Lixeiras baixadas no prezo do leite, con perspectivas de repunte

As cotizacións dos produtos lácteos industriais remontan e as exportacións europeas seguen á alza, o que fai esperar melloras no mercado. En Galicia, os prezos medios continúan á cola de España

Lixeiras baixadas no prezo do leite, con perspectivas de repunte

Galicia acumula unha baixada de 0,9 céntimos/litro no que vai de ano.

O último informe de prezos do leite en granxa, correspondente ó mes de abril, reflicte un novo descenso dos pagos. Se en marzo, a media española estaba en 32,4 céntimos, en abril baixou ata 31,8. Galicia mantén a mesma tendencia, con 30,8 céntimos en abril polos 31,4 de marzo. De cara ós próximos meses, espérase que o repunte que están a experimentar os produtos lácteos industriais (manteiga, queixos, leite en po) impulse unha recuperación das cotizacións do leite cru.

As entregas de leite manteñen unha tendencia á alza, pero modéranse os incrementos en relación ó mesmo periodo da pasada campaña. A produción acumulada do primeiro cuadrimestre é un 3% superior á do 2017, pero no mes de abril o aumento foi de só un 1,4%.

Os aumentos de produción estanse a rexistrar nun contexto de mercado internacional que mantén un bo comportamento. As exportacións da UE subiron un 2% no primeiro trimestre do ano, en tanto os prezos dos produtos lácteos industriais tamén están a incrementarse: a manteiga un 9% no último mes, o leite en po un 5,1% e o queixo cheddar un 2,6%.

Situación en Galicia
Esa boa evolución das chamadas ‘commodities’ lácteas debería levar a un repunte dos prezos en Galicia nos próximos meses, segundo valora Óscar Pose, de Unións Agrarias. “Hai industrias como Capsa ou Reny Picot que pagan unha parte do leite, o chamado prezo B, en base ás cotizacións dos produtos lácteos industrias. É certo que nos primeiros meses do ano o prezo B baixou, pero agora debería repuntar e arrastrar a outras industrias, como Lactalis, que pagan o leite en base ó prezo medio de Galicia”, sinala Pose.

O mercado en Galicia mantense fluído, con boa saída para todo o leite producido, incluído o dos primeiros compradores intermediarios. Esta primavera producíronse leves baixadas de prezo na renovación dos contratos dalgunhas das principais industrias, caso de Celta, pero espérase que o prezo medio na comunidade repunte nos próximos meses.

En calquera caso, Galicia, como é habitual, segue na cola dos prezos medios a nivel de España, só por riba de Aragón. Comparando coas comunidades veciñas, Castilla y León está en 32,4 céntimos (+1,6 en comparación con Galicia) e Asturias en 34,2 (+3,4 en comparación con Galicia).

Os baixos prezos habituais en Galicia seguen preocupando no sector. Desde Ulega, a organización de produtores (OP) impulsada por Unións Agrarias, agardan que a inminente reforma do paquete lácteo en España potencie a capacidade de negociación da OP ante as industrias lácteas, que ata agora foi nula.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información