animais á sesión do 18 para a asignación do correspondente tope. O feito que a semana pasada a sesión coincidira co martes de Entroido levou a unha baixada na entrada de animais de recría, o que está disparando agora a asistencia.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 248 euros, 11 euros máis que na da semana pasada; os de 21 a 50 días subiron o seu valor 9 euros, até os 324 euros; finalmente, os de máis de 50 días pagáronse de media a 410 euros (+6 euros).
En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 561 euros (-24 euros), e as femias vendéronse a 378 euros de media, cun descenso de 54 euros. Os de 21 a 50 días chegaron aos 639 (-34) e as femias a 458 euros (-10). Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 944 euros (+17 euros) e as femias de 683 euros (+51).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron o seu valor medio 147 euros e chegaron aos 1.470 euros con respecto á poxa pasada, mentres que as femias subiron 38 euros e chegaron aos 1.247 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.571 euros de media os machos (-17 euros) e a 1.356 euros as femias (+58). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema presentan unha caída do seu valor medio de 13 euros e quedan nos 1.474 euros por animal.
No vacún maior os prezos medios rexistraron subidas nas categorías extra (+23) e primeira (+13) e chegaron a uns valores de media de 2.368 e os 1.217 euros, respectivamente. Pola contra, a categoría segunda baixou o seu prezo medio en 25 euros e chegaron aos 772 euros. Os prezos dos animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia presentan unha caída de 459 euros e quedan cun prezo medio de saída de 1.474 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan unha suba de 0,03 nas seguintes categorías: o selecto, que alcanza os 1,685 euros/kg e o normal, quedándose nos 1,66. O de canle II sobe 0,039 e chega aos 2,156, mentres que na categoría de desvieje sobe 0,01 e queda nos 0,67/0,73.
Nos leitóns hai suba de 3 euros e os exemplares chegados dunha única granxa chegan aos 88 euros (cun prezo de 4,4 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 83 euros e cun prezo por quilo de 4,15 euros.
No mercado do ovo, os prezos soben 0,05 os da XL, que chegan a 3,18 euros; os da M, alcanzando os 2,44 e os da S a 2,14. A clase L subiu 0,06 e pagouse a 2,65.
O prezo do coello tamén presenta unha subida de 0,1 e chega aos 2,50 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).