A antiga planta de Pascual e de Alimentos Lácteos, no municipio lucense de Outeiro de Rei, reiniciou o pasado 19 de xaneiro a produción, agora baixo a tutela da empresa Logística Alimentaria, que aspira a procesar uns 120 millóns de litros de leite ao ano nesas instalacións.
De momento, a media de produción na fábrica de Outeiro de Rei situarase en torno a uns 200.000 litros por día, segundo explicou o representante legal da empresa, Antonio Jurado, pero a “medida que vaian chegando novos contratos”, podería chegar a procesar “en pouco tempo” en torno a “400.000 ou 500.000 litros” diariamente.
Inicialmente, a nova planta dedicarase á produción de leite “á carta”, concentrada e desnatada, así como á elaboración de derivados lácteos e nata.
Entre outras liñas de produción, figura a de obter “proteína” a partir do leite, mediante “un secado en torre para exportación”.
En principio, a planta de Outeiro de Rei traballará para outras industrias baixo pedido, polo que non recuperará a liña de envasado que daba traballo a ducias de persoas, primeiro con Pascual e logo con Alimentos Lácteos.
Separadamente dos acordos comerciais con empresas situadas en territorio nacional, unha parte importante do plan de negocio da compañía oriéntase cara ao mercado exterior.
A fábrica contará con provedores de toda Galicia, tanto “gandeiros que venderán directamente” á planta como cooperativas galegas que “xa pecharon acordos” con Logística Alimentaria.