O grupo operativo Bio_Marterra presentou na Escola Politécnica Superior de Lugo as investigacións que se están a levar a cabo co obxectivo de elaborar, a partir de algas das costas galegas, produtos bioestimulantes e funxicidas para empregar nas hortas e nos cultivos de videiras e patacas. Froito desas investigacións, xa se está piques de introducir no mercado un primeiro bioestimulante que comercializará a empresa Porto Muíños. Máis adiante prevén sacar outra liña de bioestimulantes e unha máis de funxicidas. Manuela Buján, do departamento de I+D+i da empresa, explicou que os bioestimulantes son produtos que estimulan os procesos naturais das plantas para mellorar a absorción e eficiencia dos nutrientes que se lles aplican e, así, incrementar a produción e a calidade dos vexetais que chegan os consumidores. Buján explicou que están a traballar con 10 variedades de alga e 7 fórmulas diferentes de elaboración.
“O futuro da produción de algas en Galicia pasa polo seu cultivo e non pola recolección directa do mar” Manuela Buján, Porto Muíños
De cara a acadar os obxectivos fixados en Bio_Marterra, Buján sinalou que hai que incidir nas especies de algas, nos métodos de extracción dos compoñentes que serán de utilidade e os contidos mínimos deses compoñentes que haberá que incluir en cada un dos elaborados. E tamén facer unha análise comparativa dos resultados con bioestimulantes que xa existen no mercado pero que se elaboran de xeito diferente, con outras materias primas ou cun uso de algas moi reducido.
Un dos obxectivos últimos do grupo operativo é crear unha nova fonte de riqueza para as comarcas costeiras galegas, que viría da man das algas. Actualmente hai cinco proxectos empresariais de tamaño medio que comercializan algas en diferentes formatos e para diferentes usos. E moitas confrarías de pescadores e mariscadores inclúen xa entre as súas actividades a recolección de algas para servirllas a industria. En Porto Muíños procesan anualmente unhas 400 toneladas de algas, das cales máis do 95% proceden da recolección directa. Pero entre esas algas recollidas veñen variedades que non teñen valor para o consumo humano e, entre as válidas, só se aproveita unha parte. Polo tanto, os proxectos nos que traballa o grupo operativo Bio_Marterra servirían para dar valor económico a eses residuos e, así, afondar na economía circular e a sustentabilidade.
Buján considera que o futuro da produción de algas en Galicia -sexa cal sexa o seu destino e uso- pasa polo cultivo e non pola recolección. E eso que os procesos de cultivo, tanto en mar aberto como en espazos acotados, é aínda moi complexo e custoso tanto pola falta de experiencia en Galicia como polas dificultades de calquera traballo vencellado co medio mariño. Sen embargo, en Porto Muíños xa conseguiron bos resultados co cultivo de 3 especies no mar e 3 en formato indoor.
E é que a recolección non é tan sinxela como pode parecer: as empresas teñen que presentar un plan de explotación no que deben especificar que variedades de alga queren recoller, en que lugares da costa, en que cantidade e quenes serán as persoas encargadas da recollida. E ese plan pode ser modificado ou mesmo rexeitado pola Consellería do Mar se non se axusta, entre outros, ao criterio de sustentabilidade. Por outra banda, pode pasar que os días en que se aprobou a recollida non haxa a cantidade desexada ou a especie autorizada. Ademais, realízanse inspeccións tanto nos lugares de recollida como nos de almacenamento para verificar que se cumpren os requisitos. Sen esquecer que hai algas que se permite recoller pero non cultivar, ou viceversa, e outras das que non se poden nin sequera recoller ou utilizar mostras porque teñen un comportamento invasor.
Se ben aínda é preciso continuar coas investigacións para obter resultados concluíntes, os datos das primeiras pequenas experiencias son alentadores. Néstor Liñares -de Horta da Lousa, colaboradora no proxecto- explicou que nos seus terreos están a empregar as algas como fertilizante e que os resultados foron mellores incluso que os obtidos con esterco de vacún. Na empresa deron o paso de horta convencional a ecolóxica pero coa mira posta en manter os niveis de produción que viñan acadando. Algo realmente difícil polas limitacións que se contemplan na agricultura ecolóxica ao uso de insumos. O horticultor explicou que o uso foliar de bioestimulantes nos seus bancais favoreceu o aumento de produción e mesmo a calidade e peso das hortalizas e que eso foi algo que notaron a simple vista, incluso antes de que se fixeran as medicións a cargo dos técnicos do proxecto Bio_Marterra. Lembrou tamén que as marxes de beneficio no sector da horta son das consideradas baixas en agricultura -con entre un 5% e un 10%- polo que contar con ferramentas como os bioestimulantes a base de algas e os resultados que están a obter pode significar a diferencia entre beneficio e perda.
“Empregando bioestimulantes de alga podemos aumentar a produción de horta ecolóxica” Néstor Liñares, Horta da Lousa
Na xornada presentáronse tamén os resultados obtidos nunha plantación de patacas ecolóxicas da variedade kennebec na comarca da Limia propiedade do agricultor Avelino Santana, que tamén forma parte do grupo operativo, na que se aplicaron funxicidas derivados das algas. E púidose comprobar que as parcelas onde se aplicou funxicida foron as máis produtivas, con 32.667 quilos/hectárea, un 8,12% máis que aquelas nas que non se aplicou. Ademais, a produción comercial situouse en 32.420 quilos/hectárea, é decir cun destrío (a parte do froito que non se pode comercializar por taras) de só o 0,75% e, polo tanto, unha mellor calidade da pataca. A cantidade de materia seca mantívose nun 18,5%. O seguinte paso será calcular as doses exactas que hai que empregar para cada cultivo e parcela e analizar tamén os posibles usos que o funxicida puidera ter como herbicida para combater a herba solano e que as patacas danadas poidan recuperarse. Un problema é que a lexislación non permitiría aínda o uso comercial (si para investigación) do produto, polo que haberá que seguir mellorándoo.
Susana Boso, por parte da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, sinalou que a produción vitivinícola en España supón o 1,5% do PIB e que abrangue 914.000 hectáreas, das cales 32.000 están en Galicia. Por eso, calquera ferramenta que sirva para protexelas e dinamizalas será benvida. E máis se se trata de ferramentas sustentables e non químicas, como serían os produtos que investiga Bio_Marterra. Porque as videiras adáptanse a terreos e climas moi variados pero tamén están expostas a todo tipo de fungos, bacterias, insectos ou nematodos que todos os anos fan que se perda entre o 20 e o 40% da colleita.
“Os bioestimulantes de algas non substitúen os fitosanitarios, pero poden reducir o seu uso e facelos máis eficientes” Susana Boso, CSIC
Unha das doenzas que máis afecta as máis de 5.000 variedades de videira que existen é a plasmopara vitícola, o famoso mildeu. Un oomycete ou falso fungo pertencente ao reino chromista. Máis alá dos métodos tradicionais e sustentables aplicados contra o mildeu na agricultura ecolóxica, biodinámica ou de precisión, a arma máis útil e estendida son os fitosanitarios. E todos eles – sintéticos, químicos e sistémicos- cunha base de cobre. En Galicia hai anos en que se pode chegar a aplicar ata 12 tratamentos, o cal supón un uso nocivo para o medio ambiente e, ao mesmo tempo, fai que o mildeu se volva máis resistente. Por outro lado, a UE é cada vez máis restritiva respecto do uso deses fitosanitarios.
Neste contexto, a utilización de extractos de algas como funxicidas contra o mildeu semella unha alternativa óptima dende o punto de vista ecolóxico. Hormonas, aminoácidos, polisacáridos, compostos fenólicos…son moitos os compoñentes das algas que poden resultar beneficiosos para o cultivo da videira. Diferentes estudos realizados dende hai décadas demostran que os extractos de algas fortalecen as cepas, reforzan o seu sistema inmunitario e a parede celular e potencian a súa “memoria” para reaccionar ante patóxenos que xa padeceu. Aparte de reforzar os tecidos das follas, que é por onde penetran as zoosporas do mildeu. As propiedades antioxidantes e o aporte de aminoácidos axudan a reparar os danos que teña producido o falso fungo. E teñen un alto aporte de potasio, que actúa como vacina fronte ao mildeu, ademais de axudar a reter auga e evitar o estrés hídrico.
Boso explicou que o uso de extractos de algas como funxicida non substitúe os tratamentos fitosanitarios, pero si que serve para reducir o seu uso e para facelos máis eficaces. Nesa liña, relatou os resultados do grupo VIOR, que analizou os efectos dos extractos das algas tanto en campo como en laboratorio sobre videiras das variedades mencía e albariño afectadas por mildeu e botrite. O que se fixo foi recoller restos de poda, desinfectalos, parafinalos, enfrialos e enxertalos en cámara climática. Despois inoculóuselles zoospora de mildeu e, finalmente, aplicouse nas follas o extracto de algas coñecido como A1. Nun primeiro momento con doses de 1 mililitro por litro e despois subindo a 2 mililitros. Os resultados arroxaron unha maior incidencia do patóxeno e unha maior densidade nas cepas de mencía ca nas de albariño. Por contra, nos ensaios realizados en campo comprobouse que a maior afectación se produciu nas épocas de callado e envero pero, neste caso, con máis danos no albariño. En calquera caso, as plantas que non foron tratadas padeceron un 80% de incidencia de mildeu e un 75% de severidade, mentres que as tratadas co extracto de algas eses parámetros reducíronse ao 20% e o 50% respectivamente. Como conclusión, a técnica do CSIC sinalou que os extractos de algas, polo de agora, funcionan mellor como bioestimulantes que como funxicidas.
Alfredo Taboada, Tecnólogo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) deu conta das investigacións levadas a cabo con pementos, tomates e leitugas de variedades autóctonas galegas. As probas realizáronse en invernadoiros, en maceta as leitugas e en chan o pemento e tomate. Aplicáronse os bioestimulantes denominados A1, B1 e Control. E o procedemento foi comparar o mesmo número de plantas que recibiron os tratamentos con outras que non os recibiron.
Nas leitugas, da variedade Feáns, fíxose con 30 plantas en 3 doses de 1 militro por litro cada dez días. Posteriormente, mediuse o peso, calibre e validez comercial de cada exemplar unha vez arrincadas as raíces e follas secas ou deterioradas. Finalmente realizouse unha análise foliar, de graos Brix e outros parámetros botánicos.
Para os tomates empregouse a variedade Negro de Santiago, con 60 plantas. Fixéronse aplicacións dos bioestimulantes con doses de 1 mililitro por litro e repeticións cada 15 días. A primeira un mes despois do transplante e a última dous meses despois da primeira. E no caso do pemento escolleuse a variedade Oímbra. O seguemento fíxose a 84 plantas e a aplicación das doses foi a mesma ca a do tomate. Adicionalmente, fixeron ensaios en sementeiros de pemento e tomate co bioestimulante A1. Comparáronse 120 plantas e fíxose unha aplicacción de 10 mililitros por alvéolo, cunha proporción de 1ml/L e cando as plantas tiñan entre 3 e 4 follas verdadeiras. As raíces foron secadas durante 24 horas a 25ºC e pesouse por separado a súa parte aérea.
“Hai que empregar os bioestimulantes como medida de prevención e non como tratamento fronte ao estrés das plantas” Alfredo Taboada, CIAM
Os resultados amosaron que os bioestimulantes que mellor funcionaron foron o A1 e o Control, quedando o B1 con menor eficacia. Taboada sinalou que a ausencia de factores de estrés abiótico nas probas, por realizarse estas en invernadoiro, non permite aínda extrapolar resultados a aplicacións en campo. Polo de agora apréciase que os bioestimulantes non deben ser usados como fertilizantes e que non todas as especies e variedades van responder por igual. E tamén que hai que empregalos para evitar situacións de estrés e non como remedio cando se produzan.
O investigador do Campus Terra, Andrés Osoro, explicou que as algas poden aportar de xeito natural compoñentes que non se atopan ou non son fáciles de obter no medio terrestre. E explicou as investigacións realizadas en xerminación en berro e leituga. No primeiro caso analizando parámetros de estrés en salinidade, calor e seca con sementes en placas Petri. Posteriormente, esas sementes leváronse a plantón en alvéolo. Námbolos dous procesos atopáronse diferencias significativas entre os tres tipos de bioestimulante aplicado e sempre mellores parámetros nas plantas que recibiron aplicacións. Tamén nestas probas os bioestimulantes de algas axudaron a que as plantas deran máis rendemento que as tratadas con bioestimulantes convencionais.
Por parte da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), a técnica de xestión Beatriz Moure explicou a importancia das xornadas formativas e divulgativas para dar a coñecer estes proxectos e poñer os seus resultados a disposición de empresas e produtores. No caso concreto de Bio_Marterra, o fin explícito é medir o efecto da aplicación de bioestimulantes elaborados con algas a estreses abióticos e bióticos en variedades autóctonas de horta, viña e pataca.
Os destinatarios serán empresas produtoras e comercializadoras de algas mariñas, agricultores e viticultores, centros tecnolóxicos e de investigación, plataformas tecnolóxicas, empresas de servizos, administracións públicas vencelladas á agricultura, actividade costeira, medioambiente e desenvolvemento rural e, finalmente, consumidores e público en xeral.
En resumo -e independentemente do lanzamento do bioestimulante de Porto Muíños- durante os vindeiros meses seguirase a facer análises de campo, experimentación e observación e mellorado dos extractos. Tamén se analizará a proporción e dose axeitada para a súa aplicación e, non menos importante, seguirase a traballar nos aspectos legais que permitan sacar os produtos ao mercado con todas as garantías. E todo coa finalidade de crear riqueza aproveitando residuos para convertelos en recursos agronómicos de xeito sustentableO Grupo Operativo Bio_Marterra está formado por un equipo multidisciplinar que inclúe a empresa Porto Muíños, o CIAM, o Grupo de Agronomía da USC, o Grupo VIOR da Misión Biológica de Galicia-CSIC, o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, os produtores Avelino Santana e Horta da Lousa e a fundación FEUGA. O proxecto está financiado conxuntamente pola Unión Europea, o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia cun total de 179.634,83 euroos.