Leyma reposiciona a súa marca para defender o valor de consumir leite galego

Carmen Lence subliña que a aposta dos consumidores polo produto local é a única maneira de manter vivo o sector lácteo galego e garantir a súa sostibilidade

Imagen pack Leyma 2

Novo packaging de Leyma, que recupera a imaxe da vaca que acompañou a marca desde a súa creación en 1962

Leyma, como marca emblemática do leite galego, recupera a tradición nunha nova etapa na que quere defender o valor de consumir leite producido e transformado en Galicia nun momento de grandes incertezas para as ganderías. “Se algo representa aos galegos é o orgullo e o respecto que sentimos polo noso, e Leyma é un exemplo de vinculación co territorio que leva acompañando aos consumidores dende 1962”, explica Carmen Lence, a CEO do Grupo Lence, ao que pertence a marca e a planta de Arteixo na que se envasa desde a súa compra a Puleva no ano 2005.

A compañía busca recuperar a tradición que hai detrás dun produto de primeira necesidade como é o leite, coa sostibilidade do sector e a necesidade de apostar polo produto local: “a única maneira de manter vivo o sector lácteo galego”, asegura.

Queremos apoiar aos gandeiros e gandeiras nun momento de grandes incertezas para o sector lácteo e o campo de Galicia

Desde a súa fundación fai 60 anos, Leyma contribúe a que o 40% do leite consumido en España sexa de orixe galego, destaca a presidenta do Grupo Lence. Con todo, matiza, “na propia comunidade galega, só a metade deste 40% pertence a empresas 100% galegas”, polo que asegura que Leyma busca “apoiar aos gandeiros e gandeiras nun momento de grandes incertezas para o sector lácteo e o campo de Galicia”.

Líder en leite pasteurizado

Para esta nova etapa, a compañía recupera a imaxe da súa emblemática vaquiña, que acompañou a Leyma dende a súa creación no ano 1962, cando inaugurou a súa primeira central leiteira na cidade da Coruña, e que será a protagonista do novo packaging da gama de produtos, xa dispoñible nalgúns puntos de venda.

Leyma comeza unha nova etapa recuperando a imaxe da vaca nos seus cartóns

Deste xeito, Leyma busca evocar a infancia de moitos galegos e galegas, así como achegar a tradición e a orixe ás novas xeracións. “Queremos que Leyma siga sendo unha marca inspiradora reflexo do leite de sempre”, asegura Carmen Lence.

Leyma, con forte implantación no sector da hostalaría, é líder en leite fresco pasteurizado, cuxo consumo está a aumentar nos últimos anos paseniñamente entre os consumidores, pero estando moi lonxe aínda do nivel doutros países europeos, onde o leite UHT é minoritario. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información