Lixeira suba dos prezos da recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un leve incremento das cotizacións da recría nas seccións con maior afluencia de gando. Baixadas nos becerros carniceiros e no vacún maior. Novas subas no porco cebado

Lixeira suba dos prezos da recría en Silleda

Animais de recría no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra) rexistrou este martes unha lixeira suba das cotizacións da recría. As subas concentráronse naquelas categorías con maior afluencia de gando, tanto de raza Frisoa como de Cruzamentos Industriais. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, igual que na metade das seccións de vacún maior. As mesas de prezos do porcino acordaron novas subas para o porco cebado e os leitóns mantéñense esta semana sen variacións.

No caso da recría, os becerros frisóns experimentaron subas nas categorías con animais máis novos. Os becerros de menos de 20 días incrementaron o seu prezo en 13 euros e pasan a cotizarse a 105 euros. Os exemplares de entre 15 e 20 días, a categoría máis numerosa do mercado, acadan un prezo medio de 118 euros, tras unha suba de 5 euros. Mentres, os becerros de máis 50 días descontaron 5 euros e quedan nos 132 euros.

Sorte semellante correron os becerros de cruzamentos industriais. Os becerros de menos de 20 días experimentaron unha baixada de 6 euros, mentres que as femias descontaron 1 euro. Así, os machos sitúanse en 202 euros e as femias a 179 euros. Pola contra, os tenreiros de entre 20 e 50 días tiveron unha suba mínima dun euro. Mellores resultados obtiveron as becerras, que sumaron 39 euros e acadan os 230 euros. Tamén as femias máis vellas, as de máis de 50 días incrementaron o seu valor, en 2 euros, de xeito que se cotizan a 309 euros. Mentres, os machos descontaron 49 euros e o prezo medio cae ata os 365 euros.

Nos becerros carniceiros houbo baixadas dos prezos en boa parte das categoría. Os becerros frisóns pasaron a cotizarse a 467 euros logo de descontar 55 euros. Os exemplares de Rubia Galega experimentaron unha baixada de 20 euros nos machos que agora están a 897 euros. Nas femias a redución foi de 12 euros e sitúanse en 895 euros. Os animais de cruzamentos foron a excepción, cunha suba de 2 euros para os machos e de 43 para as femias. Deste xeito acadan un prezo medio de 877 euros e 775 euros, respectivamente. Tamén os becerros da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Galega Suprema incrementaron o seu valor en 36 euros e sitúanse nos 911 euros.

O vacún maior experimentou esta semana baixadas que afectaron á categoría extra, que descontou 219 euros e deixa un prezo medio de 1.781 euros. Tamén as vacas de segunda rexistraron unha baixada de 10 euros e pasan a cotizarse a 704 euros. Mentres, os animais de primeira incrementaron o seu valor en 58 euros e acadan os 1.160 euros e os exemplares de descarte tiveron unha suba de 39 euros que permite un prezo medio de 487 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, están esta semana nos 1.374 euros, logo dunha suba de 570 euros.

Central Agropecuaria Vacun 25_05_2021

Subas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino acordaron continuar coas subas no porco cebado e manter os leitóns sen cambios. Así, o porco selecto e o normal foron dúas das seccións que experimentaron unha suba de 0,03 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. Para os exemplares de Canal II o incremento foi de 0,039 euros, e agora acadan os 2 euros. Os porcos de desfeito pasan a cotizarse entre os 0,81 e os 0,87 euros o quilo, despois dunha suba de 0,04 euros.

Os leitóns mantéñense a 3,25 euros o quilo e a 65 euros o exemplar de 20 quilos procedente dunha única gandería. Os animais chegados de lotes de menos de 500 porcos cotízanse a 60 euros o leitón de 20 quilos e o prezo por quilo é de 3 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos do tamaño XL cotízanse a 1,66 euros a ducia, os da L continúan a 1,21 euros, os da M páganse a 1,08 euros e os da S están en 0,84 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, incrementaron o seu valor en 0,01 euros e cotízanse a 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 25_05_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información