Listaxe de beneficiarios das axudas para fomentar a ordenación do monte

Listaxe de beneficiarios das axudas para fomentar a ordenación do monte

Monte veciñal en Cedeira (A Coruña)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Xunta para fomentar a ordenación forestal correspondentes á convocatoria de 2022, que tiveron 248 beneficiarios por un importe de máis de 1,6 millóns de euros e unha superficie ordenada de preto de 57.000 hectáreas en toda a comunidade autónoma.

Dende a Consellería do Medio Rural destacan que Galicia dispón na actualidade de preto de medio millón (497.532,75) de hectáreas de superficie forestal ordenada, é dicir, que conta con instrumentos de ordenación e xestión forestal. “Con esta cifra, supérase amplamente o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” para o final do ano 2025, que se situaba na contorna das 380.000 hectáreas”, subliñan dende o departamento que dirixe José González. Ademais, avanzan que “é previsible que ao remate da execución da orde de axudas do 2022 se teña acadado o fito previsto no devandito Plan Forestal para o ano 2030, cunha superficie forestal ordenada superior ás 545.000 hectáreas”.

A finalidade destas subvencións é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Nesa liña, estes fondos permiten financiar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentos simples de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.

Incremento da superficie

En relación co incremento da superficie ordenada, segundo o anuario de estatística forestal de Galicia, no ano 2018 era de arredor de 233.000 hectáreas, o que representaba pouco máis do 10 % da superficie forestal galega. Polo tanto, rexistrouse un incremento do 113 % entre os datos de 2018 e de 2022, o que significa que a superficie máis que se duplicou no referido período.

Na consecución deste obxectivo tiveron unha incidencia especial as ordes de axuda convocadas pola Xunta para impulsar a ordenación forestal. En concreto, se se suman as convocatorias de 2018 e 2020, correspondentes ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, o total de beneficiarios destas subvencións foi de 834, cunha superficie ordenada que superou as 325.000 hectáreas e cuns importes de máis de seis millóns de euros.

Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioG0426-170123-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información