A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, dotadas con 2,1 millóns de euros. Estas achegas teñen como beneficiarias a 56 empresas, das cales 20 desenvólvense no sector da transformación e comercialización de produtos agroalimentarios. Ademais, as subvencións van permitir consolidar 552 postos de traballo e crear 56 novos empregos.
A Consellería, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, busca con estas axudas contribuír ao financiamento de proxectos destinados á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes.
Polo tanto, estas accións permiten tanto a ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural, como a xeración das condicións necesarias para crear e consolidar emprego na comunidade autónoma, o que vai favorecer tamén a fixación de poboación na contorna rural.
En canto á distribución de axudas na comunidade, a provincia da Coruña é a que acumula o maior número de empresas beneficiarias, con 23 proxectos e unha axuda de 937.000 euros. Séguea a provincia de Ourense, con 12 iniciativas e 371.700€. Por último, nas provincias de Pontevedra e Lugo beneficiaranse 11 e 10 entidades respectivamente.
Non é a primeira vez que se levan a cabo este tipo de iniciativas, xa que dende o ano 2016 lévanse destinados máis de 20 millóns de euros para proxectos de investimento en actividades non agrícolas no medio rural. Con estas achegas xa se beneficiaron 456 empresas, creáronse 456 postos de traballo e puidéronse consolidar 3.846 empregos.