
Actividade da Escola de Silvicultura do Pico Sacro, coa marcaxe de pés de carballo americano para un rareo.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás axudas aprobadas concedidas ao abeiro da convocatoria de 2025 das axudas para os compromisos de mantemento de forestacións que foron subvencionadas pola Xunta nos últimos anos. En total, un total de 172 beneficiarios recibirán 5.260.640 millóns de euros en cinco anos para actuar nunhas 3.287 hectáreas de superficie.
A provincia de Ourense concentra a maior parte das axudas con 97 expedientes tramitados, que abranguen máis de 2.450 hectáreas e supoñen un investimento de case 4 millóns de euros en cinco anos. Estas cifras representan aproximadamente o 75 % tanto da superficie total xestionada (3.287,90 ha) como do importe global (5.260.640 €).
Pontevedra conta con 41 expedientes e 441,97 hectáreas de actuación, cun investimento de 707.152 euros. Por outra banda, Lugo acumulou 27 expedientes para actuar en 311,55 hectáreas, cun investimento de 498.480 euros; e A Coruña con sete expedientes e 84,08 hectáreas por un importe de 134.528 euros.
Poden beneficiarse destas primas as persoas titulares de superficies forestais que fosen forestadas con unha subvención xestionada pola Xunta de Galicia ao abeiro das ordes de axudas para a creación de superficies forestais convocadas nos anos 2020, 2021, 2022 e 2023, e que soliciten as achegas previstas nesta orde de convocatoria.
A finalidade destas achegas é conceder no ano 2025 un compromiso de mantemento ás forestacións beneficiarias, que consiste no pagamento dunha prima anual nos primeiros cincos anos de existencia das forestacións para compensar os traballos forestais de coidado e mantemento posteriores á plantación.
Plan Forestal 2021-2040
A presente orde alíñase con varios obxectivos recollidos na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”, como o da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes á conservación da biodiversidade e á multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, así como as medidas tendentes á mitigación e adaptación ao cambio climático e o desenvolvemento de enerxías renovables, entre outros.
Tamén cabe apuntar ao eixe que aposta pola xestión forestal e a loita contra o abandono no monte, que inclúe accións tendentes a iniciativas de activación da xestión forestal privada. Por último, o eixe sobre recursos forestais e a cadea monte-industria, con medidas tendentes ao fomento de recursos forestais non madeireiros e madeireiros.