O conflicto entre a Lonxa de Silleda e o grupo de compradores críticos coa dixitalización da poxa mantense. O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, trasladou onte a súa disposición a reunirse co representante do grupo de compradores que manifestaron o seu rexeitamento ao novo sistema dixital de poxas, pero estes declinaron a proposta, logo de ter fracasadas as conversas anteriores. Os compradores críticos piden outra interlocución que non sexa a da Fundación.
Así as cousas, a dirección da Central mantén firme o seu compromiso cun modelo que consideran “moderno, equitativo e sen espazos para prácticas que poidan danar os intereses dos gandeiros, dos transportistas e do propio sector”.
“Desde a Fundación Semana Verde de Galicia reiteramos que a dixitalización das poxas é unha medida irreversible, avalada por anos de traballo, polos organismos responsables e por unha crecente parte do sector que valora os beneficios dun sistema máis xusto para todos”, conclúen.
O Sindicato Labrego pide a mediación da Consellería
Ante esta situación, no Sindicato Labrego solicitan con urxencia a intervención da Consellería do Medio Rural para poñer fin a esta problemática. “Solicitamos que a Consellería trate de maneira urxente este tema e poña unha solución e se chegue a un acordo entre tratantes e dirección e, no caso contrario, que o diga antes para que a xente o saiba con claridade”, denuncia a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane.
Por mor desta situación, o último día da poxa, o pasado martes 6 de maio, preto de 300 animais tiveron que volver para as súas casas. “Isto non é o habitual”, sentencia Vilalba, “o habitual é que os animais, logo da feira, vaian ao seu segundo destino, o feito de que veñan de volta para as casas supón que teñan que facer corentena, xa que así indican as persoas veterinarias, porque estivo en contacto con outros animais e deben estar illados, ademais de que as gandeiras e os gandeiros van ter que seguir alimentándoos. Entón a parte dos custes de trasporte ao mercado, hai sumarlle estas dúas cuestións”, engade.
Os compradores críticos da Lonxa de Silleda piden outro interlocutor para desbloquear o conflicto