“Lixar as mans coa terra é un traballo digno que ten un grande valor”

Entrevistamos a Paula Oliveira, unha emprendedora de Cabril (Montalegre, Portugal) que está a recuperar e a darlle nova vida ás culturas tradicionais do liño e do burel, no marco dun proxecto ecoturístico

“Lixar as mans coa terra é un traballo digno que ten un grande valor”

Paula Oliveira, á dereita, está a contar coa colaboración das veciñas de Cabril na recuperación da cultura do liño. / Cedida.

Paula Oliveira é licenciada en estudos portugueses e lusófonos pola Universidade Nova de Lisboa, ten un master en xestión cultural (Universidad de Alcalá, Madrid) e conta cunha ampla traxectoria profesional como xestora cultural en grandes cidades do país veciño, como Lisboa ou Braga, pero no 2014 decidiu voltar a aldea da súa nai, en Cabril (Montalegre), a escasos quilómetros da fronteira con Galicia, para iniciar un proxecto ligado á terra.

Nada en Lisboa, de pequena Paula xa vivira en Cabril dos 10 ós 15 anos, e decidiuse a volver atraída pola potencialidade que vía no patrimonio cultural e natural do lugar, que pertence ó Parque Nacional Peneda – Gerês. Tras asentarse en Cabril, Paula iniciou un proxecto de ecoturismo no que destaca o seu esforzo por recuperar as culturas tradicionais do liño, do centeo e do burel, un tecido de la caracterizado pola súa resistencia. Falamos con ela sobre todo este proceso, no que contou coa colaboración e implicación da comunidade local.

Como é que te decidiches a voltar a Cabril, logo de tantos anos lonxe?
– Houbo un tempo no que eu fiquei lonxe de aquí, a casa tampouco tiña boas condicións e había outras prioridades; ata que fixen un master na Universidad de Alcalá que era sobre xestión de proxectos culturais. Unha das partes do master trataba sobre patrimonio natural. Eu xa traballara con proxectos artísticos e culturais, pero nunca co patrimonio natural, e sempre que eu estaba a estudar isto, eu asociábao a Cabril.

Lembro que despois do master, cando entrei en Cabril e mirei isto todo, dixen ‘Guau!’, isto é un patrimonio xigante, mais a vida continuou, eu estaba a traballar con proxectos nun museo perto de Lisboa, pero veu a crise e aquel proxecto parouse.

Coa crise, eu tiven que mudar de vida, vivía nunha cidade, tiña moitos gastos, estaba co meu fillo e decidín vir para o Norte, non inmediatamente para Cabril porque é un lugar afastado, onde era dificil atopar traballo. Entón fun para Braga, que era unha cidade na que eu xa vivira e tiña amigos.

Hai 7 anos este proxecto parecía un grande soño, un imposíbel. Moitas ideas de negocio certamente perdéronse, pero moitas outras realizáronse e outras apareceron”

E foi, fun para Braga e encontrei alí un traballo temporal, ata que cheguei a un punto no que comecei a pasar máis tempo en Cabril, comecei a mirar as cousas e a percibir que podía desenvolver aquí o meu propio proxecto, un proxecto que eu tería que executar e procurar o meu propio financiamento.

Comecei entón con ese deseño, con ese plan, hai 7 anos. Naquela altura, parecía un grande soño, unha grande loucura, un imposibel. E ben, certamente moitas ideas de negocio foron perdidas, pero moitas outras realizáronse e outras apareceron despois de estar o proxecto en marcha.

Paula Oliveira, en Cabril.

Paula Oliveira, en Cabril.

Cales foron os teus primeiros proxectos de negocio en Cabril?
– O meu primeiro obxectivo foi crear un ‘hostel’ (albergue). Daquela estaba o inicio dos hostels en Europa e pensei para esta casa un ‘hostel’. Deseñei o proxecto do ‘hostel’, estaba todo planificado… Só que despois requería moitos gastos, con licencias e coa obra. Precisaba moitos cartos só para aquelo e eu non tiña diñeiro.

Por tanto, desboteino. Despois, pensei naquilo que eu tiña e que podía optimizar. Pensei na quinta da Albaleda, un terreo que temos onde podía encaixar un ‘glamping’. Glamping é un tipo de campismo con máis confort, con máis glamour… por iso se chama glamping… Proxecteino, fixen todo, pero o Parque Nacional non o permitiu porque o terreo está nunha zona na que non son permitidos emprendementos turísticos.

Antes de facer o que fose que fixera, tamén quería perceber se eu cuadraba con esta mudanza de vida

Por tanto, levei dúas grandes bofetadas e a partir de aí comecei a pór as cousas en termos prácticos. Pensei en animación turística, eu teño formación como guía turística e comecei a traballar nese sentido. Creei un espazo durante catro anos, que era para min un espazo de experiencia, un espazo de ensaio.

Antes de facer o que fose que fixera, tamén quería perceber se eu cuadraba con esta vida, con esta mudanza de vida. Durante catro anos, o meu plan era ter os meus animais, os meus cabalos e facer animación turística.

Cal foi o problema?. O problema foi que estamos nun sitio, nunha freguesía que aínda que estea totalmente dentro do Parque Nacional e sexa o Gerês, non é un Gerês coñecido, non é un Gerês turístico. Non ten unidades hoteleiras, non ten turistas. Ese era o problema, como é que eu facía animación turística sen persoas?.

E era moi difícil naquela altura que as persoas viñeran para acá e encontrasen servizos. Entón eu tiña que ofrecer aloxamento e aí comecei a pensar en crear un aloxamento. Non ‘hostel’ porque era moi honeroso, así que comecei a alugar cuartos.

Inicialmente a casa é grande, miña nai vive na planta baixa e o primeiro andar estivo baleiro moitos anos ata eu vir para acá. Nun principio, pensaba que non o ía abrir a persoas de fóra porque é o espazo da familia, ten as nosas cousas e é a nosa intimidade. Só que cheguei a un punto no que non tiña outra alternativa e tiven que facer esa experiencia.

Este proxecto foi e continúa a ser proba e erro, aprendizaxe e melloras, tentar transformar as dificultades en oportunidades, como no fondo penso que son todos os proxectos que están en crecemento.

Como te organizaches para ofrecer este primeiro servizo de animación turística?
– Eu tiña, a parte da casa e da quinta, un espazo que se chama o Abrigo da Garrana, ó pé do parque de campismo que hai en Cabril. É un espazo no que tiña unha cabaleriza e uns barracóns, ata daquela abandonados, e tamén unha cociña e unha horta. Naquel tempo recibía a persoas voluntarias que me axudaban e os turistas que viñan podían estar cos animais e saíamos dalí para facer camiñadas.

Foi todo moi experimental e de test da miña capacidade porque no fondo todo xiraba a miña volta. Eu dixen, vou facer isto todo e á fin dun tempo vou ver o que resulta e o que non resulta, e nesa altura enfocarme.

Val de Cabril, no Parque Nacional Peneda - Gerês, ao final do verán.

Val de Cabril, no Parque Nacional Peneda – Gerês, ao final do verán.

Que valoración fas daquel primeiro proxecto como guía turística?
– Con ese proxecto conseguín ter unha experiencia e ir analizando cos poucos clientes que tiña se verdadeiramente eles gostaban do que eu promovía. Porque o turista que viña para o Gerês era un turista de masas que ocupaba as unidades hoteleiras que existen na Vila do Gerês durante os meses de xullo e agosto e despois desaparece e ninguén o ve. Por tanto, o turismo que eu sempre quixen foi un turismo de experiencia, de natureza, de ecoturismo, e que as persoas experimenten a vida rural, perceban a historia e se encuadren coas persoas, coa comunidade e coa paisaxe. E non aquel turista que vén, dáse uns baños e vai embora, sen engadir ningún valor a súa experiencia.

”O turista que viña ó Gerês era un turista de masas en xullo e agosto, pero eu sempre quixen promover un turismo de natureza no que as persoas experimenten a vida rural, perceban a historia e se encuadren coas persoas e coa paisaxe”

Verdadeiramente, o turista que eu buscaba é un nicho de persoas moi pequeno e non están aquí á beira nin saben que eu existo aquí. Entón esa foi a miña grande cuestión. Como é que eu vou resolver isto, como vou chegar ó outro lado do mundo, a outros países e atraer persoas a este canto de Portugal no que estou.

A realidade coa que me atopei é que viñeron moitos turistas doutros países, de Alemania, de Holanda, de Inglaterra, mesmo de Nova Zelanda, que xa repetiron a experiencia de vir, ou de Tasmania. Para min, son países con paisaxes e culturas extraordinarias. Entón, como é que eles adoran vir aquí?. Aí dinme de conta de que a miña idea tiña sentido.

Hai dous anos, o meu periodo de experiencia no abrigo acabou, os meus animais foron para a quinta e eu enfoqueime máis no espacio da casa e no da quinta.

Foi entón cando comezaches a traballar na recuperación da cultura do liño. Como xurdiu esa iniciativa?
– Pois foi un día que estaba eu alá no abrigo, onde tiña a horta, e apareceu un amigo daquí da aldea co que comparto moitas ideas, e el díxome que eu precisaba unha actividade cun carácter máis anual e que o liño era unha boa opción.

Hai unha historia do liño en Cabril, todas as casas traballaban o liño, hai moito traballo que pode ser recollido e que pode ser feito nese sentido e eu, na altura, pensei ‘unha cousa máis para engadir a tantas outras’.

Non sabía nada do liño, mais aquela idea ficou alí e eu falei cunha señora maior á que lle merco a herba seca para os animais. Pregunteille que era o que ela sabía do liño e ela ficou moi sorprendida por abordar esa cuestión. Ela dixome ‘iso dá moito traballo… ‘

E aquilo andaba na miña cabeza, mais non era un obxectivo porque xa tiña moitas tarefas. Entón, ós poucos fun falando con máis persoas, foron explicándome o proceso todo. Son inmensas fases con inmensos instrumentos, todo palabras novas. A única cousa relacionada co liño que eu coñecía era o fuso, a roca, a estopa e o tear. Do resto máis nada, e había moitas cousas novas a aprender, pero o tema era realmente interesante.

Pola miña formación académica, eu gostaba de investigar, de escribir, de recuperar memorias da cultura, así que o liño foi gañando en interese para min ata que decidín sementar o meu primeiro liño hai catro anos. Para iso, pedinlle axuda ás señoras de Cabril, elas axudáronme a sementa-lo liño e aínda me acompañan en moitas cousas.

Paula no traballo do liño, no seu tear.

Paula no traballo do liño, no seu tear.

A túa idea era conectar esta cultura tradicional do liño co turismo?
– No inicio, e aínda se mantén moito a pesar de que xurdiron outras liñas de traballo, a idea era realmente crear un produto de turismo creativo, que é algo que agora tamén entrou en moda. Trátase de que os turistas veñan para ter unha experiencia e partir con novos coñecementos. Pode ser por exemplo poñer as mans na masa e aprender a facer pan. Trátase de ter unha experiencia que sexa algo máis que simplemente visitar un sitio e acabou.

”No inicio, a idea co liño era crear un produto de turismo de creativo”

Por tanto, ese era no fondo o foco do negocio, era ata aquí porque xa houbo outras mudanzas. Porque co que aconteceu este ano coa pandemia, todo isto foi por auga abaixo. Non é posíble un traballo en común como o que temos feito co liño, que é espadulado un día na eira, con toda a xente a traballar en conxunto para conseguir ter o liño listo para fiar, iso non foi posible, entón hai que procurar buscar outra forma de gañar diñeiro co liño. Foi por iso que eu montei un obradoiro online do liño, para tentar chegar ao público.

Que resultado tiveches co obradoiro online do liño?
– Pois nun inicio voltei a ter a mesma dificultade que tiña coa experiencia de animación turística. Isto é moi bonito pero ninguén sabe que eu estou aquí. Como llo conto eu ás persoas?. O obradoiro online do liño penseino como unha fonte de ingresos que me cubrise un tempo porque eu en marzo non sabía cando podería abrir o aloxamento, estaba todo moi incerto.

Pensei en facer unha experiencia internacional, pero iso implicaría que eu tería que traballar tamén en inglés e podía ser demasiado e que eu non o conseguise. Por tanto, optei por facer a experiencia só en portugués.

Tendo en conta que eu xa tiña esas dificultades de como vou dicirlle ó mundo que estou aquí, como vou comunicar, o ano pasado inscribinme en outubro nun curso de marketing online, que foi a miña salvación. Foi un investimento grande, pero foi sen dúbida a miña salvación porque sen esas ferramentas eu estaría completamente perdida.

Desde que comecei a traballar co marketing online, tanto co aloxamento como co obradoiro, non só veñen aquí as persoas, senón que veñen máis tempo e compran máis servizos, non compran só o aloxamento, compran outras experiencias e a alimentación da quinta.

Traballo comunitario co liño en Cabril. / Cedida.

Traballo comunitario co liño en Cabril. / Cedida.

Que experiencias lles ofreces ás persoas que están vindo a Cabril?
– Desde camiñadas, como a ruta das cascadas de Cabril, ata experiencias como a de ‘Pastor por un día’, na que acompañamos un pastor de cabras ou vacas en alta montaña e pasamos un día a coñecer como é a vida do pastor. Temos tamén a experiencia da quinta, coa horta e cos animais, onde imos cuidar da quinta e collemos o que nos é posible apañar. Esta actividade da horta funciona moi ben por exemplo para as familias con nenos.

Que cultivas na horta?
– A horta ten un pouco de todo, teño patata, patata doce, berenxenas, tomate, cenoría, melón, coliflor, frambuesas, cebola, allo francés… Moita variedade, pouca cantidade pero moita variedade.

Non fago produción para venda. A idea desde o inicio é vender directamente no prato, fago comidas para a xente aquí aloxada. Este ano por primeira vez conseguimos non comprar legumes, non comprar cousas da horta. En termos de negocio é vantaxoso, dá traballo, pero en calidade de comida e como experiencia para o cliente, paga a pena o esforzo. Sentes a diferenza no sabor dos alimentos.

Tamén xa teño galiñas, ovos… Merco a carne e o peixe, algo de arroz, algunhas cousas, pero grande parte é biolóxico e produción nosa.

Neste momento, o meu traballo está enfocado en crear condicións na quinta para desenvolver máis experiencias. Aquí na casa teño un atelier para o liño, no espazo da cociña, pero quero un espazo maior no que poida receber persoas. Imaxina que vas á quinta e podes sementar alí o liño, facer todas as fases do liño alí, ficar a tecer… Tamén quero ter alí ovellas e facer a tosquía… Por agora teño cabalos, burros e galiñas, pero non teño ovellas.

A maiores do liño, introducícheste tamén no traballo do burel, un tecido resistente feito de la que se empregaba tradicionalmente para as capas dos pastores. Como está a ser este novo proxecto?
– O burel veu cando eu comecei a pensar desde un punto de vista máis amplo na cultura tradicional da rexión do Barroso, que ten moitos aspectos, pero eu para non desenfocarme elixín tres: o liño, a la e o centeo, e en fases fun introducindo cada un deles. Porque son proxectos que precisan moito tempo. Primeiro, para a recolla de toda a información, de todos os procesos, despois para executar eses mesmos procesos, para ter a experiencia e entender se, no fin, eu son capaz de facer todo o ciclo e ter o resultado.

O que parecía unha loucura hai catro anos atrás son cousas que xa se concretaron e que realmente funcionan. Mesmo este ano fixen o burel, o ano pasado tentárao pero non o conseguira, pero este ano si fixen todo. Fun para o pisón -un enxeño hidráulico ao pé do río- e eu tiña dito que ficaba alí 48 horas, que son as necesarias para facer unha tea de burel. Fiquei finalmente catro días porque o pisón é vello e ten inmensos problemas, pero fixémolo e xa serviu como teste da experiencia de turismo, porque houbo persoas que, nunha escala pequena, pagaron para estar alí.

En canto á recuperación do cultivo do centeo, trátase dunha iniciativa promovida polo monte veciñal (baldío) de Cabril. Que é o que estades a facer?
– Este é un proxecto que efectivamente é promovido polo baldío, que ten unha capacidade moito maior de implicar á comunidade; eu colaboro como xestora do proxecto. Nós o primeiro ano fixemos unha actividade de formación, unha vez máis a recolla e a partilla do coñecemento das persoas máis vellas, que ensinaron como se fai todo. Que non é só mallar o centeio, é necesario sementar, que é feito en alta montaña, e protexer o cultivo. Houbo aquí moita historia, moita cultura, moito saber facer. É extraordinario.

”Temos currais en alta montaña nos que se cultivaba o centeo. Houbo aquí moita historia, moita cultura, moito saber facer. É extraordinario”

Nós temos os currais na serra, en alta montaña. Son privados, pero o que acontecía era que están abandonados desde hai moitos anos. Estaban cercados por muros de pedra solta, pero os muros caíron e estaban degradados. Entón, o primeiro que fixemos foi a recuperación dos muros. Comezamos cun curral e fixemos esa recuperación tamén como taller de capacitación, de aprender e ensinar como se recupera. Este ano que pasou xa sementamos outro curral, xa recuperamos e sementamos dous currais.

É pouca superficie, mais crían unha diferenza de paisaxe na montaña importante, e tamén ten un valor ambiental. O ano pasado vimos coellos e perdices a comer o centeo.

No fin, en xullo – agosto, o centeo é cortado e é mallado na serra. A tradición nestas aldeas do val, que están a uns 300 metros de altitude, é que as persoas fosen a pé para a cima, a 1.000 metros, e todos os portes eran a pé porque alá non hai nada.

Ao rematar a malla, viñan todos para baixo, cargaban todo para abaixo e aquí as mulleres na cociña tiñan unha cabra lista para toda a xente comer. Viñan moi cansados, mais había unha festa, con música. Nós quixemos recrear iso, a carrexada, e polo segundo ano xa a fixemos con arredor de 80 persoas. Este ano houbo que facela con limitacións, como é lóxico.

En moitos dos teus proxectos, como o liño e o burel, destaca tamén a implicación da comunidade. Como estás a lograr esa participación das persoas?
– No fondo, eu pedín axuda. Eu pedín axuda e as persoas máis vellas, as que gardan memoria dos procesos, tamén fican contentas de que haxa quen se interesa por iso e que poida ter continuidade.

No caso do pisón, está parado, en decadencia, porque ten que traballar e non traballa. E o seu propietario, o señor Francisco, foi extraordinario, porque todo o traballo que tivemos que facer foi un traballo duro e nunca eu sentín que el ollase para min e pensase ‘esta muller está tola e non o vai conseguir’. Polo contrario, este ano el xa me confiou o pisón para poder traballar. É un traballo físicamente duro, un traballo de homes, porque o burel ata ir ó pisón é feito polas mulleres, pero despois é un traballo de homes, mais faise. Penso que debín ser a primeira muller pisoeira de Portugal (risas).

O señor Francisco sempre me apoiou e mesmo está contento e permíteme que eu traballe. Eu non fago nada sen o seu consentimento, obviamente, mais sinto que estou en casa, que teño esa porta aberta.

Paula está recuperando a produción de burel 100% artesanal. / Cedida.

Paula está recuperando a produción de burel 100% artesanal. / Cedida.

Mais tamén hai moitas outras persoas que no inicio dicían que era unha loucura que alguén coma min, supostamente formada, instruída, con percurso académico, con algúns cargos de responsabilidade, fose lixar as mans coa bosta dos animais, na terra. Iso no inicio era extraño, mais eles comprenderon que ese traballo fágoo porque é un traballo digno e de moito valor, e entón eles colaboran moito, moito.

Pola túa parte, tamén se pode dicir que estás a devolver parte do que recibes a través da túa colaboración coa escola e cos lares de persoas maiores. Cóntanos esa parte do teu traballo.
– Cos lares agora non pola pandemia, pero si facía. Coas escolas, tódolos anos desde hai seis anos fago dúas actividades por trimestre, sempre relacionadas coa cultura tradicional, co medioambiente e a defensa do bosque. Este ano será diferente, pero faremos cousas online.

Tamén facemos actividades no verán con eles co liño e coa la. Nas vacacións, fixemos a sementeira do liño e cada un levou unha semente plantada a casa. E eles ficaron bastante orgullosos de saber e de poder falar cos avós acerca diso. Porque neste momento hai un grande baleiro entre os avós e os netos en canto que… Mesmo eu tendo nacido na cidade, tiña unha relación de ter acompañado á miña avoa. Hoxe os rapaces están no campo, mais non viven na aldea porque non acompañan ós avós nas tarefas. Entón hai moitas cousas que eles non saben, mesmo en relación ó bosque. Porque non se valora, non se lle dá importancia a iso.

E os pequenos cando perceben a historia e eles traballan, gostan moito de facelo. É un día diferente, dunha aprendizaxe diferente, dun xeito lúdico.

Ti volveches a vivir a Cabril hai 7 anos. Como atopaches a comunidade de Cabril?
– A freguesía son 15 aldeas, con preto de 500 residentes. Continúa habendo escola primaria cos nenos, tamén un preescolar. A tendencia da xente nova é a de irse, a excepción dalgúns poucos que gostan dos animais, que teñen animais, vacas, cabras, que gostan desta vida do campo e que procuran formas de continuar aquí, pero a maior parte quérese ir e emigra porque teñen familiares emigrantes. Hai moita xente que vai para Braga, unha cidade que está próxima, e que pode vir as fins de semana, mais a poboación de Cabril é sobre todo unha poboación envellecida.

Que balance persoal fas de todos estes anos de esforzos e traballo por desenvolver a túa vida en Cabril. Pensas que pagou a pena?
– Unha das cousas que eu aprendín é que desistir non é unha opción. Persoalmente, tes que encontrar unha solución, ás veces tes que recuar un bocadiño e todo o que fixeches ata alí ten que ser posto dun lado e procurar outras formas. Pero desistir non, eu sempre o teño moi presente e eu durante moito tempo fixen ese test de perceber se esta é unha opción ou non, se é un camiño ou non, pero cando ves os resultados, cando ves as persoas que te acompañan, ves turistas de Nova Zelanda que voltan a Portugal e queren vir aquí outra vez, a este espazo, con tanto que hai para coñecer no mundo… Entón dis, isto ten algún valor, e enfócaste a ese apoio no fondo.

”Desistir non é unha opción. Persoalmente, tes que encontrar unha solución, ás veces tes que recuar un bocadiño e todo o que fixeches ata alí ten que ser posto dun lado, pero desistir non”

Se te enfocas nas cousas que foron mal, que fixeches mal, perdes enerxía. Ese non é o camiño. Hai días malos que sentes que isto acaba aquí, a historía acaba aquí, pero nesa altura en que estás moi cansa e sen forza, eu optei por ir durmir e recuperar.

A parte difícil foi poñer a máquina a funcionar. Esa parte está feita, agora está a andar e todo é continuar. É un traballo gratificante, ves personas implicadas, novos proxectos, vexo outras persoas mozas a querer investir…

Durante estes anos, tamén tiven moitas dúbidas, sobre todo hai catro anos, O meu fillo foi vivir a Lisboa co pai e a partir de aí as miñas dúbidas persoais foron aínda maiores. Porque eu pensei, por que é que non volto para Lisboa, procuro un traballo en Lisboa e estou perto do meu fillo. Podo gañar alí ben diñeiro e facer a miña vida como xestora de proxectos sen ter que traballar 14-15 horas todos os días do ano, pois é preciso estar aquí a diario por causa dos animais.

Todo iso era así, mais eu decidín, vou ficar e vou continuar a facer o traballo en canto teña pracer nel e perceber que é posible. Chegado aquí, eu estou nesta fase de continuar o proxecto. A proba de que é posibel eu xa a teño, claro que vou ter que continuar a adicarlle moito tempo, mais xa sei tamén que teño que ter máis disciplina e enfocar as cousas, non ser tan dispersa.

Paula ante a súa casa, en Cabril.

Paula ante a súa casa, en Cabril.

Satisfeita entón do rumbo que tomaches, tralos primeiros proxectos fallidos do ‘hostel’ e do glamping?
– Para min, era moito máis fácil no inicio pedir un crédito, construir o ‘hostel’ e fiar a miña cabeza toda dentro dun proxecto de masificación turística, se eu tivese en vista que o único beneficio fose o diñeiro. Pero eu entendo que hai moitos máis valores que son igualmente importantes e no mundo actual, teñen máis sentido.

A idea, sempre presente e que torna este proceso máis demorado, ten que ver coa sustentabilidade e ten que ver co uso correcto dos recursos, ten que ver coas relacións que se crean na comunidade, coa riqueza que se crea á volta porque o turismo é un sector moi desgastante do territorio e o que eu pretendo non é iso, senón que os recursos poidan chegar ós meus netos como chegaron a min da miña avoa.

”A idea sempre presente ten que ver coa sustentabilidade, ten que ver co uso correcto dos recursos e coas relacións que se crean na comunidade”

Falabas tamén de que o teu traballo está a ser ben valorado polos turistas. Fálanos desa parte, da recepción que están tendo as experiencias que ofreces para coñecer e vivir Cabril.
– En xeral, as persoas valoran moito este traballo. Cando pos empeño e amor nas cousas, as persoas percébeno, valórano e apóiano. Claro que non son todos porque non son todos iguais. Hai persoas que queren vir e que eu non podo aceptar porque entendo que non valoran este tipo de turismo nin están preparados para este proxecto.

Parte do meu tempo, do meu traballo é adicado á comunidade, á escola, ós lares, é traballo de responsabilidade social e iso ten que estar no meu proxecto e as persoas teñen que perceber que se veñen aquí non están a pagar un aloxamento, están a pagar unha contribución para o desenvolvemento local. Hai moitas persoas que non teñen esa sensibilidade e entón este non é o sitio para estar eles.

Hai tamén xente que aluga un cuarto e á hora de facer a reserva non le o que está escrito. Eu coloquei os servizos de aloxamento en Airbnb e sempre foi moi importante dicir claro que é o que eu ofrezo e o que eu non ofrezo. Xa sucedeu este ano con persoas que reclamaron porque non hai televisión e eu sempre digo que non hai televisión nin haberá televisión, mentres eu estexa no meu xuizo perfeito. Se ves aquí, non precisas televisión.

O tema é… Lembro agora a un profesor alemán que veu e pediu para comer con nós na casa, e comeu comigo e con miña nai e el estaba marabillado. Dicía, ‘teño unha experiencia fantástica para contar ós meus amigos, de todo isto, da vida de casa, do ritmo rural’. Esa é a experiencia que eu gosto de transmitir.

Cando tes unha guía, ela oriéntate nese sentido, non é só levarte a que coñezas un lugar, créache condicións para que o fagas de forma agradable, para que te sintas ben e coñezas historias sobre as persoas e lugares.

“Ser pastor é un traballo solitario que pouca xente te agradece. O feito de que nós os apoiemos coa experiencia ‘Pastor por un día’ axuda a que se sintan valorados”

Por exemplo, a experiencia do pastor, nós imos acompañar o pastor todo un día, valorizamos o seu traballo. El fai iso tódolos días, é un traballo solitario, moi difícil, cada vez hai menos pastores. E nós optamos por facer unha contribución e valorar o seu traballo, non só económicamente. Imos estar un día con el. O problema do rural e da desertificación pasa tamén moito pola autoestima. É un traballo solitario que moi pouca xente te agradece.

Nós precisamos dun médico cando estamos doentes, precisamos dun arquitecto cando queremos facer a casa, pero precisamos dun agricultor ó almorzo, ó xantar e á cea. E ninguén valora a un agricultor como valora a un médico ou a un arquitecto.

O que sucede sobre todo nas xeracións máis novas é que eles non queren ser agricultores, non queren ser pastores máis, queren unha vida con valor. E o feito de dar este contributo e de valorar a esa persoa axuda a que a xente moza fique no territorio, que eles vexan que gostan de estar aquí, que este é o seu lugar, que teñen unha forma de vida que lles dá o suficiente para vivir, para ter unha familia.

Non temos todos que estar en cidade, onde temos máis dificultades para ter calidade de vida. Porque para ter calidade de vida na cidade precisas de moito máis diñeiro e aquí consegues ter calidade de vida con pouco diñeiro e tes a túa volta outras cousas.

Falando do meu caso persoal, o feito de ter ido, ter voltado e sentirme ben aquí, percibir que teño ferramentas, oportunidades para vivir aquí permíteme ficar. A miña nai nalgún momento, cando eu voltei, pensou que o diñeiro que investiu en libros e no ensino era diñeiro malgastado, agora penso que xa non pensa así. Mais non foi diñeiro malgastado, todo é importante, é moi importante tamén saír daquí para formarse, moi importante.

En canto ás culturas tradicionais que estás a recuperar nos teus proxectos, a do liño e a do burel, pensas que poden ter nova vida, que son tecidos artesanais que poden ter un mercado?
– Penso que si, voltamos á mesma cuestión. Hai moitas persoas que valoran este tipo de materiais e comprenden a súa importancia, que están dispostas a pagar.

Co liño, a miña vontade para min é ensaiar outras compoñentes máis artísticas. Persoalmente, interésame ter o fío, mais non estou moi interesada en tecer teas de liño. Podo eventualmente vender o fío a outras persoas que tezan e que valoren o liño, mais eu persoalmente estou interesada en cousas máis artísticas. Isto tamén é bonito porque eu gosto moito da tradición, mais gosto da innovación tamén e de testar novas cousas.

O liño era unha produción moi importante en Cabril. Había grandes campos de liñares e pozos propios para o liño, xente que viña de fóra a comprar. Hai xente que me ten dito que o liño era o ouro de Cabril, entón no liño estou enfocada na miña comunidade máis próxima e en crear fórmulas de ter persoas que colaboren comigo e que perciban unha remuneración por iso.

En canto ó burel, o burel foi candidato ás sete marabillas. A tradición do burel non é só unha tradición do Barroso, de Montalegre, é igual na Serra da Estrela ou no Miño. Tamén alí hai pisóns, mais non traballan.

Agora queda só burel industrial, non hai burel artesanal. O meu obxectivo é darlle continuidade a isto e crear un burel artesanal, 100% feito en Montalegre.

Desde a perspectiva económica do teu proxecto, tamén son importantes os obradoiros de liño. Estás a encontrar persoas interesadas en aprender o traballo do liño?
– Hai moitas persoas interesadas en aprender. Cando fixen o lanzamento online do obradoiro do liño, é todo un proceso, unha estratexia de marketing. Era a miña primeira vez e decidín facer unha tertulia online de liño a través do Facebook. Estaba nervosa, despois pensei, unha amiga aparece seguro. Por tanto, imos ter unha conversa e enfoqueime de falar de un para un, non en pensar que ía ter unha plateia de xente e que despois estivese a plateia baleira.

Entón apareceu xente na tertulia a un nivel inmenso, eu creo que tiña pensado 40 minutos e estiven máis dunha hora. No fin, cando desconectei, tiña 1.000 visualizacións, para min esperaba unha amiga… Despois eu pasei para un obradoiro con inscripción e eu enfoqueime a traballar para o grupo que estivese interesado en aprender, só no mercado portugués. Habería tamén un mercado internacional moi forte…

Estás con proxectos moi interesantes que darían para falar o día todo, mais imos ir rematando… Queres dicir algunha cousa máis como conclusión?
– Pois estes anos teñen sido un camiño con altos e baixos moi marcados. Sen o apoio da familia e dos amigos non sería posible continuar este traxecto. Penso que cada vez máis o tema da sustentabilidade é fundamental no xeito como nos comportamos como cidadáns e consumidores. É unha cuestión ben definida pola Unesco nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que teñen que ser palancas importantes para proxectos como o meu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información