O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución das achegas relativas aos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos, que permitirán destinar algo máis de 401.000 euros a 27 entidades beneficiarias ata 2029.
Trátase da primeira convocatoria desta liña de achegas nada co fin de fomentar determinadas prácticas voluntarias de xestión que contribúen á conservación e estabilidade dos montes, de maneira que poidan seguir prestando servizos ecosistémicos tales como a regulación hidrolóxica, cantidade e calidade da subministración de auga, servizos culturais e de recreo, protección de solos, conservación da biodiversidade, incluíndo os hábitats, e mantemento da paisaxe.
A axuda consiste nun pago anual durante un quinquenio -anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029-, dunha prima sobre a base dos custes adicionais incorridos e do lucro cesante resultante dos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos.
As achegas son de aplicación aos montes ou terreos forestais que teñan ou estean en condición de obter un certificado de servizos ecosistémicos expedido por algún sistema de certificación forestal recoñecido e validado polos mercados nacionais e internacionais. As declaracións de servizos do ecosistema poderán ser: conservación da biodiversidade (SE1), servizos das bacías hidrográficas (SE2), conservación do solo (SE3) ou servizos recreativos (SE4).
Beneficiarios
A meirande parte das entidades beneficiarias nesta convocatoria son comunidades de montes veciñais en man
común. Neste sentido, as achegas ofrecerán unha prima anual durante un período de cinco anos, destinada a cubrir os custos adicionais e o lucro cesante derivados da adhesión a sistemas de certificación de servizos ecosistémicos recoñecidos.
Plan Forestal 2021-2040
A presente orde alíñase con varios obxectivos recollidos na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”, como o da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes á conservación da biodiversidade e á multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, así como as medidas tendentes a promoción da certificación forestal dos montes galegos.