Liñas de subvención, investimentos e proxectos de lei de Medio Rural para o 2022

A Consellería presenta no Parlamento as contas para o próximo ano e sitúa a súa acción en tres eixos: recuperación de terras, prevención de incendios e calidade alimentaria. Os grupos da oposición cuestionan a falta de medidas para abordar os problemas de prezos no campo

Liñas de subvención, investimentos e proxectos de lei de Medio Rural para o 2022

Inauguración hoxe da Oficina Agraria Móbil en Touro.

O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou esta semana no Parlamento o presuposto do seu departamento para o próximo ano, xunto coas liñas mestras que se marca. González sitúa os seus obxectivos nun triple eixo: recuperación de terras, prevención de incendios e calidade alimentaria. Detallamos a continuación os proxectos de lei, liñas de subvención e principais investimentos anunciados polo conselleiro para o 2022.

Proxectos de lei

Logo de completar este ano a aprobación do Plan Forestal de Galicia e a Lei de Recuperación de Terras Agrarias, a Consellería márcase o obxectivo de completar o seu paquete lexislativo con dúas novas leis:

  • Lei de Reforma Integral do Monte Galego, en substitución da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios do 2007.
  • Lei de Calidade Alimentaria de Galicia.

En relación coa promoción da calidade alimentaria, González sinalou que a Xunta proxecta crear unha marca específica no selo Galicia Calidade, denominada Galicia Calidade Alimentaria. Avanzou tamén que en decembro celebrarase en Sergude (Boqueixón) unha feira de promoción dos produtos alimentarios galegos.

Liñas de axudas directas 2022

Estas son algunhas das liñas de subvención e partidas que anuncia a Consellería para o 2022.

  • Plans de mellora, incorporación de persoas mozas e pequenas explotacións: 49 millóns de euros
  • Maquinaria en réxime asociativo: 7,9 millóns de euros.
  • Apoio ó asesoramento das explotacións: 300.000 euros.
  • Instalacións en común: 500.000 euros
  • Garantías públicas para o financiamento de préstamos: 4 millóns de euros.

    Sobre este apartado, González precisou que Galicia será a segunda comunidade en implementar un instrumento financieiro de apoio ás explotacións.

  • Axudas para a creación de asociacións e organizacións de produtores: 500.000 euros.
  • O conselleiro avanzou ademais que no próximo Plan de Desenvolvemento Rural, 2023-2027, destinará fondos para apoiar que as asociacións de produtores entren no capital das industrias de transformación.

Forestal

  • Axudas para a forestación: 12,7 millóns de euros
  • Axudas para a silvicultura e a boa gobernanza de montes veciñais: 10,5 millóns de euros
  • Axudas para novas plantacións de castiñeiro e rexeneración de soutos tradicionais: 4,5 millóns de euros.

    Sobre esta liña, González precisou que este será o primeiro exercicio no que se impulse a recuperación de soutos, unha cuestión para a que considerou trascendental a figura das agrupacións de xestión conxunta, recollidas na Lei de Recuperación de Terras Agrarias. “Estamos traballando tamén nun estatuto para axilizar o funcionamento destas agrupacións”, detallou.

  • Investimentos

    En canto ós investimentos da Consellería, estas son algunhas das partidas anunciadas:

    • Reforzo das oficinas agrarias comarcais: 1,75 millóns de euros.

      González precisou que este 2021 xa se invertiran 2 millóns de euros en 27 oficinas agrarias e sostivo que “non se vai pechar ningunha oficina agraria”.

      Esta mañá en Touro (A Coruña) inaugurouse ademais unha Oficina Agraria Móbil, un servizo que a Xunta considera pioneiro para facilitar a xestión de trámites naquelas zonas nas que non hai oficinas agrarias comarcais.

      Medio Rural sinala que esta Oficina Agraria Móbil terá unha ruta calendarizada, que divulgará con antelación, e que contará con servizos administrativos, técnicos e veterinarios.

    • Base aérea de Verín, centro de loita integral de loita contra os incendios de Toén (Ourense) e mellora de bases operativas dos equipos de extinción: 10,3 millóns de euros.
    • Primeira fase do chamado ‘Espello do rural’ (Proxecto expositivo en Sergude, Boqueixón): 3,4 millóns de euros. Eses fondos destinaranse ó Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, segundo a Consellería.
    • Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: 2 millóns de euros
    • Implantación de pastos en montes veciñais: 5 millóns de euros
    • Elaboración do mapa de usos agroforestais de Galicia, primeiro paso para definir un catálogo de usos do solo: 1 millón de euros.
    • Concentracións parcelarias: 12 millóns de euros
    • Regadio da Limia: 3,7 millóns de euros

      González precisou que esta actuación completarase cos fondos comprometidos polo Ministerio de Agricultura no marco dos fondos Next Generation, nos que se proxectan 15 millóns de euros para o regadio da Limia. Así como fondos adicionais do Ministerio para limpeza de canles e camiños

    Valoracións da oposición

    Desde os grupos da oposición cuestionaron as contas e o proxecto presentado pola Consellería para o 2022. O deputado socialista Martín Seco sinalou que unha prioridade debera ser a posta en marcha de instrumentos para garantir prezos xustos no campo, “acompañando á Ley de la Cadena Alimentaria”, sinalou.

    Tamén apuntou Seco que unha cousa son as contas e outra o grao de execución das mesmas a final de ano: “Por exemplo, dos fondos presupostados o ano pasado para fixar poboación no rural, só gastaron o 70%. Quere isto dicir, que 3 de cada 10 euros non se gastaron, en tanto no rural segue habendo un déficit de servizos importante”, cuestionou.

    Por parte do BNG, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ apuntou como significativos os 3,4 millóns de euros destinados ó ‘Espello do rural’, “unha edificación dirixida a unha recreación virtual, sen conexión coa realidade. O máis grave -considerou- é que acometen estes investimentos cos fondos Feder do Plan de Revitalización trala pandemia, que se deberan destinar a outro cometido. Disfrazan este investimento dun gasto en investigación”, criticou.

    ‘Mini’ fixo tamén referencia á situación de prezos no campo e preguntouse cantos cartos se lle van dar no 2022 ás industrias lácteas e agroalimentarias para executar investimentos.

    Desde o grupo popular, a deputada Elena Candia acusou a ‘Mini’ de terse quedado estancado nos anos ‘70 e apelou á aplicación Conta Láctea, deseñada pola Xunta, como un instrumento que considera que pode axudar á negociación de prezos do leite no campo. Tamén cuestionou que en Madrid “haxa un goberno ecoloxista máis preocupado de protexer ós lobos que ós gandeiros”.

    Fondos para a Lei de Recuperación de Terras, Leader e Next Generation

    A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente de Medio Rural, presentou tamén os seus presupostos 2022 no Parlamento. A súa directora, Inés Sante, destacou que o seu presuposto, dun total de 47 millóns de euros, divídese do seguinte xeito: 7,4 millóns para a recuperación de terras, 18,2 millóns para o programa Leader e 21,6 millóns para planificación e dinamización do territorio.

    Sobre os instrumentos da Lei de Recuperación de Terras, Santé precisou os seguintes investimentos: 5,33 millóns de euros á elaboración de proxectos e realización de obras de polígonos agroforestais e aldeas modelo; 1,5 millóns de euros para o funcionamento do Banco de Terras e outros 610.000 euros para o desenvolvemento de ferramentas informáticas para a xestión dos instrumentos e procedementos de recuperación.

    En concreto, a directora xeral sinalou que actualmente en Galicia hai tres aldeas modelo en funcionamento -nos concellos de Cenlle, O Inicio e Pobra do Brollón- destinadas a gandaría en extensivo con razas autóctonas, sendo en total 14 as aldeas modelo declaradas.

    No tocante aos polígonos agroforestais, que son a ferramenta de referencia da lei para a mobilización e posta en produción dunha maior superficie de terra, a directora xeral informou que na actualidade están aprobadas as actuacións previas dunha decena de polígonos de iniciativa pública que suman case 1.000 hectáreas, ás que habería que sumar as máis de 5.000 ha nas que a propia Axencia está a traballar na ordenación dos usos do solo mediante un catálogo parcial para o posterior desenvolvemento de polígonos.

    A Xunta proxecta un espazo agrario de experimentación en Carballeda de Avia (Ourense), destinado a emprendedores

    Ademais, anunciou que no vindeiro ano poñerase en marcha o primeiro espazo agrario de experimentación nunha destas aldeas, en Muimenta (Carballeda de Avia). Esta é unha nova posibilidade incorporada na Lei de recuperación a través dunha emenda, apuntou a directora, que permite destinar as terras da aldea para á formación e experimentación de actividades agrarias, no que as persoas mozas ou emprendedoras poidan recibir formación e probar o seu modelo de negocio nunha contorna favorable.

    Planificación e dinamización do medio rural
    Con respecto ao eixe de planificación e dinamización do medio rural, a directora xeral avanzou que no ano 2022 poranse en marcha dúas novas liñas de axuda. Por unha banda, destinarase algo máis dun millón de euros para levar a cabo inversións na creación, mellora e ampliación dos servizos básicos por parte da Administración local, co fin de mellorar a calidade de vida e o entorno dos núcleos rurais ligados aos instrumentos de recuperación da terra agraria. A segunda liña inclúe tres millóns de euros para a creación e o desenvolvemento de actividades non agrícolas, co fin de reforzar o tecido empresarial no ámbito rural.

    Así mesmo, continuarase coa actual convocatoria do Plan marco de mellora dos camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas, dotado con case 11 millóns de euros para 2022.

    Next Generation
    A directora xeral avanzou tamén que se reforzará a estrutura da Axencia cunha nova subdirección destinada á xestión de proxectos europeos e á captación de Fondos Next Generation. Será a responsable de impulsar o proxecto tractor para a Recuperación integral e sostible do rural galego, que propón a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, a través da execución de 100 polígonos agroforestais e actuacións de xestión conxunta e 200 aldeas modelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información