Lixeiro repunte do prezo do leite no campo

As cotizacións pagadas ás granxas repuntan tamén en Europa, en tanto o mercado de produtos lácteos industriais permanece estable

Lixeiro repunte do prezo do leite no campo

Os datos de prezos de leite do mes de setembro, que acaba de publicar o Ministerio de Agricultura, apuntan a un lixeiro repunte no campo. No conxunto de España, o prezo medio situouse nos 32,9 céntimos / Kg., o que supón unha suba de 0,4 céntimos en relación ós prezos de xullo e agosto (32,5 céntimos, ambos meses). En Galicia, o prezo tamén remontou 0,4 céntimos, pasando dos 31,6 ós 32 céntimos. Como é habitual, a comunidade é a pechacancelas a nivel de prezos en toda España.

Entre as comunidades veciñas, Castilla y León sitúase en 33,3 céntimos, en tanto que Asturias está en 35 céntimos. En canto a calidades, a media española situouse no 3,72 de graxa e no 3,30 de proteína. Galicia tivo un 3,80 de graxa, o nivel máis alto en toda a España peninsular, e un 3,29 de proteína, practicamente na media española.

En entregas, un mes máis continúan en ascenso, medrando un 1% en relación ó mesmo mes do ano anterior.

Prezos do leite en Europa
A tendencia de suba dos prezos no campo en España correspóndese coa tendencia europea, pois a media de prezos en Europa situouse en setembro nos 33,43 céntimos (+ 0,42 en relación a agosto), segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo. Por países destaca o crecemento en Francia, un mercado de referencia para España. O país veciño rexistrou un prezo do leite no campo de 37,15 céntimos (1,39 céntimos en relación a agosto), segundo os datos do Observatorio.

Outro gran país produtor, Alemania,en cambio mantivo os datos de setembro sen variación (32,02 céntimos), segundo o Observatorio Lácteo Europeo.

Mercado de produtos lácteos industriais
Os prezos dos produtos lácteos industriais mantéñense tamén estables en Europa no último mes, con escasas variacións, sen chegar a repuntar ata os niveis do pasado outono. A manteiga sitúase nos 347 euros / 100 kg., un 3% menos que hai un ano, en tanto o leite en po desnatado está en 217 euros / 100 kg., un 8% menos que hai un ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información