O Consello Regulador da D.O. Ribeiro vén de aprobar, mediante sesión plenaria, modificar o seu prego de condicións para limitar de forma decisiva a inscrición de variedades de uva secundarias no seu rexistro de viñas.
A partir da aprobación do novo prego de condicións, os viticultores non poderán inscribir no rexistro de viñas do Consello Regulador as novas plantacións, replantacións parciais ou enxertos en plantacións existentes nas que se utilizaran variedades de uva secundarias.
O novo prego de condicións englobará 18 variedades de uva principais (preferentes) e tres secundarias (autorizadas).
Brancas principais: Treixadura, Godello, Albariño, Loureira, Lado, Torrontés, Caíño Branco, Albilla do Avia e Branco Lexítimo (as dúas últimas recen incluídas).
Branca secundaria: Palomino.
Tintas principais: Caíño longo, Caíño bravo, Caíño tinto, Ferrón, Sousón, Mencía, Brancellao, Espadeiro e Merenzao (estas dúas últimas recentemente engadidas).
Tintas secundarias: Garnacha Tintorera e Tempranillo.
Dende o Consello Regulador destacan que “esta importante decisión quere destacar a irrefutable aposta do C.R.D.O. Ribeiro polas variedades de uva autóctonas, preferentes, castes, para que, tras o coidadoso traballo de viticultores e adegas se convertan en excelentes vinos, elegantes e cheos de matices, que seguirán colleitando galardóns en concursos de viños nacionais e internacionais, así como colmarán as mesas dos consumidores máis dilixentes”.