A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes leves subas nos prezos medios da recría frisoa, mentres que nos tenreiros de cruzamentos industriais houbo baixadas das cotizacións. Tamén se produciron subas nalgunhas categorías dos becerros carniceiros. No vacún maior houbo categorías case sen cambios. Nas mesas de cotizacións do porcino experimentáronse novas subas nos leitóns e nos porcos cebados de descarte. O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana, igual que o coello na Lonxa de Madrid.
En concreto no que a recría frisoa se refire apreciouse unha lixeira suba dos prezos medios en tódalas categorías en comparación cos rexistrados a semana pasada. A comparativa dos prezos entres as sucesivas sesións da Lonxa serve como referencia para o sector, mais na variación dos prezos tamén cómpre ter en conta outros factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos, etc.).
Nos becerros frisóns máis novos, o prezo medio foi de 82 euros, o que supón unha suba de 8 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e significativa do mercado, cotizáronse a 99 euros, 7 euros máis. Nos animais de máis de 50 días, o prezo medio estableceuse nos 121 euros, o que deixa unha suba de 11 euros.
Pola súa banda, nos becerros de cruzamentos industriais a tendencia foi á baixa en tódalas seccións. Nos machos máis novos, os de menos de 20 días, a redución con respecto do pasado martes foi de 35 euros e o prezo medio situouse nos 195 euros. Nas femias a baixada foi de 7 euros e quedan nos 183 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, produciuse unha redución de 10 euros e teñen un prezo medio de 273 euros. Nas femias só descontaron 2 euros, e cotízanse a 217 euros. Nos animais de máis de 50 días a redución foi de 4 euros nos machos e de 29 nas femias, de xeito que os prezos medios son de 351 e 227 euros respectivamente.
Os tenreiros carniceiros experimentaron subas en boa parte das categorías. Nos exemplares de cruzamentos industriais o prezo medio foi de 848 euros nos machos, o que amosa unha suba de 40 euros con respecto da cotización de referencia da pasada semana. Nas femias produciuse un incremento de 129 euros, ata situarse nun valor medio de 755 euros. Esta tamén foi a cotización media para as tenreiras de Rubia Galega, logo dunha suba de 10 euros. Os becerros acusaron unha redución de 13 euros. Os dous únicos xatos de raza frisoa adxudicados fixaron un prezo medio de 828 euros. Nos animais co selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 853 euros, 76 euros por debaixo da cotización media da semana anterior.
No vacún maior houbo categorías que se mantiveron sen case cambios. É o caso do vacún de primeira, que se cotizou a 1.138 euros, un euro por debaixo do valor da semana pasada. A mesma diferenza hai nas vacas de desfeito, que se sitúan nos 449 euros. Mentres, os animais de segunda descontaron 23 euros e pagáronse de media a 714 euros. Nas vacas da categoría extra o prezo medio sitúase 31 euros por encima do acadado a semana pasada, nos 1.849 euros. Nos animais co selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.150 euros, o que supón 540 euros menos que a sesión pasada.
Subas nos leitóns
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo manter as cotizacións para case tódalas categorías do porco cebado, mentres que os leitóns experimentaron unha suba de 2 euros. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo. A única variación rexistrouse nos animais de desvelle, cun incremento de 0,03 euros de xeito que se cotizan entre os 0,31 e os 0,37 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 43 euros (cun prezo de 2,15 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 38 euros e teñen un prezo por quilo de 1,9 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de desvelle están a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.
O coello mantense a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.