“Logramos reducir a burocratización da PAC”

Unións Agrarias – Upa fai balance do ano 2024, marcado polo acordo acadado co Ministerio de Agricultura para flexibilizar as normativas no agro. Como grandes desafíos, a organización sinala o relevo xeneracional e a necesidade de intensificar o control para que haxa no agro prezos xustos

“Logramos reducir a burocratización da PAC”

Chega fin de ano e con el as organizacións agrarias están a facer balance do 2024, cos logros, problemas e retos pendentes. Unións Agrarias – Upa fixo unha rolda de prensa para analizar o escenario, con presencia da vicesecretaria xeral de Upa a nivel estatal, a galega Montse Cortiñas, e de Félix Porto, por Unións Agrarias.

“Este ano estivo marcado polas mobilizacións protagonizadas polo agro nos primeiros meses do ano, tralo que conseguimos un acordo de 43 puntos co Ministerio de Agricultura para reducir a burocratización da Política Agraria Común” -destacou Montse Cortiñas-. “Fixémoslle ver ás Administracións que os gandeiros estaban máis ocupados en cumprir con requisitos e esixencias que en producir alimentos sans e de calidade, que é o seu traballo””.

Como pasos que xa se deron no marco do acordo de 43 puntos, “tamén suscrito por outra organización agraria” (Unión de Uniones), Cortiñas incidiu na eliminación da obrigatoriedade de distintas esixencias, como o caderno dixital, o veterinario de explotación, “que representaba un gran problema para as granxas”, valorou, ou a supresión das fotos xeorreferenciadas das parcelas. Tamén melloras nos ecorreximes e en cuestións de financiación, sobre todo dos agricultores novos.

O relevo xeneracional é precisamente un dos grandes desafíos que marca a organización agraria para os próximos anos. “Menos dun 15% das explotacións lácteas galegas teñen un titular menor de 44 anos”, advertiu Félix Porto. O problema exténdese á man de obra que contratan as granxas, que é escasa.

Unha segunda cuestión central para Unións é o control da cadea alimentaria, de xeito que se paguen prezos xustos en todas as producións agrarias. “En leite, por exemplo, se os gandeiros galegos cobrasen como os das comunidades autónomas próximas, o agro galego tería percibido 127 millóns de euros máis este ano”, valorou Porto.

En canto á análise de problemas do ano, os fenómenos meteorolóxicos extremos, ligados ó cambio climático, é unha das cuestións que máis preocupa á organización, que pide unha reforma dos seguros agrarios para mellorar a cobertura ante tales fenómenos. Enfermidades como a EHE, en gandería, ou a flavescencia dourada, en viñedo, tiveron tamén impacto no 2024 e preocupan igualmente de cara ó 2025.

Rolda de prensa de Unións Agrarias, este venres.

Rolda de prensa de Unións Agrarias, este venres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información