“Logramos clons de carballo galego máis produtivos e resistentes á Altica”

Entrevista a Concepción Sánchez Fernández, nova directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG). Explica os proxectos de investigación nos que están a traballar e as medidas para previr os incendios forestais.

“Logramos clons de carballo galego máis produtivos e resistentes á Altica”

Concepción Sánchez Fernández, nova directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG)

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nomeou recentemente á lalinense Concepción Sánchez Fernández directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG).

Concepción Sánchez é científica titular do CSIC, e xefa dun dos seis grupos de investigación do IIAG, biotecnoloxía de especies leñosas, exercendo desde o 2008 como vicedirectora do centro.

Entre os resultados das súas investigacións figura a posta a punto de métodos de rexuvenecemento para a clonación de árbores adultas seleccionadas, ou a optimización de protocolos de enraizamiento e caracterización molecular do material micropropagado.

¿Que retos e que obxectivos se marca como nova directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia?
En primeiro lugar, un obxectivo claro é lograr manter o bo funcionamento do centro, e para iso resulta clave poder garantir o mantemento do persoal investigador, sendo necesario incorporar persoal novo para paliar xubilacións, que é quizais onde temos maiores carencias.

Neste sentido, é importante lograr ingresos para manter o cadro e persoal contratado, para o que seguirei fomentando a relación do instituto co tecido empresarial, así como a nosa participación en proxectos de investigación tanto nacionais como de carácter internacional.

En todo caso, lembrar que a capacidade de xestión individual é mínima e que todo depende do equipo humano do instituto, tanto persoal técnico como investigador, que sen dúbida son o maior activo deste centro.

E en segundo lugar, márcome como obxectivo poder aumentar na medida do posible as infraestruturas do centro para poder afrontar os novos retos, manter e reforzar as liñas de investigación existentes e implementar novas liñas.

Precisamente, ¿Cales son as principais liñas de traballo do instituto neste momento?
No Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia temos dous departamentos: o de Bioquímica do Solo e o de Fisioloxía Vexetal. No primeiro contamos con catro grupos de investigación, cuxo traballo se centra no estudo do manexo sustentable do solo, da súa conservación e da súa recuperación. Así, estudamos como afectan os procesos de contaminación orgánica e inorgánica, os lumes forestais ou o cambio climático á bioquímica do solo.

En canto ao departamento de Fisioloxía Vexetal, contamos con dous grupos de investigación, que traballan na aplicación e desenvolvemento de técnicas biotecnolóxicas para conservar e producir in vitro “árbores plus” seleccionadas. Tamén aplicamos técnicas de crioconservación e de transformación xenética e estudos xenómicos para a identificación e caracterización xénica.

“Os solos de carballeiras e os de prados tradicionais son os que están en mellor equilibrio”

¿Cal é o estado de conservación dos solos galegos? ¿Gozan de boa saúde?
Os investigadores do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia utilizan indicadores de calidade e propiedades do solo. E sen dúbida os incendios forestais e a contaminación de orixe industrial e agrícola son os factores que afectan máis negativamente á calidade dos solos galegos. En xeral os solos das carballeiras son os de mellor calidade, porque son os que están nunha situación de equilibrio, así como os de prados tradicionais.

¿E que tipo de actuacións realiza o instituto para conservar os bosques de Galicia?
Utilizamos técnicas de cultivo in vitro para clonar árbores seleccionadas con vistas a conservar a biodiversidade e o xermoplasma, de forma que nun momento dado se podan utilizar.

Doutra banda, tentamos producir árbores resistentes ás enfermidades e con mellor calidade tanto de froito como de madeira. Para iso utilizamos técnicas de transformación xenética con vistas, por exemplo, a lograr castiñeiros resistentes á tinta.

Por último, tamén abordamos aspectos de bioloxía molecular, realizando estudos xenómicos para caracterizar os xenes de árbores e determinar a súa función.

¿Que especies de árbores están en perigo de extinción na Comunidade?
En Galicia temos árbores na lista vermella de especies ameazadas, por exemplo o Quercus Lusitanica, un carballo anano que en Galicia localízase no Monte Pindo e que cos incendios de hai uns anos correu o risco de desaparecer. Neste sentido, neste instituto trabállase na súa conservación mediante técnicas de cultivo in vitro.

Outra especie en perigo de extinción, non só en Galicia, senón en España, é o álamo atacado pola grafiose. E tamén contamos con outras especies vulnerables como o Prunus Lusitanica.

¿Como está a afectar o cambio climático á saúde dos chans e dos bosques galegos?
A previsión do cambio climático en Galicia é dun maior aumento de temperaturas e un déficit de auga. Nestas condicións o humus e a capa superficial do solo serán máis secos, polo que a propagación de lume será máis rápida.

“Co cambio climático cada vez as especies caducifolias agroman antes e perden máis tarde as follas”

Por outra banda, a actividade biolóxica do solo depende moito da temperatura, afectando as súas propiedades físico-químicas. Espérase que o quecemento global incremente a actividade microbiana en proporción maior á esperada con anterioridade, o cal podería ter implicacións para as taxas futuras de cambio climático.

Con respecto aos bosques, vimos que nos últimos anos producíronse adiantos no período de floración e atraso na caída das follas de especies caducifolias. Cabe esperar que aquelas árbores menos resistentes á calor poderían desaparecer.

¿En que vías de mellora están a traballar no carballo galego para que sexa unha especie máis atractiva comercialmente?
Interesa producir árbores con calidades superiores tanto en calidade de madeira, como resistencia a enfermidades, con períodos de rotación máis curtos e bo porte, ou resistencia a seca para facer fronte ao cambio climático, entre outras características.

Neste sentido, ademais dos programas de mellora xenética realizados noutros centros para a obtención e selección de xenotipos coas mellores características, tamén se aplican ferramentas biotecnolóxicas que permiten, ben propagar clonalmente individuos plus ou ben conferirlle esas características mediante transformación xenética.

¿En que novos proxectos están a traballar no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas?
Estamos a participar en proxectos nacionais e europeos para a recuperación e xestión dos solos con plantas capaces de absorber metais pesados e outros contaminantes, así como a recuperación de metais enriquecidos en elementos valiosos mediante plantas e microorganismos. Outros proxectos están enfocados á recuperación e protección de solos para evitar a erosión dos mesmos despois dos incendios.

Tamén, e en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, está a traballarse nun proxecto para propagar amieiros resistentes á Phytoptora alni, un fungo que está dezmando os ameneiros das ribeiras dos nosos ríos.

“Hai que evitar o monocultivo forestal a gran escala e ter prados cortando as masas de árbores”

Doutra banda, está a levarse a cabo un proxecto de aplicación de ferramentas biotecnolóxicas para a produción de sobreiras e aciñeiras, esta última unha especie moi difícil de propagar.

Por último, tamén clonamos varios carballos galegos centenarios resistentes á Altica, un insecto que provoca a defoliación e a mortaldade destas árbores.

¿A vaga de lumes forestais en Galicia debería facer reformular a nosa política forestal¿ ¿Que recomendaría como investigadora en fisioloxía vexetal para que estas catástrofes non se repitan?
Evidentemente si. É necesario ter unhas masas forestais máis diversas das que hai, evitar o monocultivo en gran escala, especialmente no caso de eucaliptos. En definitiva, unha paisaxe máis en mosaico, mantendo zonas de pastos e cortando as masas continuas de arborado.

Para evitar a propagación dos incendios a zonas habitadas, cómpre implementar especies frondosas nas zonas próximas a núcleos de poboación e estradas. Nos arborados de frondosas maduras os incendios non se espallan con tanta facilidade como noutras especies.

En definitiva, necesitamos unha mellor xestión da masa forestal evitando tamén a propagación de pragas e a presenza de árbores nos que o lume se propaga máis facilmente e con máis rapidez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información