A Xunta vén de publicar o listado de beneficiarios das axudas concedidas por danos ocasionados polo lobo nas resolucións feitas entre outubro de 2020 e xullo de 2021. A provincia de Lugo é a que manifesta un maior número de casos (444), e polo tanto, a provincia máis afectada polos ataques, con moita diferencia sobre Ourense, a segunda zona con 154 subvencións públicas aos prexuízos ocasionados. Á cola sitúase a provincia de Pontevedra, que chegou a 49 axudas paliativas.
O importe económico concedido oscilou entre os 26 euros e os 3022,50 euros, como máximo. Un dato común entre os danos subvencionados é que os meses con máis resolucións son outubro de 2020, abril de 2021, con moita diferencia, e maio de 2021.
Pódese consultar nesta resolución do DOG o listado de beneficiarios das indemnizacións.
O Morrazo, un dos últimos territorios conquistados polo lobo
Un dato revelador no listado de indemnizacións por danos do lobo é a aparición no mesmo da Comunidade de Montes de Meira (Moaña, Pontevedra). O Morrazo, xunto á area metropolitana da Coruña e o Baixo Miño, era das poucas zonas de Galicia que estaba libre da presenza do lobo ata o de agora, segundo se viña constatando nos sucesivos censos realizados polo equipo do biólogo Luis Llaneza. A Península do Morrazo, unha estreita franxa de terra a cabalo das rías de Pontevedra e Vigo, queda separada do resto de Galicia polos catro carrís da autopista A-9, o que evitou o regreso do lobo ata o pasado ano.
“Levábamos máis de 30 anos sen ataques, e agora en época de pandemia tivemos dous ataques, un a 2 cabezas de gando cabrún e outro a 10”, explica Jesús Collazo, membro da directiva da Comunidade. O común entre eles é que ambos se produciron en momentos de pandemia, durante e a posterior de confinamentos.
A pesar de ter as cabras en peches fixos ou dentro de instalacións habilitadas como refuxio, o lobo conseguiu penetrar nos cercados e producir danos. “Aproveitou estes momentos para vir aquí, ou ben pola falta de alimento noutras zonas ou pola falta de actividade e movemento humano, que facilitou o seu acceso”, especula Collazo.