Limagrain (LG) presentou o pasado día 19 de setembro no concello coruñés de de Boqueixón os resultados do seu campo de ensaio de variedades de millo forraxeiro adaptadas ás condicións de Galicia.
O evento, ao que acudiron tanto técnicos como representantes de empresas distribuidoras, contou tamén coa presenza de Alejandro Solsona, xefe de produto millo de LG para España.
O campo de ensaio, un dos que LG ten en Galicia, realizouse nunha leira da gandería SAT Candesa e nel testáronse 60 variedades, con dúas repeticións, tanto de variedades xa comercializadas como doutras que aínda están en fase de experimentación. A densidade de sementeira foi a mesma para todas as variedades: 90.000 plantas por hectárea.
Pablo Amado, delegado comercial de Limagrain Ibérica, explica que “testamos desde ciclos 200 curtos ata ciclos 700, prácticamente todo o catálogo comercial de Limagrain de millo forraxeiro e todas as variedades precomerciais que estamos ensaiando e que está previsto que se lancen nos vindeiros anos”.
Este ensaio foi sementado o 27 de maio, 25 días máis tarde que o ano pasado, debido ás choivas da primavera, polo que a maduración do millo está atrasada respecto a un ano normal. Veñen de colleitar os ciclos inferiores a 300, mentes que os máis longos teñen que esperar uns días para ser picados, sempre que a climatoloxía o permita.
“Unha vez colleitadas por separado, todas as variedades serán pesadas e analizadas en laboratorios de referencia, e en función dos resultados tanto a nivel de produción, de resistencia á seca, de dixestibilidade e de sanidade vexetal, lanzarémolas ao mercado ou non”, precisa o representante de LG. Precisamente, a empresa de sementes dispón en Santa Comba (A Coruña), dun campo de ensaio para testar en exclusiva a resistencia das súas variedades ás enfermidades fúnxicas, fundamentalmente o Helminthosporium e a roia parda.
Variedades máis demandadas
Pola súa parte, Gustavo García, xefe rexional de LG para Galicia, Asturias, Cantabria e Norte de Portugal, salienta que cada vez cobra máis importancia a dixestibilidade das forraxes: “É importante os litros de leite por hectárea que logramos co millo pero tamén a súa dixestibilidade. Cada vez temos vacas de máis altas producións ás que temos que alimentalas con moitos kilos de forraxe, pero moi dixestibles para responder a estas necesidades, e así mellorar tamén os resultados económicos das explotacións”.
En canto, ás variedades máis demandadas nesta campaña asegura que foron o LG 31455/Lineade e a Bowen. “Debido ás sementeiras tardías que houbo que facer, este ano sobraron ciclos longos e moi curtos e pediuse moito ciclo 300 e 200”, recoñece.
Xa dentro das variedades testadas neste campo de ensaio, velaquí un resumo das máis destacadas:
–LG 31276: Unha variedade moi rústica e adaptada á zona, con alta demanda.
-LG 31265: Un ciclo 260 con maior potencial produtivo que o LG 31276 e que resiste moi ben a alta densidade. Por exemplo, na Terra Chá en regadío úsase moito.
-LG 31279: Variedade lanzada o ano pasado tamén no mesmo ciclo 260 , e que tamén dá moi boas producións e calidades, así como dixestibilidade da fibra.
-LG 31301 e LG 31331: Son ciclos 280, que destacan pola súa altura e volume e precocidade. Para sementeiras tardías como este ano foron variedades que deron marxe para sementar cando os ciclos 300 xa eran moi longos.
-Bowen e a LG 31455/Lineade. Variedades de ciclos 400 con producións moi altas, gran resistencia a enfermidades e stay green moi alto. Dobre aptitude tanto para silo como para gran, que destacan tamén pola súa alta dixestibilidade.
-LG 31662: Unha variedade nova en ciclo 500 que lanzaron este ano.
– LG 31630: Un ciclo 600, unha variedade moi frondosa, con moita folla e moi boa espiga, e que destaca por alta produción, sanidade, e máis proteína, con entre medio e un punto máis que as outras variedades.