A cadea de supermercados Lidl está a intensificar nas últimas semanas os acordos con empresas e produtores galegos, ampliando a gama de produtos de proximidade que oferta nos 32 establecementos na comunidade, e que terá en conta para a venda nas súas tendas españolas e internacionais. Estes días, produtos galegos como as salgaduras, a variedade de produtos de porco celta, xunto coas leitugas, as mazás, a col, o grelo ou a pataca foron as novidades nos andeis destes supermercados.
A aposta de Lidl está a supoñer un volume de compras superior ós 1.000 millóns de euros na produtores galegos nos últimos catro anos. A medida chega, ademais, en plena crise sanitaria, nun novo esforzo por contar con produto local. De feito, dende o comezo da pandemia polo Covid-19 evidenciouse que os consumidores optaban en maior medida polos produtos de proximidade, posto que confían na súa calidade, ó tempo que é un xeito de ser solidarios cos produtores locais. Ademais, tamén se constatou que aquelas cadeas que contaban con provedores locais aumentaban as súas cotas de venda e dispoñían dunha maior variedade de produtos e a reposición nos lineais foi máis rápida durante os momentos de aprovisionamento e maior desabastecemento.
Novos produtos
Ó longo do mes de outubro, Lidl ten previsto engadir, de xeito progresivo, máis de 60 novas referencias á súa oferta permanente. Unha das primeiras incorporacións foi a carne da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega, con pezas como filete, escalopiño, carne picada ou para estofar. É unha medida que tamén resposta ás reivindicacións de organizacións como Unións Agrarias, que levan tempo con campañas de presión a distintas cadeas de supermercados en Galicia para que contasen con produtos de calidade como Ternera Gallega. A carne de vacún e agora tamén a de porco celta súmanse á oferta de produtos cárnicos galegos, posto que a cadea traballaba xa con provedores locais de polo e coello.
Xunto coa carne de porco celta, esta semana tamén incorporaron máis froitas e verduras como leituga (batavia e trocadero), mazá (reineta e golden) col (rizada e picuda), cabaza ou cebola, ademais de grelo e pataca. Ademais, Lidl afianzou o compromiso co sector lácteo galego ó introducir nos primeiros días de mes xa unha decena de artigos lácteos da marca galega Larsa, entre eles diversas variedades de leite e iogures, así coma queixos de Denominacións de Orixe coma Arzúa Ulloa, Tetilla ou San Simón da Costa.
“Dende o comezo da crise sanitaria, en Lidl quixemos reforzar o compromiso que dende hai máis de 25 anos vimos mantendo co produto galego. Conscientes das dificultades que están a atravesar algúns produtores para darlle saída á súa produción, redobramos a nosa colaboración co tecido produtivo local, queremos deste xeito seguir axudando a reactivar a economía galega”, explica Jaime Herrá, director rexional de Lidl en Galicia.
A compañía xa levou a cabo accións nesta liña dende o inicio da crise sanitaria, como a adhesión á campaña Mercaproximidade da Xunta ou a celebración da Semana Galega para acercar Galicia ás súas 600 tendas españolas.